Encallar no medio da ría
Cada mañá de luns a venres, ben cedo, centos de pasaxeiros enchen os barcos do transporte marítimo de Cangas a Vigo. A gran maioría das veciñas e veciños de Cangas que traballan da outra beira da ría volven ou ben ao mediodía ou ao longo da tarde. Porén, este venres pola tarde ocorrerá o contrario. No medio da ría cruzaranse cangueses en ambas decisións. Aqueles que volven cansos do día de traballo e os que se achegan a Vigo a aportar un gran de area na loita dos seus. A marea azul subirá en Vigo para evitar que o Balonmán Cangas toque os fondos da ría, para dar un paso de xigante na salvación. Fronte a eles, un Octavio con moitas ganas: pola salvación en xogo e polo desquite da primeira volta.
Os dous equipos chegan ao derbi empatados a puntos, pegados na clasificación, mais son os que dirixe Quique Domínguez os que agora mesmo ocupan a praza de descenso que non parece asignada (o Palma del Río xa está practicamente descendido) debido ao golaverage. Por enriba, Guadalajara e Valladolid poden ser rivais, pero hai moitas circunstancias que fan indicar que entre os dous representantes das Rías Baixas se xogaran a permanencia. Por isto, o partido deste venres, o “derbi da ría” adquire unha dimensión aínda máis grande. Polo golaverage e polas sensacións cara o final de liga.
Quince de quince. O Balonmán Cangas crece tanto na casa, coma sufre fóra do amparo do Gatañal. Ben polas forzas extras que supón unha afección entregada, ben pola falta de experiencia, ben polas odiseas que algunhas veces ten que facer o equipo para xogar os partidos, o equipo de Víctor García “Pillo” non arrancou fóra da casa. Os problemas económicos que afectan ao balonmán nos últimos anos fixeron cambiar a dinámica do Balonmán Cangas. Se fai uns anos se daba un salto de calidade coas fichaxes estranxeiras que completaran o que había na casa, agora quen tiveron que dar o salto de calidade foron os propios xogadores da canteira. O reto que tiveron por diante este ano foi difícil, mais apaixonante; e agora a ninguén se lle escapa a magnífica tempada que está a facer, por moito que se atope loitando pola permanencia, aspirar a algo máis sería unha tolemia. A día de hoxe, porque a marxe de crecemento deste equipo é moi grande. Apoiados nos veteranos, na maior institución do actual Balonmán Cangas. Posiblemente o sucesor de Enseñat. Suso Soliño. Unha vez máis, a eterna xuventude do extremo dereito cangués que xunto con outros coma Fernando Eijo e Santana (con problemas físicos) se encargan de encamiñar, aconsellar e transmitir veteranía aos máis mozos. Xunto a eles, dous primeiras liñas que destacan por enriba do resto. Que están a un nivel moi alto e que se superan a cada paso. Sobre os brazos de David García e Adrián Rosales tamén pasa boa parte das posibilidades de salvación dos do Morrazo.
Os problemas económicos de Pilotes Posada, mergullado nun concurso de acredores, repercutirán no Octavio durante boa parte da tempada. O equipo de Vigo aposta tamén por xente da casa, por un equipo case cen por cen galego. Un equipo no que destaca unha figura sobre o resto. Pablo Cacheda está chamado a ser o futuro do balonmán galego, o futuro do balonmán español, e quen sabe se o futuro do balonmán mundial. O central de Lalín madura a pasos axigantados, peza clave no xogo do Octavio e da selección española junior, coa que gañaría o Europeo, no que ademais alcanzaría o galardón de mellor xogador. Chega a este final de tempada tocado do tornecelo, mais estará no derbi. Xunto aos veteranos coma Fran González ou Rafa Dasilva, quizais o xogador que máis pasións desata nas Rías Baixas xa que xogou nos tres equipos de elite, que serán os que aporten a veteranía. E iso ao que se recorre tanto nos derbis. O equipo de Quique Domínguez non quere repetir o partido da volta, un encontro que parecía ter controlado durante cincuenta minutos pero que se lle escapou cara o final.
As Travesas tremerán. Os barcos de pasaxe volverán a encherse. Os azuis e os vermellos chocarán na pista. Na grada, unha marea azul chegada dende Cangas intentará apagar os ánimos locais. Mais o que esperamos realmente e que non se apague o lume do balonmán nunha das zonas con máis tradición por este deporte. Só queda agardar a final de tempada, máis esperemos que non encallen ambos barcos na ría de Vigo, que ámbolos dous saiban aproveitarse do efecto da marea. Que hoxe sube, e mañá baixa.
Foto de portada: David Moldes – La Voz de Galicia