Senegal, Cuba e o rexurdimento do Baobab

Imaxina por un intre que te atopas en París. Es un amante enfermizo da música. Tanto que andas sempre á procura de cousas novas e estimulantes nos lugares máis recónditos. Tanto, que es un dos artífices dunha das máis encomiábeis iniciativas dentro do mundo cultural nas últimas décadas, precisamente para poder conseguir achegar todo este universo musical “descoñecido” á máxima xente posible. Imaxina tamén que estás nun pequeno mercado de segunda man, botando un ollo por aquí e por alá, coa esperanza de atopar algo que pague a pena entre tódalas trapalladas que alguén xa non quere. E de súpeto ficas coa boca totalmente aberta. Non podes crer o que está acontecendo. As pulsacións soben, poste teso (non pensedes mal) e os teus ollos escintilan coa avidez propia do coleccionista. Compras o disco por catro pesos e volves correndo á túa habitación de hotel a toda presa, para escoitalo e comprobar que se trata do que cres: unha auténtica xoia que o azar -ou quizais o destino- levou ás túas mans. Por certo, estamos en 1989.

Isto debeu ser algo así coma o que sentiu Nick Gold, produtor do selo World Circuit Records -responsables, entre outras moitas cousas, da creación dos Buena Vista Social Club– cando por primeira vez se atopou, en forma de casete poeirento e medio estragado polo uso, coa lendaria Orchestra Baobab de Senegal. Pouco despois, xa irremediablemente cativado polos cortes que escoitara, procedería a relanzar esa gravación en vinilo e CD, dándolle un forte pulo á fama internacional do grupo. O mundo occidental comezaba a coñecer a música da orquestra, pero moitos aspectos desta seguían a ser un misterio. De onde saíran aqueles homes que mesturaban con semellante desenvoltura o son cubano coas súas raíces africanas? Onde se atopaban na actualidade? Afortunadamente, Nick estaba disposto a atopa-las respostas. E mesmo se lle custaba todo o seu tempo e diñeiro, estaba decidido a traelos de volta.

vue_dakar_port

Porto de Dakar, comezos do S. XX (Senegalaisement)

Pero vaiamos por partes, como se acostuma a dicir. Escarvando un pouco na historia colonial africana, e en particular na de Senegal, non é complicado adiviñar como o son cubano podía estar tan presente no occidente africano. Isto era posible xa que a capital senegalesa, Dakar, servía como centro administrativo no Oeste do extenso imperio africano francés, polo que se trataba dunha cidade que recibía influencias de tódalas partes do mundo grazas ó comercio marítimo. Deste xeito, a música cubana, moi popular na época, estaba presente na África occidental xa dende a década de 1940 na forma de gravacións traídas polos mariñeiros e comerciantes. Curiosamente, este era un proceso de retorno ás orixes, xa que o propio son cubano, como se adoita chamar á música producida na illa caribeña, naceu coma unha mestura da música española co folclore africano, chegado a Cuba da man dos escravos negros. Co paso das décadas, o apoio do novo réxime castrista a estes países que buscaban a emancipación do imperio estreitaría máis este vínculo cultural, creando unha auténtica fusión musical de ida e volta.

Aínda faría falla unha década máis, ata remontarnos ó ano 1970, para que a Orchestra Baobab se puxera a andar. A súa orixe non foi casual, xa que de feito foi concibida en todo momento para chegar ao éxito. Ese mesmo ano a capital senegalesa asistira á creación dun novo local de moda: o Baobab Club. E digo local de moda xa que a súa clientela estaba composta fundamentalmente por importantes personalidades da cidade coma políticos, intelectuais e comerciantes. A crème de la crème, vamos. Como comentaría o vocalista Balla Sidibe ao escritor Mark Hudson nunha entrevista para o xornal The Telegraph, o código de vestimenta era realmente estrito: «traxe e gravata ou unha completa vestimenta tradicional», ao que engadiu que «só a xente importante podía entrar». O nome do local non era casualidade, xa que ademais de querer simbolizar o espírito da sabana, o propio interior estaba deseñado para lembrar a forma da milenaria árbore, nun estilo arquitectónico que buscaba a mestura da tradición coa sofisticación.

A Orchestra durante unha das súas actuacións no Baobab Club

Imaxe de portada do Hommage a Laye M’Boup (1982), dentro do Baobab Club

Como dicía, a orixe da orquestra non foi casual. O novo local tiña que competir na cidade con outro de corte semellante, o Miami Club, que xa contaba con outra lendaria banda senegalesa para animar as súas veladas: a Star Band de Dakar. Con este propósito os donos do local comprometéronse a formar unha agrupación que puidese estar á altura das expectativas creadas a redor de si. Non escatimaron en recursos, dende logo, e ao estilo dos xeques do fútbol na actualidade crearon un combinado inverosímil, deses máis propios da ficción que da realidade. Desta maneira nacía a Orchestra Baobab, comezando un ascenso meteórico que chegou a durar máis dunha década, transcendendo a fama do propio Club, que pecharía as súas portas en 1979. Unha década de éxito que os convertería nunha das bandas máis coñecidas e mellor remuneradas do Oeste africano, e mesmo do mundo francófono en xeral.

Imaxe: World Circuit Records

Attiso e Cissoko (World Circuit Records)

A estas alturas do relato, preguntarédesvos que é o que facía deste conglomerado de artistas algo tan especial (se non é así, significa que estou facendo algo mal), e intentarei describilo da mellor maneira que as palabras mo permitan. A primeira vista, quen se atopa cos Baobab pode distinguir doadamente a calidade da súa música. Con isto quero dicir que eran uns verdadeiros virtuosos, contando nas súas filas con varios vocalistas con capacidade solista, ademais dun saxofonista, Issa Cissoko, ao nivel dos mellores do mundo. Un prodixioso saxo que se complementa á perfección coa exquisita guitarra de Barthelemy Attiso para levar o peso das lentas melodías. Todo aderezado cunha deliciosa sección de percusión que parece querer levar a contraria á cadencia da melodía, mentres se empeña en sacarnos a bailar coma se non houbese mañá.

Pero o que realmente os distinguía do resto de bandas era a espectacular capacidade coa que podían mesturar os ritmos mandinka, diola e wolof (correspondentes coas etnias súa área xeográfica) co son afro-cubano, xunto cunha ecléctica variedade de influencias que ían dende o reggae ata o jazz. Esta variedade estilística non era senón consecuencia dunha pluralidade no seo da propia banda, cuxos membros proviñan de Mali, Togo e as diferentes etnias senegalesas. Todo este cóctel de influencias tería o seu punto de conexión na súa primeira obra mestra: Ken Dou Werente. O álbum foi gravado en 1982 cun simple magnetófono, baixo a batuta do produtor senegalés Moussa Diallo, e distribuído en formato casete.

Utru Horas é a canción de apertura desta cinta que, como xa adiviñariades, non era outra que a atopada por Gold no mercado parisiense, e que sería remasterizada e lanzada de novo co nome de Pirates Choice – The Legendary 1982 Session. Desgraciadamente, por aquel entón a banda xa fora disolvida, xa que o seu son fora desprazado polo mbalax, cun estilo de carácter máis social. Este movemento estaba encabezado por un rapaz chamado Youssou N’ Dour (actual ministro de cultura senegalés) e a súa Etoile de Dakar, que se convertería co tempo no grupo máis importante do país.

Foi precisamente grazas á axuda do propio N’Dour que Gold conseguiu contactar cos xa dispersos membros da orquestra. Non foi tarefa sinxela, xa que moitos deles exercían outras profesións ou seguiran coas súas vidas. Barthelemy Attiso, por exemplo, practicaba a avogacía en Togo, e levaba anos sen coller a súa vella guitarra. Outros, como o vocalista Thione Seck, estaban enfrascados en novos proxectos e xa non regresarían. Non obstante, co tempo conseguiuse reunir un número suficiente de músicos para unir de novo o grupo, coas adicións dun segundo saxo a cargo de Thierno Koite, así coma o cantante Assane M’Boup. As raíces do Baobab rexurdían da terra, e como se puido comprobar, estaban tan frescas coma sempre.

Orchestra Baobab - Pirates Choice_front

No ano 2001, case vinte anos despois da súa creación, saía á luz unha reedición e nova remasterización do Pirates Choice, engadindo un segundo disco con  cancións procedentes da mesma sesión, que foran recollidas nas cintas Senegambie e Nbalam. Por se fora pouco, a este feito uniuse, un ano despois, a gravación dun novo LP bautizado como Speciallist in All Styles, ademais dun pequeno documental de presentación. Este novo álbum, que contou con colaboracións coma a do gran Ibrahim Ferrer, suporía o comezo dunha xira mundial que os levaría por todo o mundo, contando coa espectacular afluencia dun público que durante todos estes anos agardara o seu retorno.

Anos despois, xa no 2007, sacaban o que é considerado oficialmente como o seu terceiro disco -aínda que o número de gravacións da súa primeira época é dificilmente abarcable-, Made in Dakar. Un disco co que continuaron profundizando no seu son característico, achegando a que é a súa obra máis madura, e coa que demostraron que están aquí para quedarse. Dende aquí non podo máis que agradecérllelo, xa que existen poucas bandas capaces de lograr introducir ao ouvinte nunha atmosfera de seu, tan máxica e enraizada na tradición, que nos achega á esencia da propia música.

free-wallpaper-desktop-wallpaper-africa-tanzania-baobab-tree-t3rmin4t0r