A hipotética selección galega: camiño dun mundial?

Algunha vez pensaches que podería dar de si unha selección galega de fútbol enfrontándose ás principais potencias mundiais? Sexa ou non así, neste artigo tentarei expoñer do mellor xeito posible o que podería dar de si a hipotética selección de fútbol de Galicia.

Con tan só 2.781.498 habitantes (segundo os datos do Instituto Galego de Estatística no ano 2012) Galicia pasa por ser unha das principais potencias futbolísticas de toda España. Tan só superada polas posibles seleccións de Madrid e Cataluña e cun equipo similar ó que poden ofrecer Andalucía ou o País Vasco o fútbol galego respira aires novos nestes últimos anos. Comandado polas figuras de Aspas, Joselu ou Juan Domínguez son cada día máis os futbolistas galegos que triunfan. Non hai tantos anos aínda que os Fran, Míchel Salgado ou Otero eran os encargados de levar o nivel do fútbol galego ó máis alto. Agora, tras uns anos de travesía polo deserto, o futuro do fútbol volve falar galego.

Galiciaaa

Fonte: futbolconpropiedad.com

Chega con relacionar a palabra fútbol a Galicia para que todo afeccionado ó fútbol fale dunha canteira máis que prolífica de talentos. Desde ás épocas de Luis Suárez e Amancio e ata á actualidade, Galicia foi un dos berces do fútbol. Cunha poboación actual similar a países como Albania, Macedonia ou Eslovenia a hipotética nación galega situaríase como o trixésimo primeiro país máis poboado de Europa, superando tan só a países como Luxemburgo, Estonia, Andorra ou San Marino. E este é un dato que fala máis que ben do nivel actual dos futbolistas galegos. Porque tanto nos clubs da terra (Juan Domínguez, Álex López, Hugo Mallo, Pita), como no resto da liga española (Diego Castro, Diego López, Thiago) e incluso no estranxeiro (Rodrigo, Joselu, Lucas Pérez) os futbolistas galegos están a triunfar, e os que veñen por detrás levan camiño delo. Os Ínsua, Rubén Blanco, Jonny ou Lucas Vázquez xa veñen pisando forte para amosar que o relevo xa está ás portas.

E que mellor que amosar o que pode dar de si a selección que falar un pouco dos que a formarían? Para iso o primeiro sería realizar unha pequena preselección dos 50 mellores xogadores galegos na miña opinión (e onde espero non esquecerme de ninguén) :

Porteiros: Diego López (Real Madrid), Roberto (Granada), Yoel (Lugo), Sergio Álvarez (Celta), Rubén Blanco (Celta B), José Juan (Lugo), Diego Rivas (Elche), Ian Mackay (Atco. Baleares)

Laterais dereitos: Hugo Mallo (Celta), Jonny (Celta), Seoane (Córdoba), Barragán (Valencia)

Centrais: Túñez (Celta), Rubén (Osasuna), Jonathan Vila (Celta), Piscu (Wigan), Rochela (Hapoel Tel Aviv), Ínsua (Deportivo B)

Laterais esquerdos: Roberto Lago (Celta), Manu (Lugo), Nano (Osasuna), Raúl (Almería)

Medios centros: Borja Oubiña (Celta), Borja Fdez. (Getafe), Alex Bergantiños (Deportivo), Seoane (Lugo), Pita (Lugo), Mosquera (RM Castilla), Fran Rico (Granada), Álex López (Celta)

Medias puntas: Trashorras (Rayo Vallecano), Thiago (Barcelona), Juan Domínguez (Deportivo), Julio Álvarez (Numancia), Iago Falqué (Almería), Iván Pérez (Lugo), Jota (RM Castilla)

Extremos dereitos: Lucas Pérez (Dinamo Kiev), Diego Castro (Getafe), Lucas Vázquez (RM Castilla), Pablo Álvarez (Lugo), Dani Abalo (Beira Mar)

Extremos esquerdos: Toni (Celta), Jonathan Pereira (Villarreal), Denís Suárez (Manchester City B)

Dianteiros: Joselu (Hoffenheim), Rodrigo (Benfica), Iago Aspas (Celta), Nacho Novo (Huesca), Joselu (Compostela)

Desta preselección sairían os 23 escollidos, o número habitual de xogadores que forman cada convocatoria internacional. Os meus escollidos serían os seguintes:

GALICIA BO

Fonte: creación propia

Vintetrés gladiadores, importantes nos seus equipos, que defenderían a elástica irmandiña por todo o mundo. Como factores diferenciais da selección galega, sen ningunha dúbida, estarían a liña de ataque e a do medio campo. Con Thiago, Álex López ou Juan Domínguez a capacidade de pase e de creación estaría máis que asegurada, mentres que Diego Castro, Iago Aspas ou Jonathan Pereira farían da velocidade outro dos factores clave da selección galega. Os dianteiros, tanto Joselu coma Rodrigo, son dous cazagoles con moito percorrido e ademais xa recoñecidos en Europa.

É quizais a defensa a liña máis feble deste eventual equipo galego. Con Hugo Mallo e Roberto Lago como laterais solventes, tan só Túñez ofrece seguridade no centro da zaga. A compensación estaría na portería, onde o nivel actual de Diego López a sitúa ó nivel das mellores do mundo.

Analizando un pouco máis detalladamente liña por liña atopamos:

Portería: nada que obxectar a Diego López. Titular no Real Madrid, tería o posto garantido sen discusión a pesar do bo nivel que podería ofrecer o chantadino Roberto. O terceiro porteiro disputaríase entre Yoel e Sergio Álvarez, se ben nunha suposta lista de convocados me decido polo primeiro polo ritmo de competición desta temporada.

Defensa: os celtistas Hugo Mallo e Roberto Lago serían fixos de estar ó seu mellor nivel. O valencianista Barragán ofrece unha boa alternativa na dereita á espera do que pode chegar a dar Jonny, mentres que pola esquerda a gran temporada de Manu no Lugo lévame a decidirme por el por diante do clásico Nano Macedo, outrora extremo prometedor do filial do Barcelona, como suplente de Roberto Lago.

O centro da zaga sería a única liña do equipo con nivel dubidoso incluso para ser titulares en primeira división. Coa incertidume de se podería xogar un Túñez internacional con Venezuela no caso dunha emancipación galega, a súa titularidade sería o único seguro. Ó seu lado o osasunista Rubén aporta veteranía pero pouca solvencia. Jonathan Vila e Piscu aportan tamén  experiencia pero aínda menos fiabilidade; e dado o estancamento de Rochela non hai máis alternativas de nivel. Unha historia que recorda un pouco á selección holandesa nos últimos anos.

Medio campo: conforme avanzamos liñas mellora o nivel da selección. No medio centro defensivo Borja Oubiña aporta experiencia, Borja Fernández capacidade táctica e Bergantiños é o encargado de varrer tódolos balóns posibles. Na miña selección deixaría fóra ao último, pero sería unha posición onde calquera dos tres podería xogar. Xa diferente é o posto de medio centro ofensivo. O fillo de Mazinho, o vigués Thiago Alcántara, podería escoller selección en caso de emancipación (como no caso de Vucinic que escolleu Montenegro tras xogar con Serbia e Montenegro cando era un único país) así que contamos con el. O punto de calidade que poden aportar el, Álex López, Trashorras ou Juan Domínguez deixaría ó actual medio campo da selección galega con pouco que envexar a países a priori moito máis potentes e máis poboados como Ucraína, Rusia ou incluso Portugal. Fran Rico, Julio Álvarez ou Pita serían algúns dos importantes xogadores que non terían oco dado o nivel dos convocados.

Ataque: e se o medio campo tiña nivel e variantes que dicir do posible ataque galego. Desde o fillo de Fernando Castro Santos, o “tirapenaltis” Diego Castro, ata a estrela do Celta Iago Aspas, pasando polo “alemán” Joselu e o “brasileiro” Rodrigo, ofrecen unha liña de ataque case ó nivel das mellores do mundo. Lucas Pérez, tras deixar España para probar en Ucraína, volvería a casa consagrado e co recoñecemento de ser un dos xogadores máis importantes do Dinamo de Kiev.

Fonte: uefa.com

Fonte: uefa.com

Se atendemos á clasificación da UEFA, vemos como a selección galega podería entrar sen problemas entre as 10/12 máis fortes de Europa. Superando sen dúbida á actual Grecia (comandada aínda polos sempiternos Karagounis ou Salpingidis) e por detrás dos oito primeiros, Francia e Bélxica, o potencial galego situaríase á par da selección suiza. Os Shaquiri, Inler e Derdiyok sería o espello no que deberían mirarse os Aspas, Thiago e Joselu para pelexar por entrar en Mundiais e Eurocopas. Porque se o nivel de Galicia o podemos poñer á altura do de Suíza (e pouquiño por detrás de Croacia ou Bélxica), os helvéticos son habituais nos últimos anos das fases finais de Mundiais e Eurocopas. Iso quere dicir que Galicia tamén o podería lograr. Un éxito enorme para os pouco máis de dous millóns e medio de galegos e cun calibre semellante só ó éxito de Macedonia ou Lituania nos campionatos mundiais ou europeos de baloncesto.

Aínda así para lograr todo isto falta un factor clave en todo equipo, e sen o cal todo é moi hipotético, ideal e soñado. Un adestrador, e xunto a el un estilo e esquema. Non son o máis indicado para falar diso, pero si que faría unha cousa, confiar todo ó mellor adestrador que deu esta terra en tempo, o gran Arsenio Iglesias. Seguro faría un fútbol vistoso, de toque e onde as principais estrelas puideran asociarse e destacar. Con máis ou menos éxito, “o raposo de Arteixo” non deixaría indiferente a ninguén. As variantes deste equipo serían inmensas, desde o típico 4-4-2 con dous dianteiros de referencia, ata o habitual nos últimos anos 4-2-3-1 con Thiago de enganche ou ata o 4-3-3 coa velocidade polas bandas e co que cada vez máis equipos sorprenden. Sexa como for, o único claro é que sería unha selección para competir con calquera. O sobrenome de cincenta non casaría cun equipo galego que contaría con base para moito.

A pesar de todo está claro que a selección hai que facela, os partidos que xogalos e que o fútbol é un deporte onde podes gañar e perder. Neste artigo a única intención foi falar do posible nivel dunha selección, que dado o nivel dos futbolistas galegos actuais, podería chegar a moito. A algúns non lle importará, para outros será un soño, pero o que está claro é que o fútbol de momento e por algúns anos falará galego.