Za!, flow de estudio e directo
No seu MySpace son un dúo de jungle e pop coreano procedente dos concellos barceloneses de Calonge e Terrassa. No escenario son uns auténticos salvaxes. Falo de Edu Pou, alias Spazzfrica Ehd, e Pau, Papa duPau, o dueto coñecido como Za!.

Za!: Pau, guitarra, e Edu, batería e suor ©Sara Yáñez
Comezaron sendo tres, pero Alberto Alegre, Happy A, marchou para deixar o proxecto sonoro nas mans dun dueto. O grupo deu os seus primeiros pasos achegándose ao ska-punk ata que experimentaron un cambio musical que os converteu nunha das formacións con máis personalidade da escena nacional. Ó principio buscaron novos sons con amplificadores e cun micrófono cutre que lle regalaran a Pau con 14 anos. Agora, tras varios discos de estudio, fan as delicias dun público electrizado polo conxunto multiinstrumental de guitarra, trompeta, batería, teclado e sampler.

Pau enchufa a súa guitarra a dous amplis ©Sara Yáñez
A nivel técnico, Edu incorporou un teclado do Cash Converters ó seu set de batería e Pau conectou a súa guitarra a dous amplificadores, un de baixo e outro de guitarra, conseguindo distintos efectos con cada un. O resultado da súa suma é un son que segue unha pauta ou se improvisa, xa sexa dentro do estudo ou nos concertos. Quen acudiu o día 15 do pasado mes de febreiro á sala Moon de Santiago foi vítima do seu balbordo progresivo. Convulsionamos.
Baixos grosos e distorsións pesadas, ritmos ancestrais, free-jazz, noise, psicodelia, cantos dos pastores de Tuva, post-rock, electrónica analóxica, loops vocais e dadaísmo…. Os Za! non só teñen unha etiqueta, téñenas todas. Pero nada como a definición que eles mesmos se dan: rock esglaonat (rock escalonado), megaflow e enerxía subnormal. Trátase de catro ouvidos influenciados polo saxofonista de jazz John Coltrane, as tormentas de Fugazi ou a orixinalidade de Pony Bravo – unha xoia a descubrir para aqueles que non os coñezan -. Pero seguimos no mesmo, ningún grupo serve para definir o modus operandi de Za!.
En 2007 publicaron o seu primeiro traballo: Eki Eki Eki Kazaam!, o segundo: Macumba o Muerte, chegaría dous anos despois. Este disco foi clasificado como número 2 do ano e como un dos mellores discos españois do século pola revista Rockdelux. Seguiríalle a colaboración Chez Alphonse #1 7″ Split co grupo Nisei no ano 2010 e Megaflow un ano despois. O selo discográfico que eles mesmos codirixen, Gandula, está detráis de Wanananai, o seu último traballo, que verá a luz o vindeiro mes de abril. Esperemos que para o momento da súa publicación teñan fuxido as nubes. O disco edítase en dobre vinilo, CD e dixital, acordando que o máis sensato no medio do incerto da crise económica é arriscalo todo. Wanananai tamén sairá publicado en Alemaña, Austria e Suiza a través de Discorporate Records. Neste cuarto disco de estudo, son Edu e Pau os encargados do deseño artístico. Para isto fixeron unha simulación da instalación de pipas de cerámica do artista chinés Ai Weiwei empregando, no seu caso, laranxas.

Gon Goitia, guitarra e flow de Djalminha ©Sara Yáñez
Supervitaminizados quedamos na sala Moon despois dun concerto no que Za! comparteu escenario cos pontevedreses Djalminha (nome que honra ó seu futbolisa predilecto). Outra parella de maestros da música instrumental. O guitarrista Gon Goitia (tamén compoñente de Unicornibot) e a batería de Berto Fojo (encargado do deseño do cartel do evento) reventáronnos o corazón nun bolo explosivo e sorprendente. Cumpriron con creces mobilizando ós presentes e ós propios Za!, que bailaban máis que ninguén diante do escenario. Hai pezas musicais cunha estrutura que acaba rompendo porque non se sostén nunha calidade artística suficiente para soportala. Djalminha ten o segredo. Lonxe de romper as costuras, teceron unha serie de variables rítmicas que deron lugar a un bonito mantel. A mesa estaba preparada para o prato principal da noite. Os comensais tiñamos fame de máis.
No intercambio entre un grupo e outro, o que comezou cuns baquetazos de Pau na batería acabou por converterse nunha improvisación dos catro. Djalminha e Za! no escenario ofrecendo un espectáculo musical de euforia creativa. O público atónito, sentíndose parte da celebración da tribo. O tumulto dos sons controlados polo azar serviulles a uns como despedida e a outros como quecemento. De súpeto, os barceloneses fixéronse donos da Moon. O show comezou nas escaleiras de entrada ó local pois soaban a trompeta de Pau e as baquetas de Edu aporreando todo canto se atopaba por diante (porta, escaleiras, chan, cristais…). En procesión chegaron ó escenario para dar paso a un potente recital que se nos fixo curto. Vibraron coma se tivesen ortigas nos pantalóns e veleno no sangue. Pau o que tiña era febre, aínda que para el non fose un problema. “Me siento como si estuviese drogado”, dicía.

Gon, Berto, Pau e Edu improvisando ©Sara Yáñez

Pau e os seus numerosos pedais ©Sara Yáñez
O flow era a droga que o mantiña nun estado elevado de pracer. Absortos no concerto, o tempo voaba e a improvisación conducíase a través de sinais e tipos de son. O dueto coñécese ben e nótase. Nun momento no que as bandas se maquetan antes de empezar a practicar o son, Za! dálle a volta á tortilla e fai predominar a paixón pola música por enriba do comercio. Papa Dupau e Spazzfrica Ehd verten o seu brutal directo nun novo traballo de nome Wanananai. Convértense nunha prolongación natural dos seus múltiples instrumentos conseguindo un equilibrio perfecto entre o control do xesto e o descontrol da emoción. Non servirá de nada a manía por aprenderse as letras e memorizar todos os títulos e melodías. O único que resulta é poñerte diante deles nun concerto ou darlle despreocupadamente ó play do reprodutor para ver e escoitar aquilo do que son capaces. Apostan pola inclusión de elementos que soen ben, un ruído que escoiten, un riff, un acorde, unha broma dun colega… Semella o xogo do teléfono escarallado que nunca sabes en que vai desembocar. Tocan para pasalo ben, todo o demais é secundario.