Dirección: futuro
Achégase o final da carreira despois de rematar un breve período de prácticas e presentar un traballo de fin de grado. Por suposto, hai que ter en conta tamén ese fantástico título que acredita o nivel B1 en lingua estranxeira. Levan catro anos recordándonos o fundamental que resulta dominar o inglés; catro anos nos que non tocamos esta lingua en ningunha materia (con perdón das optativas).
E agora que? No, en serio, que? No último ano de carreira sigo sendo unha rapaza insegura que se cre que as cousas aparecen por si soas. Posibilidades unha vez rematada a carreira? Moitas. Claridade? Ningunha. Ingresos? Un chiste. Enfrontámonos nesta etapa a unha maior autonomía e unha maior implicación persoal. Nós asumimos a dirección das futuras actuacións, o que supón, como requisito previo, coñecer en profundidade as nosas aptitudes, intereses e limitacións. Chegou ese momento de cuestionarnos quen somos, como somos e onde queremos ir. Moito mellor se o cantamos con Siniestro.
Buscar traballo, pagar un máster ou un curso que encha o currículo, fuxir deste caldo de fraudes fiscais… Hai opcións pero que é o que me asegura a independencia e a dirección correcta?, que me sae máis rendible? Son moitos os interrogantes que necesitan unha resposta clara, xa que dela pende o futuro. Precisamos encamiñar a nosa traxectoria formativa en función dos nosos intereses persoais, académicos e profesionais, pero resulta complicado ordenar o caos e atopar solucións. Semella coma se estivésemos dentro dun videoxogo de plataformas e chegásemos ó bicho final. Necesitamos trucos para superalo.
Desde aquí reivindico a figura do Orientador/a Universitario como parte clave da transición entre o fin da carreira e os próximos anos. Máis válido se cabe que aquel señor ou aquela señora que se recluía no seu despacho de orientador de Instituto; máis necesario que nunca en plena crise económica e de iniciativas. Un especialista coas competencias necesarias para o desempeño dun rol profesional cunha alta demanda no contexto socio-laboral actual. A orientación asumiría diversos enfoques como a xestión do noso currículo, unha asesoría baseada nunha relación personalizada e unha función informativa que conte cos recursos documentais necesarios (saídas profesionais das titulacións, becas, asesoramento para a formación, etc).

© Sara Yáñez
Se algo temos claro é que nun tempo de escaseza económica e cambios tecnolóxicos fan falla ideas que consigan encher baleiros, sobre todo en Internet. Pero quen as atopa? A orixinalidade falta cando fixeron de nós simples copias.