A verdadeira Margaret Thatcher
Disque a dos 80 foi una década épica. A vella España sacudía antigas maneiras ao son de Alaska y los Pegamoides polos garitos da movida madrileña, agardando a entrada aos da europea. Mentres, a mascota de España ‘82 ocupaba as rúas do país, outra -non sabemos moi ben de quen- facía o propio co Congreso dando un susto as suas señorías. Alén, Felipe González poñía a esquerda no goberno cos votos das mulleres que desde a retirada de Suárez non atopaban outro máis feitiño. E todo podíase gravar en VHS. Soa cando menos interesante, debe recoñecer este que escribe sen telo vivido.
Tamén é certo que ocupados rebobinando as casettes, non reparamos naqueles outros cambios noutros lugares do mundo. Entre estes atopamos a revolución conservadora que dous líderes protagonizaron desde unha e outra beira do Atlántico: Ronald Reagan e Margaret Thatcher. A promoción da liberdade económica, a devolución do poder desde os gobernos ás persoas e a loita contra o imperio soviético foron as bandeiras máis destacadas da revolta. Retórica e ideas semellantes non chegarían á pel de touro ata moito tempo despois.

Ronald e Margaret tomándolle unhas
Thatcher foi despedida polo mundo esta mércores, tras o seu pasamento en Londres aos 87 anos. Incriblemente divisiva e polarizante, cadaquén díxolle adeus á súa maneira: uns lamentaban a súa morte e lembraban o seu legado, encanto outros celebraban nas rúas a partida da vella bruxa. Graves acusacións deitaban estes últimos sobre a finada. Os seus principios, dicían, eran os dun credo inxusto que beneficiaba os ricos en detrimento dos pobres. Era a executora, sinalaban, dunhas medidas –privatizacións, desregulación de mercados…- que trouxeran pobreza e desigualdade aos traballadores británicos e unha crise económica aos de todo o mundo, entre outros tópicos. Por resumir: unha muller odiosa cuxa morte estaba ben celebrar.
Asiste a razón a quen lanza estas duras palabras contra a antiga Primeira Ministra? Realmente non. A doutora que fixo recuperar a vitalidade ao home enfermo de Europa -como se coñecía o Reino Unido, intervido polo FMI, cando chegou ao poder- tivo tamén erros, mais iso non a converte no coco que algúns pintan. Tampouco e moito menos nunha persoa cuxa morte mereza unha festa. Incriblemente, a imaxe que hoxe predomina dela entre nós é, fundamentalmente, a vista através dos lentes daqueles que a querían baixo terra. Determinar as razóns desta inquina sería pura especulación: quizá uns realmente cren que era mala de verdade, quizá outros non poidan soportar que o triunfo de Maggie sexa tamén o fracaso da súa ideoloxía. En todo caso, con este panorama, imponse un exame dos feitos e a caza dalgún dos mitos máis comúns sobre a súa figura.
Imprecisións sobre o legado económico
Xunto con Reagan, desenvolveu as políticas de desregulación de mercados que causaron a crise actual.
A priori resulta cando menos curioso descargar as culpas dunha crise que vivimos hoxe nunha señora que gobernou trinta anos atrás. Óbviase, con esta narrativa reducionista, que as turbulencias económicas padecidas hoxe polas economías máis avanzadas teñen orixe na burbulla inmobiliaria creada nos Estados Unidos durante a primeira década do novo milenio. Postos a procurar culpas poderíamos sinalar a Administración Bush e a Reserva Federal dos EUA. A política de crédito doado e diñeiro barato levada a cabo por estas institucións inchou unha burbulla cuxo estourido fixo tremer a economía mundial. Todo por seguir as receitas de economistas keynesianos como Paul Krugman –quen a principios da década pasada solicitaba unha burbulla inmobiliaria para superar a das puntocom. Remedios keynesianos e intervencionismo económico sempre combatidos, curiosamente, por Thatcher.
Olvidando a Bush e tornando a Thatcher pódese dicir que os 80 non foron o período de masiva desregulación que certos mantras nos fan imaxinar. Non só iso, senón que tal e como explica o economista Phillip Booth, en Gran Bretaña Thatcher incrementou a regulación nalgúns aspectos: o seu goberno prohibiu o insider trading (a compra de accións en base a información non pública), a industria de seguros de vida foi regulada de novo de 1980 a 1982 despois de 110 anos sen estalo ou a primeira regulación da banca de capital conforme ás normas de Basilea I tamén se fixo baixo o seu mandato. O acto lexislativo máis importante, no entanto, foi a Financial Services Act de 1986, descrita polo responsable de economía Nigel Lawson como un acto de regulación que daba por primeira vez unha base legal específica á industria financeira. Unha lei que combinaba a regulación estatal con autoregulación do mercado e que procuraba facer máis eficiente a actividade financeira. Resultado? O Big Bang de 1986 que supuxo que, a día de hoxe, 350.000 británicos traballen no sector financeiro e a actividade económica xerada represente un 12% dos ingresos en impostos do tesouro británico. É unha porcentaxe superior a achegada por toda Escocia, tornándose nunha importante fonte de ingresos do estado que achega para o sostemento dos servizos sociais.
Das súas medidas económicas derivouse un importante incremento da pobreza no Reino Unido.
Esta afirmación é correcta, mais só en parte. Incrementouse a pobreza relativa durante os seus anos de goberno, dun 13% a un 24% cando deixou o cargo. Xaora, este dato pode parecer profundamente negativo, mais hai que ter en conta que falamos da pobreza relativa. O que isto significa é que se consideran pobres aqueles que viven cun ingreso inferior a, normalmente, un 50% ou 60% da renda mediana. A utilización desta definición resulta profundamente equívoca porque non ten en conta a condición absoluta do considerado pobre. Basándonos nesta medida clasificaríamos como pobre unha persoa que antes non o sería simplemente se a súa renda tivese crecido a menos velocidade que a dos seus veciños, aínda que de feito se tivera enriquecido. A definición da pobreza relativa é realmente unha medición da desigualdade. Realmente a pregunta adecuada sería: é positivo incrementar a desigualdade se todos gañan ou é mellor que os pobres sexan máis pobres para que os ricos non o sexan tanto?
Bastante evidente resulta que durante os 80 non se obraron milagres no combate contra a pobreza. Agora ben, a miseria tampouco non se disparou como comunmente se pensa, mais a situación dos máis humildes da sociedade mellorou. Tendo en conta os datos, en prezos de hoxe, da distribución da renda percibida pola metade máis pobre do país –a que entra dentro das medicións de pobreza relativa- apreciamos un incremento notable en todos os percentís, agás no inferior. Unha primeira conclusión: realmente, o 50% máis pobre do Reino Unido mellorou os seus ingresos anuais, menos por ese grupo situado nos chanzos máis baixos da escada social.

Agás nos percentís inferiores, o 50% máis pobre mellora un 25% os seus ingresos. Fonte: Office of National Statistics e Institute of Economic Affairs.
No entanto, a mediados dos 90, investigadores comprobaron que ocorría algo cos datos sobre a renda. Entre a renda e o gasto familiar atoparon unha relación bastante forte para toda a distribución, agás para os percentís inferiores. Críticos que anteriormente desprezaran a política económica da Dama de Ferro polos seus resultados sobre os ingresos dos máis humildes, comprobaban agora o nivel de consumo das familias. Era posteriormente confirmado por outros estudos o feito de que o gasto das familias este incrementábase en todos os niveis de ingreso. De tal xeito, cando Thatcher deixou Downing Street os niveis de consumo dos máis pobres si tiñan medrado un cuarto.

Distribución do consumo do 50% das familias máis pobres do Reino Unido. Os ricos máis ricos e os pobres máis pobres? Fonte: Office of National Statistics e Institute of Economic Affairs.
E non só iso. Marcandose como obxectivo a redución da inflación –precisamente ese imposto invisible que castiga aos que menos teñen- esta foi posta baixo control sendo dun 9,7 cando Thatcher deixou o goberno e tendo acadado mínimos do 2,6 durante o verán de 1986. A gráfica mostra o descenso do custo da vida durante os seus anos de goberno.

Inflación durante os anos de Thatcher. Fonte: Office of National Statistics
Loxicamente, a nación, en conxunto, quedou máis rica e medrou por riba do resto de potencias mundiais sobrepoñéndose a dúas recesións, en 1983 e 1990, que superou máis axiña que o resto de países industrializados.

Crecemento do PIB per capita no Reino Unido en comparación cos EUA, Alemaña e Francia. O Reino Unido recupera o liderado nos últimos anos de thatcherismo. Fonte: Conference Board.
Impuxo a austeridade e destruíu o estado do benestar británico, privatizando servizos sociais.
Se Margaret Thatcher privatizou algunha cousa foron as empresas estatais en diferentes sectores da economía. Senlleiras industrias como a Telefónica británica, as siderúrxicas como British Steel, a British National Oil Corporation ou British Airways deixaron de estar en mans dun goberno que até se dedicaba a fabricar coches de luxo en Rolls Royce e Jaguar. Estendeuse así o capitalismo popular que, ao tempo que aliviaba os contribuíntes de soster empresas deficitarias –moitas veces- ou que precisaban inmensas inversións para continuar sendo rendibles, colocaba diñeiro no tesouro público e participacións bursátiles nas mans dos traballadores das mesmas. Dese xeito Gran Bretaña íase transformando nunha democracia de propietarios: dez millóns de persoas convertíanse en tenedores de accións e outros dous adquirían o seu propio fogar comprando as vivendas públicas nas que moraban.
Contrariamente, o gasto público non sufriu grandes variacións baixo o mandato de Thatcher. O tanto por cento que este representaba sobre o PIB reduciuse de xeito notable como resultado da boa marcha da economía e das privatizacións comentadas, non de insufribles tesoirazos en partidas sociais. Non hai máis que botar unha ollada á evolución das partidas orzamentarias para decatarse de que a xestión thatcherista tivo moito máis de conservadorismo aburrido e de mantemento de prioridades que de perverso neoliberalismo antisocial.

Gasto público durante os gobernos de Thatcher. Desmantelamento do Estado do Benestar? Fonte: The Washington Post.
Thatcher privatizou os ferrocarrís británicos e incrementáronse os accidentes mortais.
Realmente non. As privatizacións ferroviarias ou sanitarias, aínda que estudadas, foron rexeitadas pola Primeira Ministra. A filla do tendeiro de Grantham non tiña previsto realizar reformas de tan profundo calado. Unha visión moi diferente da que hoxe se proxecta. Despois de revisar varios informes decidiu deixar as cousas como estaban. Esperando que as persoas que viñesen despois dela para ocupar Downing Street continuase coa súa axenda de privatizacións, deu carpetazo. Non estaba errada e tiña o convencemento de estar realizando reformas tan necesarias como irreversibles. Tampouco andaba tan errada e o tempo daríalle a razón. Irremediable era o adxectivo co que describía as mudanzas. O seu programa non tiña alternativa. Realmente, por iso, tampouco tiña tanta présa e decidiu deixar traballo a outros. Incluso chegou a solicitar a un dos seus colaboradores que non nomease máis a posibilidade de tomar esas medidas posto que serían o Waterloo do seu goberno. Tería que ser o seu sucesor, o conservador John Major, quen procedese a tal tarefa durante a onda de privatizacións vivida a mediados dos 90 e que afectaría tamén á extracción de carbón ou á enerxía nuclear. O resultado é discutido: mentras algunhas publicacións como The Economist sinalaban que fora un erro e partidarios dicían que se fixera mal, outros estudos indicaban todo o contrario.

Tendencia de accidentes e mellora de resultados despois da privatización. Fonte: Prof. Andrew Evans, Imperial College, Londres.
Estragou o tecido produtivo británico e o país desindustrializouse
Se por algo se caracterizaron os primeiros anos de goberno de Thatcher foi por aplicar unha política monetaria radicalmente diferente da coñecida ata aquela altura. Para 1979, o Reino Unido apenas vira políticas inflancionistas que deixaran, por exemplo, unha inflación do 30% en 1975. Esta práctica foi axiña rectificada por Lady Thatcher quen, fiel aos postulados da Escola de Chicago e do seu líder Milton Friedman, practicou un monetarismo de liña dura. Reaccionando contra a asfixiante inflación, Thatcher situou as taxas de xuro en máximos históricos e, efectivamente, a inflación foi controlada.
O resultado negativo destas prácticas foi, segundo os críticos, a destrución da industria manufactureira británica perxudicada polo encarecemento das exportacións. Que a política económica deu lugar ao peche de industrias ineficientes é completamente certo, mais iso non quere dicir que o sector industrial caera no ostracismo. Unha mostra podemos achala na seguinte gráfica, que mostra a evolución da produción industrial manufactureira descontando a inflación e tomando en conta o prezo das materias primas. Esta permítenos ver como, unha vez superada a recesión de principios dos 80 –a administración da medicina- a produción sitúase a niveis superiores aos de 1979 unha vez que Thatcher deixa o goberno no 90.

En vermello os resultados da industria manufactureira nos anos Thatcher. Fonte: Office of National Statistics.
Cómpre tamén destacar que a perda de peso da industria sobre o PIB, que si ocorreu no Reino Unido, foi unha tendencia semellante noutras economías avanzadas nas que non existía goberno ningún presuntamente interesado en asasinar a industria.

Declive da industria manufactureira no resto de países industrializados en relación ao PIB. Fonte: Nacións Unidas e Universidade de Michigan.
Hai outros lugares comúns, que fóra do terreno económico, merecen tamén ser desmentidos:
Era racista e apoiou o réxime do apartheid en Sudáfrica
Poucos mitos son menos certos que este. Realmente Thatcher foi sempre, desde os seus inicios en política, unha firme crítica e opositora do apartheid. En cambio, a imaxe de líder racista expandiuse, interesadamente, ata tal punto que o propio Primeiro Ministro conservador, David Cameron, chegou a cuestionar o papel de Thatcher. Sacáronse de contexto unhas declaracións realizadas en Vancouver nas que tildaba o Congreso Nacional Africano –a organización política que agrupaba a oposición negra contra o apartheid- de típica organización terrorista despois de que o seu brazo armado anunciara que atentaría contra intereses británicos. Tomáronse como súas as palabras dun dos seus voceiros nas que ridiculizaba a suxestión de que tal organización puidese gobernar algún día en Sudáfrica. A súa posición contraria ás sancións ao réxime sudafricano foi, por último, a terceira pedra sobre a que descansou o mito da Thatcher aliada do supremacismo branco.
Repasando, porén, algunhas das súas declaracións sobre o que acontecía en Sudáfrica comprobamos que Thatcher non era a avogada do white power que quixo e quere presentar:
A opinión dos conservadores é que Sudáfrica debe progresar rápidamente cara os Dereitos Humanos para todos os sudafricanos.
Artigo en The Finchley Times, 8 de decembro de 1977.
A política do apartheid, coa súa énfase na separación da xente máis que na unión de toda ela, e a severidade requerida para impola sobre poboación sudafricana é completamente inaceptable. Tanto na propia Sudáfrica como no resto do mundo é crecente a impresión de que o cambio debe producirse. E é no interese de todos que chegue sen violencia. Debemos traballar para facelo posible através do contacto e non através do ostracismo.
Discurso na Cámara dos Comúns, 25 de xullo de 1979.
Non podo aceptar que ningún goberno se xustifique na aplicación de políticas que se basan na discriminación de cidadáns por razón tanto de raza como de relixión. É un principio básico de toda sociedade civilizada que os cidadáns son iguais perante a lei. Un sistema basado no apartheid é indefendible.
Discurso na Universidade de Monash, Australia, 6 de outubro de 1981.
A que máis tarde sería baronesa de Kesteven favorecía unha política de contacto coa Sudáfrica do apartheid. Convencida de que as liberdades económicas son unha condición necesaria para as liberdades políticas e civís, opúxose en todo foro internacional ás sancións e á restricción do comercio. Non quería ver perxudicados os intereses das empresas británicas nun país onde o Reino Unido era o principal socio comercial. Tampouco, compartindo opinión con opositores sudafricanos brancos como Helen Suzmann, quería perxudicar os discrimnados polo réxime boer. Sobre a política de sancións apuntaba, en novembro de 1985:
As sancións económicas non son a maneira de promover o cambio pacífico en Sudáfrica. As sancións non funcionan. Ao contrario, fan os problemas máis graves. Serían un duro golpe para todas aquelas empresas e negocios estranxeiros que están en primeira liña de batalla do esforzo para rematar co apartheid dando á poboación negra un traballo e unha oportunidade para prosperar.

1990, Margaret Thacher reúnese con Nelson Mandela despois da súa liberación.
Este posicionamento converteuna nunha figura apreciada e influínte entre a comunidade branca en Sudáfrica e, sobre esa base, actuou mantendo sempre unha actitude recelosa cara o CNA, a quen percibía como organización comunista e violenta. En 1984, recibiu o Primeiro Ministro Botha na residencia de verán de Chequers. Criticada pola oposición laborista e polos socialistas europeos –que, curiosamente, non cuestionaban os seus encontros con dirixentes soviéticos- defendeuse sinalando que se trataba dun encontro co que pretendía estimular as reformas en Sudáfrica. Thacher leu a cartilla do dirixente segregacionista: condenou o réxime do apartheid, solicitou a liberación de Nelson Mandela, exixiu a retirada das tropas sudafricanas de Namibia e o fin das accións militares contra o CNA. En setembro dese mesmo ano daría asilo político a seis dirixentes do CNA no consulado británico en Dubai. Xa en 1988 negaríase a visitar Sudáfrica se Nelson Mandela non era liberado, sinalando esta medida como imprescindible para a negociación. En xullo 1989 reuniuse en Londres co presidente reformista de Klerk voltando solicitar a liberación do líder negro e reformas democráticas en Sudáfrica, o que se produciría a principios do anos seguinte.
Margaret Thatcher apoiou a Augusto Pinochet e o seu réxime.
Este é, quizás, un dos aspectos máis controvertidos sobre a figura de Thatcher. O 11 de setembro é unha data significativa desde que no ano 2001 terroristas islamistas atacaran os EUA no acto de terror máis infame da historia. No entanto, en Chile, ese 11 de setembro tamén é lembrado como a data de comezo do Rexime Militar de Augusto Pinochet. Este realizaría, ese día de 1973, un golpe de estado co obxectivo de depoñer o Presidente Salvador Allende. Inciaríase así un período de case 20 anos de mandato militar e represión política de opositores, que remataría en 1989 tras o referéndum popular no que, segundo a Constitución de 1980, os chilenos sinalaban que preferían que Pinochet deixase o poder.
Pinochet viviu no poder o enfrontamento dos seus vecinos arxentinos co Reino Unido pola soberanía e posesión do arquipélago das Malvinas. Sen dubidalo, colocou a Chile da parte británica proporcionando apoio loxístico ás unidades inglesas e permitindo o uso de bases chilenas pola aviación do Reino Unido. Isto valeríalle a gratitude e amizade persoal de Thatcher para o resto da vida.
En 1989 Pinochet foi ingresado nunha clínica privada de Londres para ser operado dunha hernia. En España, Baltasar Garzón ditaba unha orde de arresto contra o xeneral polas violacións dos dereitos humanos cometidas baixo o seu réxime. En abril de 1999, con Pinochet en arresto domiciliario en Londres e á espera de que se dirimisen as múltiples batallas legais sobre o seu estatus legal, Margaret Thatcher visitou o exmandatario chileno na súa residencia de Virgina Waters para prestarlle o seu apoio. Esta decisión valeulle múltiples críticas.

1999, Thatcher visita a Pinochet en Londres
A decisión de apoiar a Augusto Pinochet non se debía, como se ten insinuado, a unha simpatía thatcherista polo tipo de réximes autoritarios como o que o ex xeneral tiña instaurado en Chile. As súas declaracións sobre Sudáfrica, a súa condea enérxica do 23-F en España –que calificou de acción terrorista, mentres outros países occidentais lavaban as mans- ou as negativas críticas dirixidas ao réxime militar arxentino de Leopoldo Galtieri deberían abondar como evidencia. No caso de Chile a Dama de Ferro situouse de lado do xeneral Pinochet por dúas razóns: o seu agradecemento persoal pola axuda prestada na Guerra das Malvinas e a súa opinión sobre o papel do xeneral na historia chilena.
Thatcher, ardente anticomunista, observaba a Salvador Allende como un discípulo de Fidel Castro e un aliado da Unión Soviética que pretendía instaurar unha ditadura comunista en Chile. Con frecuencia repetía as palabras de Patricio Aylwin, opositor de Pinochet e primeiro presidente democráticamente electo de Chile en 1990: o goberno de Allende estaba preparando, coa asistencia dunha milicia de enorme poder, a conversión de chile nunha ditadura comunista. Thatcher, como Aylwin, tamén prefería unha ditadura militar a unha ditadura marxista. Opinaba que Pinochet, coa aprobación da Constitución de 1980 e a posterior saída do poder no plebiscito de 1989, permitira unha etapa de transición para a restauración dunha democracia que Allende tiña levado á ruína económica, coa aplicación do seu programa socialista, e á fractura social e política, actuando contra a legalidade democrática desde a presidencia. Así se recollía na Declaración del Quiebre de la Democracia chilena aprobada polo Parlamento da nación andina en agosto de 1973, un mes antes da intervención militar, e que presentaba os agravios do presidente Allende.
Curiosamente, encanto a relación persoal de Thatcher con Augusto Pinochet é profundamente criticada, outras non semellan tan dignas de reproche para os seus críticos. A Dama de Ferro nunca tivo que escoitar críticas pola súa amizade e conexión política con Mikhail Gorbachev. O responsable directo do afogamento en sangue das revoltas de 1989 en Azerbaixán ou Xeorxia e perseguido pola xustiza letona e lituana debido papel da armada soviética no proceso de independencia das repúblicas bálticas non merece cuestión, sorprendentemente.
Son moitas as falsas concepcións e medias verdades que existen para presentar a Margaret Thatcher non só como unha das líderes máis nefastas do século XX, mais como unha verdadeira forza do mal, causante de moitos dos males que hoxe nos aflixen. A xenreira que existe contra ela leva até a protestar durante o seu funeral e felicitarse pola súa morte diante do seu cadaleito. Posiblemente non se coñecen maiores expresións de odio contra un dirixente dun país democrático do século pasado. Poren, á defunta compraceríalle ver a alegría pola súa morte que nace da tirria dos seus opositores.
O analista político checo-americano Marian L. Tupy relata unha anécdota que resumía á perfección a opinión de Thatcher sobre aqueles que a odiaban. Tupy coincidira con ela nunha cea en Londres e achegárase para lle agradecer a súa firmeza contra o comunismo en Europa Oriental, que axudara á caída da fouce e do martelo na República Checa. En resposta, Thatcher estreitou a súa man ao tempo que debuxaba un sorriso nos beizos. Cando, a continuación, o checo lembroulle o odiada que era polos comunistas do seu país a Dama de Ferro transformou o seu sorriso nunha gargallada e retrucou: ben! Alégrome! Iso é porque ao final nós gañamos.