Contracrónica dun final inesperado

Cando no minuto 85 Hümmels entraba no partido o alento dos afeccionados do Borussia xa esvaecera por completo. O gol de Eliseu uns intres antes sentenciara a eliminatoria a prol dun Málaga inferior pero que soubera aproveitar os seus exiguos recursos durante os 180 minutos de eliminatoria(baseando o seu liderado no marcador na ida en Willy e na volta en Caballero). Quedaban menos de 5 minutos máis o desconto para o remate e o conxunto alemán necesitaba 2 goles para darlle a volta a eliminatoria. Felipe Santana e Subotic, os centrais, eran agora torres que buscaban peitear balóns na área malaguista, Lewandowski e Schieber, os dianteiros, eran lobos sen nada que cazar máis que un fóra de xogo tras outro. Reus e Götze, as estrelas alemás, desaparecían e escondíanse entre os defensas malaguistas tentando pasar desapercibidos. Piszczek e Schmelzer, os laterais, corrían cara arriba e cara abaixo co rostro da derrota marcado nos seus sobreesforzos inútiles. Sahin simplemente erguía os brazos e protestaba. Hümmels, o recén ingresado, non sabía nin se entrara para defender ou para atacar. Deambulaba polo centro do campo perdido, sabendo que a súa entrada ó terreo de xogo non era máis que un acto de desesperación e urxencia de solucións polo que estaba a ocorrer. A faciana de Hümmels nos derradeiros minutos era o fiel reflexo do que se estaba a vivir no Westfalenstadion.

De súpeto, cando a ineluctable derrota e o desmoronamento se facía patente nos xogadores do Borussia, un último balón chegou ós pés do desesperado Hümmels. O balón enviado camiño da área superou cabezas e máis cabezas ata chocar coa última, a dun Subotic que escorado, deu tocado o balón ó centro cara Felipe Santana. O brasileiro, caéndose, cedeulla a un Reus que aparecía da nada para empatar o encontro. Os tres centrais participaban na xogada e eran os encargados de darlle un mínimo de vida ó Borussia. As caras dos seareiros alemáns aferrábanse á ilusión do último minuto. Ese soño do fito para a historia, ese soño do gol no último suspiro que tan poucas veces chega. Porque os milagres suceden moi de vez en cando. Pero lonxe de darse por vencido, na seguinte xogada, no seguinte minuto, nós pés dos homes dous minutos antes perdidos e sen rumbo, o Borussia ía facer historia. Lewandowski atopábase un balón na banda e centraba a perna cambiada buscando a cabeza de seu compañeiro en ataque Schieber, quen peiteaba un balón perfecto cara a chegada de Reus, un balón vitorioso, que cheiraba a gol. Reus colocaba o balón na área, e co revivido alento do Westfalenstadion, Felipe Santana era capaz de acabar con Caballero á segunda tentativa. Paraba o primeiro, pero o arxentino non era capaz de deter o rexeite. Un estadio apagado oito minutos atrás cando entraba o seu ídolo Hümmels era capaz de anotar en tan só 120 segundos os dous goles máis importantes dos últimos dez anos para o Dortmund. Dous goles que marcarán a historia.

Porque o Borussia hoxe gañou como todos os afeccionados ó fútbol desexamos que o noso equipo gañe. Pode que o último gol fose en fóra de xogo, ó igual que o segundo do Málaga. E pode que Pellegrini e o seu equipo merecesen máis. Pero hoxe é o día do Borussia Dortmund, un día que pasará ó recordo dos seus afeccionados para o resto das súas vidas, un día marcado pola épica dun final inesperado. Como o Manchester United cos dous goles de córner que o desconto lle deron unha Champions ante o Bayern ou a UEFA que encamiñou o Sevilla co gol de Palop, o 9 de abril do 2013 quedará marcado nos almanaques de Dortmund.