Un ano á deriva
Pouco máis dun ano transcorreu entre as dúas últimas asembleas nacionais do BNG, e non foron precisamente augas mansas as que transitou a nave da estrela. Despois dun cisma case tan traumático coma o de Oriente, coido que estes catorce meses teñen un só fío condutor que escenifica perfectamente a realidade da ruptura do nacionalismo galego de esquerda. Ese é Carlos Aymerich, cuxa traxectoria neste tempo chegou a rozar o surrealista.
Inesquecible é para o interesado medio na política do país a saída do ata a pasada semana viceportavoz parlamentario do BNG do recinto feiral de Amio abrazado a Beiras. Aquela era a foto dun divorcio que algúns entenderon como o da militancia coa dirección do BNG. Sen entrar a valorar se o tempo lles deu ou non a razón, naquel momento de incertidume albiscábase unha fractura de dimensións inimaxinables, pois na imaxe semellaba que o que fora referente do nacionalismo durante tantos anos pretendía pasarlle o testemuño ao que debía ser o futuro, aínda que non o fose dentro da “casa común”. Xustamente nese momento comezaba o papelón de Aymerich.

As “escisións” provocan imaxes curiosas // La Opinión
Póñase o querido lector na situación de que lidera un grupo dentro dun partido político (moito poñerse, seino). Vostede decide que os seus amigos xa non pintan nada metidos nesa fronte e axúdaos a marchar. Unha vez que xa están practicamente separados a vostede convídano a quedar no partido cun cargo máis ca apetecible, e ante sensación de que fóra vai moito frío opta por quedar. Entre tanto, o grupo que lideraba negocia para afrontar unhas eleccións con pouco tempo por diante e un terceiro péchalle as portas para continuar co pacto que iniciara na asemblea que supuxo a ruptura do partido do que vostede aínda non marchou. Este cúmulo de infortunios fan que os seus antigos compañeiros se peguen un trastazo monumental nos comicios pero que vostede conserve un sillón moi confortable no Hórreo.

Aymerich perdendo os papeis // ABC
O parágrafo anterior é un retrato a grandes trazos e brocha gorda do que lle aconteceu a Carlos Aymerich, Máis Galiza e o que acabaría por ser Compromiso por Galicia. A decisión de quedar no BNG pola súa parte só se sostiña na vontade de preservar un cargo co que seguir en primeira liña aínda a risco de que a súa imaxe se vira gravemente ferida. Ata aí todo en orde, podemos pensar que é respectable ou non, pero ten toda a lexitimidade do mundo considerando como funciona a oligarquía política patria. O que deixa de ter lóxica é pensar que cando alguén queda dentro dun partido no que estivo a piques de marchar porque non pintaba nada nas decisións, e unha vez que a súa postura aínda está máis debilitada porque a meirande parte dos seus afíns si que marcharon, un se enfade porque segue sen gustarlle o rumbo que toma a fronte.
E agora que? Aymerich di querer voltar á universidade e seguir traballando dentro do BNG, pero lonxe da primeira fila. Particularmente, o que aquí firma non traga ese carocho. Despois do teatro que fixo na última asemblea, onde quixo demostrar a súa separación dos xerifaltes da UPG colocándose diante da prensa para asegurarse saír na foto, a opción máis lóxica para o futuro político do exdeputado semella pasar por facerlle caso aos convites máis ou menos explícitos que lle chegan desde CxG e pasar a integrarse no partido.
Mais, como vemos, a lóxica non sempre foi a forza que predominou neste proceso.