Cancións de Amor e Liberdade

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

Cando saín do concerto souben que debía escribir este artigo. A adrenalina liberada en forma de suor durante esa noite foi a chispa que acendeu a mecha do que agora estou a escribir. Foi unha noite grande na que o rock feito en galego reivindicou a súa existencia, a súa potencia, a súa necesaria presenza. Foi unha noite na que as nosas almas foron tomadas por cancións, pero non cancións calquera, senón por Cancións de Amor e Liberdade.

Levo seguindo con ansia todo o que Nao facían público sobre o proceso de xestación deste disco: dende o máis mínimo comentario no seu Facebook ata a máis profunda das entrevistas deste xornal. A primeira nova que tiven do disco foi a estrea do videoclip Mafia, o seu adianto (adianto, pero adianto, adianto; o disco saíu en marzo de 2013 e o videoclip en xullo de 2012… 8 meses!)… e soaba caralludo! A partir de aí, o resto xa o coñecedes: existoso proceso de crowfunding, estrea do disco e actual xira de presentación á que me remitín nas primeiras liñas. Lembro que esa noite os Nao estaban acompañados doutros grandes, os Desequilibrio Mental, polo cal o espectáculo foi por partida dobre. Porén, a estrea é dos Nao, así que lles corresponde a eles todo o protagonismo; ou, mellor dito, ás súas cancións. Agarrádevos forte: volven os Nao, e fano “valentes nun mundo de covardes“.

Nao – Cancións de Amor e Liberdade

Nao - Cancións de Amor e Liberdade

Portada do novo disco

Distorsión a saco é o queatopamos no primeiro corte, nada de intros repousadas. Actitude ante todo, coma O lobo. “Pero un lobo non nace para ser can”, advirten. E é que, como moitos veñen reclamando dende hai moito tempo, algo falla na sociedade, non existe “lugar para o noso destino neste libro baleiro de forma e estilo”, e precisamos de unidade posto que só “será terra de lobos cando ouveemos todos”. A poética e metafórica letra deste tema preséntanos a primeira canción de liberdade do disco. Pero a segunda non tarda en chegar, e faino Entre a utopía e a súa lei. O único repouso que nos ofrecen entre temas é roto por unha batería que estoupa de rabia aos 7 segundos de comezar a canción. Unha utopía é un ideal ou proxecto que se considera moi bo, pero irrealizable. Porén, os Nao cren necesaria a utopía para encamiñarmos cara o futuro correcto. Que quede claro: “a historia vencerá e sei que alí te atoparei, batendo coa utopía a súa maldita lei”. Musicalmente, outro tema perfecto, arroupando a letra dun xeito impecable.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

No terceiro corte contan cos berros dos alumnos e alumnas do IES Lamas das Quendas de Chantada na intro,, posto que foron e son os nenos os protagonistas dun dos males de calquera sociedade: a Pedagoxía do opresor. Tema de rabiosa actualidade tanto hoxe coma en 1939. A educación é un dos piares básicos de calquera sociedade, e se non é de calidade e igual para todos, non haberá futuro. “Escriben coa lei baixo a foto dun rei”. Logo disto, Que dicir. Un dos temas máis pegadizos e directos do disco. Arremeten contra os estados, contra Europa e contra o capitalismo global. Mentres tanto, as guitarras seguen a cravar esas frases nos nosos miolos: “que dicir, que dicir, que direi?”. O punto álxido chega cando as palabras se ispen, coma naquel seu primeiro disco: “chámanlle rescate cando queren dicir roubo. Roubo!!!”. Máis claro, auga.

Ía dicir aquí que Fantaseo é a primeira canción de amor das que levamos, pero realmente o amor e a liberdade van da man en moitas ocasións. Cando non temos o que queremos, o que necesitamos, o que queda é refuxiarnos na fantasía. Apoiado pola voz de Celeste, de EverDream, este tema ofrécenos un (aparente) descanso antes de deixarnos con Heroes da resistencia. Heroes da resistencia son os Nao, pero tamén calquera que resista e loite polos seus ideais se os cre xustos. Son todos aqueles que foron “valentes nun mundo de covardes”. Hai poucos días saíu á luz o videoclip deste tema. Podedes comprobar nel a potencia da súa música e a importancia da unión que reivindican. Ao ver este videoclip lembrei por que creo no poder do audiovisual.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

É tristeque só as sombras nos guíen, nos rompan os soños e a barca cos nosos berros afogándoos no lume, dobrándoos a ferro”. Iso está claro, pero nada se vai arranxar se non facemos algo por cambialo. “Basta xa de asumir que todo isto é moi triste. Basta xa de aceptar. Basta xa de tragar”. Un tema rápido e necesario, posto que chegamos a un punto en que “Só tatexamos consignas, coséronnos a lingua”, e isto non pode seguir así. A metralla de En busca e captura, un tema veloz e preciso, incide nesta idea. Recrimina que “uns poucos dano todo o que todos debiamos dar”, que mirar cara a outro lado é “un desterro, a covardía, morte en vida”. Hai que loitar. Por tanto, é preciso que remate iso de que “secuestran conciencias na nosa indiferencia”. E de secuestrar conciencias calquera goberno sabe un cacho: Os medios son a fin. Cando “A información é a arma”, todo é moito máis doado para quen a controla. Outro dos piares contra os que debemos loitar se queremos cambiar algo, e é que “os medios son a fin, o seu principio, a nosa fin”.

Case sen darnos conta, arrastrados pola corrente musical do disco, chegamos ao corte número 10, que suporá un inevitable punto de inflexión para encarar a recta final. Nova poesía galega I é un conxunto de versos nus, co único acompañamento dun fermoso piano e dun violín que completa o poema lírico e musical. Pero para que non nos acomodemos nos tempos musicais lentos, chega a segunda parte, Nova poesía galega II. Unha derradeira canción de amor (e liberdade) que contén o espírito do disco. A necesaria reivindicación da música e da palabra como forza imprescindible para cambiar as cousas. Permítome reproducir aquí uns versos (tirados desta canción) moi representativo do que son Cancións de Amor e Liberdade:

“Escribir na túa pel poesías de amor
Liberar a razón disparando cancións
Suspirei, afundín, e contigo emerxín
Só me deixo levar cando estou xunto a ti

E sei, que as palabras son navallas, mastigadas, afiadas
Drenadas na nosa lingua para derrubar os seus mandatos

Como pista extra chega Mafia, primeira canción que puidemos escoitar do disco e que conta con videoclip de seu. Este tema fala de algo que lemos todos os días nos xornais e compara ao goberno coa peor das mafias. Moito maletín, moito favor, moita especulación, moito caciquismo. Brutal no eido musical, chea de coraxe na súa letra. Parece mentira que só 4 persoas sexan capaces de dar tanta (e tan necesaria) caña.

Nao, todo actitude. © Charlie Peartree

Nao, todo actitude. © Charlie Peartree

Remata así un disco excepcional, redondo. Sen dúbida, remata o disco dos Nao. Os anteriores contiñan cancións brillantes e letras fermosas, pero malia iso, esta vez superáronse. Non hai un só tema que sobre nos 47 minutos que vos tera enganchado o disco. Musicalmente perfecto, e no tocante ao que contan, sempre acertados. O único malo destes discos é que piden a berros un directo para liberar o que cociñan no teu interior mentres o escoitas. Por sorte, a xira aínda non rematou. Consultade na súa web se vos colle preto algún dos concertos que quedan e non deixedes de reclamar amor e liberdade.