A consagración dunha estrela: Robert Lewandowski
“Uno, dos, tres, cuatro…” pasa por ser un dos grandes hits de Don Omar, e pode que desde a noite de onte tamén o sexa para Robert Lewandowski. Porque o título desa canción resume o que foi o partido entre o Borussia Dortmund e o Real Madrid para o dianteiro polaco. Un, dous, tres e ata catro goles para meter ó equipo alemán cun pé e medio na final da Champions League. Un partido que sen ningún tipo de dúbida consagra a Lewandowski como o mellor dianteiro da actualidade por diante de Falcao, Van Persie ou Ibrahimovic. Un dianteiro que fai tan só seis anos se ocupaba de ascender a un equipo dunha aldea á segunda división polaca e que chanzo a chanzo foi aumentando os seus minutos e importancia ata converterse na peza clave do equipo revelación desta temporada na Champions, o Borussia Dortmund; un equipo que a todos lles caía simpático polo seu xogo (recordando nisto ó Villarreal de non hai tanto) e que agora ameaza con levantar o cetro europeo.
E é que a Copa de Europa converteuse xa nun obxectivo real para os de Jürgen Klopp, algo do que un dianteiro polaco ten gran culpa. Os catro goles de Lewandowski igualan o rexistro histórico de máis goles nun partido empatando con Messi, Van Nistelrooy ou Prso (naquel fatídico encontro contra o Dépor), mais o mérito do polaco radica en ser o único en logralo nunhas semifinais de Champions. Tan só foi capaz de mellorar esta actuación individual ó longo da historia o húngaro Ferenc Puskas, quen no 1960 era capaz de anotar catro goles para guiar ó Real Madrid á consecución da súa quinta Copa de Europa consecutiva. Un Real Madrid que recordará a noite do 24 de abril como a noite na que un polaco bailou a toda a defensa. Igualou a marca de catro goles dun ídolo do madridismo como Puskas e fíxoo da mesma maneira que o “Canonciño Pum Pum”, tanto recibindo de costas e rematando como anticipándose á defensa e marcando.

Lewandowski celebra ó cuarto gol marcado ó Real Madrid
Porque o partido do polaco ante o Real Madrid foi un clínic do que debe ser un dianteiro centro. Unha mestura da potencia de Falcao, a rapidez de movementos de Agüero, a anticipación de Tévez e o xogo de costas do mellor Trezeguet, un espello no calquera debe mirarse para saber como recibir, darse a volta e rematar colocando o balón onde desexe en menos de medio segundo. Un partido que sen dúbida Lewandowski unirá á súa colección de grandes días, polo momento colocándoo á par da final da Copa Alemá do ano pasado onde o polaco anotaba tres dos cinco goles que o seu equipo lle endosaba ó Bayern Munich.
Ós seus 24 anos Lewandowski ten por fin o recoñecemento que merece en Europa e no mundo do fútbol. A base de traballo e goles conseguiu o que moi poucos logran, destacar sen ningún padriño (medio de comunicación, estrela que te avale, canteira habitual de cracks) e comezando en todos os equipos nos que xogou sendo un máis, un currante que tiña que loitar pola titularidade. Nacido en Varsovia o 21 de agosto de 1988 Robert Lewandowski pronto comezou a xogar na canteira dun dos clubs máis pequenos da cidade, o Varsovia Warsaw. Alí se mantivo ata os 15 anos, onde pasou a xogar noutra das canteiras doutro pequeno equipo da cidade, o Delta Varsovia. Ós 17 anos fichouse nel o Legia, un dos grandes clubs da cidade, pero tras un ano onde chegaba a debutar co filial, o equipo capitalino decidía non contar con Lewandowski. Así, os 18 anos, se Lewandowski quería ter unha oportunidade de xogar ó fútbol profesionalmente no futuro, tería que demostralo desde abaixo e gañando as fabas partido a partido. Así, emigraba a Pruszkow, unha pequena cidade cerca de Varsovia, para enrolarse nas filas do equipo local, o Znicz Pruskow, daquelas na terceira división polaca (dun nivel similar ás Rexionais Preferentes españolas). Cunha idade coa que Bojan xa estaba asentado no Barça ou Higuaín xogando no Real Madrid, Lewandowski loitaba por poder ter un soldo grazas ó fútbol. Ese foi o punto de inflexión para que o verdadeiro Lewandowski comezara a demostrar todo o seu potencial. 15 goles e o ascenso á 2ª división polaca na súa primeira temporada e 21 tantos e o ascenso a primeira división na seguinte levaban a Lewandowski a fichar por un dos equipos máis importantes actualmente en Polonia, o Lech Poznan, por un millón e medio de euros.

Lewandowski durante a súa primeira etapa no Znicz Pruszcow
Ós 20 anos Robert Lewandowski tiña a oportunidade nun dos grandes do seu país e non a ía desaproveitar. 20 goles na súa primeira temporada e 21 tantos, pichichi e liga polaca na segunda servíanlle como trampolín para chegar a unha das potentes ligas europeas. Concretamente á liga alemá e ó Borussia Dortmund, onde coincidiría cos seus compatriotas Lukasz Piszczek e Kuba Blasczykowski. A primeira temporada non ía ser nada fácil para Lewandowski, xa que no habitual sistema dun só dianteiro do Borussia Dortmund se atopaba coa competencia do paraguaio Lucas Barrios, quen a temporada anterior anotara 19 goles. Pero o polaco sabía o que era telo difícil no mundo do fútbol e non ía tirar a toalla. Catro anos atrás estaba loitando por minutos na terceira división polaca e nese momento estaba na mesma situación nun dos grandes da Bundesliga. Pero a temporada pasou e Barrios seguiu sendo o titular. 8 goles en liga era o bagaxe dun Lewandowski que era utilizado como o revulsivo do Dortmund. E así parecía que seguirían as cousas nun Dortmund que comezaba a funcionar. Pero no comezo da temporada 2011/2012 unha inoportuna lesión de Lucas Barrios dáballe a titularidade a Lewandowski. Non a soltaría. Barrios marchaba traspasado destino China e Lewandowski convertíase pouco a pouco nun dos referentes do equipo de Westfalia. 22 goles na liga e pichichi, Copa Alemá e Bundesliga era o resultado de Lewandowski ó final da temporada pasada. Un golazo na Eurocopa contra Grecia levaba a Polonia a soñar con algo máis na súa casa. Non podía ser pero o polaco reafirmábase aínda máis. E esta temporada, xa o vimos no día de onte. Chegou a explosión de Lewandowski. A eclosión dun dos dianteiros máis definitivos e definitorios dos últimos tempos, sen carencias evidentes no seu xogo e con capacidade para marcar de calquera forma e en calquera momento. Ata o momento, 23 goles en liga, 10 en Europa e media final de Champions no bote. Este é Lewandowski, unha realidade que nunca foi promesa.
Fotos: metro.co.uk, bogatyelbag.pl