Bayern-Manchester: as dúas caras da final máis recordada
O que vou contar ocorreu hai xa case catorce anos, pero a imaxe dun Kuffour abatido e chorando desconsoladamente sobre o céspede do Camp Nou segue agromando na miña mente cada vez que penso no partido de fútbol que máis recordo, aquel partido entre o Bayern Munich e o Manchester United daquela agarimosa noite do 26 de maio do 1999.
Na imaxe que describo, xunto a Kuffour aparece tamén o lateral esquerdo bávaro, Michael Tarnat, sosténdose nun pau da portería, incrédulo co que acaba de pasar e dando voltas coa mirada esperando que as 90.000 persoas alí presentes só sexan froito da súa imaxinación. No outro pau da portería Linke cae derrotado e nin o sempre impasible Oliver Kahn, sentado no centro da meta, é quen de evitar que unha pequena bágoa caia polo seu rostro. É o minuto 92 e medio de partido e queda medio minuto para rematar. O árbitro italiano do encontro, o famoso Pierluigi Collina, levanta ó compunxido Kuffour, que segue chorando mentres camiña perdido polo céspede. O Bayern saca e Mario Basler lanza un balón arriba á desesperada. Pero non hai nada que facer, a defensa do Manchester despexa o balón e o partido remata. A traxedia acaba de suceder ante as caras incrédulas de afeccionados e xogadores muniqueses.

Jancker chora tras rematar o partido apoiado polo seu compañeiro Helmer
Moitos recordaredes a descrición do momento do que estou falando. Pero para situalo e entendelo mellor, só debemos retroceder cinco minutos desde o momento que acabo de relatar. Imos a elo.
O Bayern de Munich está gañando por 1 a 0 o partido correspondente á final da Champions League da temporada 1998/1999 ó Manchester United. O solitario gol de Mario Basler de falta directa ó pouco de comezar o choque fai xustiza ó partido visto ata o momento. Estamos a punto de entrar no tempo engadido cando o prometedor Hasan Salihamidzic –daquelas- entra no campo no lugar dun Basler que se vai ovacionado. O tempo engadido será de tres minutos. O Manchester, á desesperada, segue buscando o gol mediante balóns colgados ó área por parte de Giggs e Beckham. Nun balón raso e sen aparente perigo aparece a penúltima para o Manchester. Corre o minuto 91 e o conxunto dirixido por Sir Alex Ferguson ten un córner a favor tralo balón despexado por Sammy Kuffour. Coma sempre, Beckham ó lanzamento. Todo o Manchester –incluído Peter Schmeichel- sumado ó ataque na busca do remate. O balón é despexado cara o segundo pau e acaba na cabeza do trinitense Dwight Yorke que a intenta volver colgar á área. O segundo rexeite cáelle na frontal da área a Ryan Giggs con todo para pegala. O remate non é bo, pero aparece o veteranísimo Teddy Sheringham para desvialo cara a portería. 1 a 1. Cúmprese o minuto 91 e o partido parece encamiñado cara a prórroga. Effenberg anima ós seus e dilles que quedan 30 minutos, que hai que sufrir e loitar. Mais o Manchester entra en xúbilo e o Bayern pouco menos que en estado de shock rogando polo inxusto que pode ser o fútbol. O que non sabían é que aínda o podía ser máis.
Tralo gol, o Bayern, xa coa cabeza na prórroga saca de centro e busca un balón arriba cara Carsten Tanque Jancker, un balón que recupera en defensa o Manchester e que Dennis Irwin envía en longo cara o extremo esquerdo en busca de Ole Gunnar Solskjaer. O noruegués encara a Kuffour e de novo provoca outro córner. Corre o minuto 92 e o Manchester terá unha máis. Outro córner. Outro córner “regalado” por Kuffour. Desde aí a historia está escrita e será recordada por moitos. A historia do partido máis épico do fútbol moderno. A historia do partido máis espectacular e á vez máis cruel de todos os que eu vin. Beckham colga o balón á área. Sheringham volve aparecer e desta vez peina o balón no primeiro pau. Solskjaer tamén volve estar no lugar correcto. Só ten que empuxala. Faino. Sheringham e Solskjaer. Solskjaer e Sheringham. Os dous dianteiros suplentes. O “veterano” e o “lesionado”. Levaban 23 e 9 minutos sobre o campo respectivamente, pero entre os dous secundarios de luxo, acababan de facer historia. O Manchester United gañaba a súa segunda Copa de Europa. O Bayern non cría o que acababa de pasar. Como nun campo de guerra os xogadores alemáns quedaban tirados sobre o céspede mentres os ingleses celebraban unha vitoria inesperada e lograda con sangre, suor e crenza no imposible. Beckham e Giggs corrían sen rumbo polo céspede celebrando. Jancker non era capaz de levantarse e era consolado por compañeiros e rivais. Kahn tan só miraba ó ceo. Deus, ou quen estivera por aí arriba, non lles acababa de axudar.

Solskjaer celebra o gol da vitoria con Yorke e Ronny Johnsen por detrás
Acabo de relatar o que quizais mellor exemplifica as dúas caras da historia. Algo similar o que ocorría hai uns días no Borussia Dortmund-Málaga. Porque o fútbol é iso e a así se crea a súa lenda. Unha lenda de vencedores e vencidos, unha lenda, onde segundo contes a historia, para un país ou outro, un equipo ou o rival, a contarás como queiras. Como a historia máis cruel ou a máis épica do fútbol.
Dous anos despois, o Bayern tivo a reválida e a compensación a esta final perdida vencendo ó Valencia nos penaltis. A base do equipo muniqués era a mesma que dous anos atrás. Cañizares, Pellegrino ou Ayala choraron ese día. A imaxe que recordo non é outra que a de Kahn e Kuffour consolando ós valencianistas, pois os bávaros xa sabían o que é estar do outro lado.
Fotos: playup.com, f.i.uol.com