Unha liga en aberto pero sen interese

A Liga Adelante ofrece ós afeccionados, semana tras semana, un almorzo con certos ingredientes interesantes. Moitos equipos, partidos igualados, equipos históricos, xogadores de bastante nome, a decisión do ascenso directo, a loita por salvar a categoría e a emoción co colofón final das eliminatorias polo ascenso. Todos estes, parecen elementos suficientes para un cóctel que o espectador debe degustar con tranquilidade durante a fin de semana. O ideal é que este produto apareza nos momentos onde a primeira división deixe un pouco de espazo. O problema é que ultimamente a primeira non da respiro a ninguén.

Na actualidade, o panorama televisivo español ofrece máis fútbol de segunda en aberto que nunca. Porén, había tempo que non chamaba tan pouco. Sen ir máis alá, esta fin de semana Marca TV ofrece tres partidos de fútbol en aberto, Teledeporte obséquianos con dous e as autonómicas ofrecen un (no caso da Televisión de Galicia faino dende a semana pasada). En total seis partidos en aberto máis un suposto partido da xornada que se queda Canal +. Unha das maiores coberturas da historia televisiva para a división de prata, pero por desgraza é unha das que está a pasar máis desapercibida. Probablemente moitos dos espectadores tipo de fútbol non se decataron desta oferta, ou non a recorden. Quizais só aqueles afeccionados de cada equipo de segunda a recorden e poidan desfrutar a miúdo dela. O caso é que estamos ante algo moi comprensible, xa que hai ben tempo que os horarios de primeira o abarcan todo.

Venres, sábado, domingo e luns. Tódalas franxas horarias posibles. Tanto que se conectas a televisión ás catro da tarde o sábado, podes deixar de ver fútbol ás doce da noite. Esa é a oferta da Liga BBVA en España, cun continuo de partidos que deixa ó espectador descolocado, e a outras competicións que tamén son atractivas sen posibilidade de facerse un oco na axenda habitual. Hai non tanto, a primeira reservábase os mellores horarios, pero deixaba un pequeno respiro para a segunda división en dúas franxas horarias interesantes: sábado ás seis da tarde (aproveitado polas autonómicas) e domingo ás doce (aproveitado por Canal+). Agora xa non existen esas franxas libres. Isto, convértese nun problema crónico que está podendo coa Liga Adelante e tamén con outros deportes como o baloncesto, que aproveitaban estas franxas con mellores resultados que na actualidade.

Todo isto é un grave problema para o fútbol español. Os equipos de segunda veranse obrigados a renegociar os seus contratos televisivos á baixa, porque a esta situación onde a primeira arrebata de forma brutal todos os espectadores tamén hai que sumarlle a crise económica. Estes equipos terán máis dificultades para saír adiante, tendo en conta todos os problemas económicos que xa teñen de por si. Vexamos casos como o do Xerez, o Hércules ou o propio Lugo que se atopa en proceso de conversión. Se algún destes equipos logra ascender será un equipo menos competitivo, co cal non será tan potente en primeira e axudará a que os grandes se diferencien un chisco máis dos pequenos. E así, poñan a roda a funcionar e daranse conta do moito dano que está a sufrir o fútbol modesto. Polo tanto, estamos ante outra pedra máis para construír o muro da nosa “liga escocesa particular”, ou como a min me gusta chamala da nosa “liga das diferenzas”.

A solución non é outra que Roures e Astiazarán comprendan que se están a cargar un sistema e un mercado que non funcionaba mal, ou que polo menos funcionaba mellor que ata agora. Os horarios actuais provocan que o espectador se despegue da competición e prexudican á maioría dos equipos. Desprezar o fútbol modesto e non apoialo ofrecéndolle certos privilexios, tampouco axuda á situación global. A segunda é unha competición que paga a pena e é triste que se perda o seu interese da noite para a mañá. O xogo de equipos como o Lugo ou o Recreativo, a temporada espectacular do Girona ou da UD Las Palmas, e por suposto a exhibición dun Elche que a estas alturas xa é practicamente equipo de primeira división é algo que podemos ver en aberto, como nunca. Porén, hai elementos que acaparan o noso interese e nos impiden prestarlle atención.