Peter Sagan, chamando ás portas do ceo

Este mes de marzo disputouse a carreira recoñecida coma o primeiro Monumento da temporada ciclista, a Milán-San Remo. Na súa disputa, despois de 298 quilómetros, obtivo a vitoria o corredor alemán do equipo MTN-Qhubeka, Gerald Ciolek. Tratábase dun acontecemento histórico, pois era a primeira vez que un equipo de procedencia africana alcanzaba o triunfo nunha carreira prestixiosa a nivel internacional. Pero a atención mediática na meta non se centraba unicamente na festa dos vencedores, senón que era un xove ciclista do Cannondale quen acaparaba a meirande atención.  Este era Peter Sagan, o gran derrotado nesta edición da classicissima, pois todos os prognósticos o daban coma favorito e non foi quen de superar a Ciolek nos últimos metros, tendo que conformarse coa segunda posición. Á súa idade de tan só 23 anos, semella ridículo calificar coma fracaso este resultado, pero hai tempo que Sagan persegue obxectivos máis alá dos que se lle poderían pedir a calquera outro ciclista da súa xeración.

Ciolek batendo a Sagan en San Remo.

Ciolek batendo a Sagan en San Remo. Foto: www.altaspulsaciones.com

Peter Sagan naceu na cidade eslovaca de Žilina, próxima ás fronteiras con Polonia e a República Checa, no ano 1990. Esta é unha pequena e fría vila industrial, que pasaría desapercibida nos mapas de non ser pola fábrica de Kia situada nas súas proximidades, que serve de motor do desenvolvemento económico da zona. Seguindo o exemplo do seu irmán Juraj, axiña comezou a montar en bicicleta e a competir, especialmente nas modalidades de ciclocross e ciclismo de montaña.

No ano 2008 proclamouse campeón mundial e europeo junior de ciclismo de montaña, fichando a posteriori polo equipo continental eslovaco Dukla Trencin Merida. Nesta etapa, participou nun campamento de entrenamento organizado polo equipo ProTour Quick Step, co que negociou un contrato que non se levou a cabo polas altas peticións económicas de Sagan. A temporada seguinte, sería Liquigas quen o ficharía para competir no World Tour despois dos seus resultados durante o 2009 : o primeiro posto no GP Kooperativa, unha modesta clásica en Eslovaquia, e dúas victorias parciais na Dookola Mazowska, unha volta por etapas menor en Polonia. O equipo italiano levaba seguindo ao corredor eslovaco dende o mundial de Trento de 2008 e, tras retirar Quick Step o seu interés polo corredor, tivo vía libre para contratalo, pese á renuncia inicial deste ao ciclismo en ruta. Con el, tamén chegou a escuadra italiana o seu irmán Juraj, que por aquel entón competía en equipos franceses semiprofesionais de perfil baixo, coma o Team Albert Bigot.

Apenas comezada a temporada, no mes de xaneiro, Sagan compareceu por primeira vez diante das cámaras ao saír na persecución dun Lance Armstrong que volvía a competir tras varios anos apartado do ciclismo no critérium previo ao Tour Down Under, celebrado en Australia. Xa nesta proba, o eslovaco quedaríase ás portas do seu primeiro triunfo como profesional, despois de aguantar no grupo cabeceiro formado por corredores de prestixio coma Cadel Evans ou Luis León Sánchez nas etapas de maior dificultade. Pero pouco tivo que pospoñer a súa primeira celebración, pois dous meses despois, na disputa da París-Niza, Sagan conseguiría dúas victorias de etapa. A primeira, impoñéndose nun sprint a un grupo formado por Nicolas Roche, Joaquim Rodríguez e el mesmo; e a segunda, en solitario, despois de demarrar do pelotón nos quilómetros finais dunha pequena cota na que remataba a etapa. Así pois, o nome de Peter Sagan comezaba a coller forza no pelotón internacional, especialmente despois das súas victorias parciais no Tour de Romandía e a Volta a California. Pese a todo, a progresión que estaba a seguir estancouse a partir da Volta a Polonia, na que se viu obrigado a abandonar porque o seu corpo non podía máis. Un final máis relaxado de temporada diseñado expresamente para non saturar as pernas do neoprofesional propiciou que non acadara máis vitorias durante o ano 2010.

Foto: Roberto Bettini

Foto: Roberto Bettini

2011 sería o ano da consagración de Peter Sagan. Comezaría pronto a engrosar o seu palmarés coa victoria final no Giro de Cerdeña. O dominio amosado sería aplastante, obtendo a maiores da clasificación xeral, tres vitorias de etapa e por diante de escaladores de primeiro nivel coma Scarponi ou Cunego. Sería tamén o ano de adaptación ás clásicas de primavera, as carreiras que máis se adaptan ao seu perfil como corredor, mais que primeiro debeu coñecer. Competiu na Milán-San Remo, na Gent-Wevelgem, na Ronde van Vlaanderen (Tour de Flandes), na París-Roubaix e na Amstel Gold Race sen resultados dignos de mención en ningunha delas. Volvería a reencontrarse coa victoria no Tour de Romandía e na Volta a California, e acadaría o título de campeón nacional de Eslovaquia, aínda que nun principio o seu propósito era axudar a seu irmán a conseguilo. Non foi incluído no equipo de Liquigas para o Tour de Francia, polo que a súa cita coa carreira ciclista máis prestixiosa tería que aprazarse outro ano, pero resarciuse disto gañando con total autoridade a Volta a Polonia, dúas victorias parciais incluídas. Con esta bagaxe presentábase Peter Sagan na Volta a España, que foi a que finalmente elevou ó eslovaco ao nivel de figura do pelotón internacional. Tres vitorias de etapa e unha presencia máis que notoria foron as súas credenciais. Como colofón ao seu tremendo ano, vencería tamén nunha clásica de pouco nivel en Italia, o GP Industria & Commercio di Prato.

Sagan chegara ao pelotón internacional non só para quedarse, senón para dominalo e ser a súa principal estrela. Comezaban a xurdir comparacións co ciclista máis completo de todos os tempos, o “caníbal” Eddy Merckx. Para el tamén comezaba a xeralizarse o uso dun alcume que aludía ás súas superlativas condicións, “O Bicho”. Agora que xa era coñecido pola gran maioría dos aficionados ao ciclismo,  era o momento de preguntarse onde estaban os límites deste portento. Capaz de vencer en sprints masivos, en demarraxes en solitario, en etapas de media montaña, en clásicas de pavés ou de superar dificultades montañosas sen problemas, as expectativas eran moi elevadas. Só lle faltaba superar portos de largo quilometraxe para poder competir nas mellores condicións en calquer tipo de carreira. Pero, de momento, Sagan só era unha promesa con algún bo resultado, coma os da Volta a España ou da París-Niza.

Sagan vencendo en Omán. Foto: bycycling.com

Sagan vencendo en Omán. Foto: bycycling.com

2012 convertiría a promesa en realidade. O Tour de Omán, un clásico para os velocistas xunto co de Qatar, traería a súa primeira vitoria da tempada. Na carreira dos dous mares, a Tirreno-Adriático, lograría unha victoria dun perfil moi distinto á de Omán, impoñéndose nunha etapa de montaña a un grupo de corredores coma Roman Kreuziger ou o seu compañeiro Vincenzo Nibali. As clásicas que tanto se lle atravesaran o ano anterior serían máis doadas para el grazas á experiencia acumulada, mais non conseguiría erguer os brazos na meta de ningunha delas. Cuarto en Milan-San Remo, segundo na Gent-Wevelgem, quinto en Flandes e terceiro no clásico final en Valkenburg, na Amstel Gold Race. Moitos tiros ao traveseiro, ningún gol. Para desquitarse desta ausencia de vitorias estarían os xa clásicos Tour de Romandía e Volta a California, onde, en conxunto, acadou ata nove triunfos parciais, catro en Suiza e cinco nos Estados Unidos. Tras revalidar o seu título de campeón eslovaco, presentábase o gran obxectivo da tempada, o Tour de Francia. Cómpre sinalar que a preparación do Tour non foi todo o prácida que podería desexar, pois tivo que enfrontarse co outro “capo” do Liquigas, Vincenzo Nibali, quen pretendía rodearse do maior número de gregarios posible para facer fronte ao Team Sky de Bradley Wiggins e Chris Froome. Isto provocou que Sagan quedase algo falto de compañeiros para preparar as chegadas masivas, onde outro membro do Team Sky, Mark Cavendish parecía disposto a prolongar a súa hexemonía nos sprints por terras francesas.

Mais estas dificultades non foron abondo para frear a Sagan, quen non tardou en escribir o seu nome en letras de ouro na historia da carreira francesa. Despois dun prólogo que finalizou coa previsible vitoria de Fabian Cancellara, Sagan venceu na primeira etapa en liña. Máis de dous mil anos despois, Xulio César regresaba á Galia. Veni, vidi, vici. Unha oportunidade, unha victoria. Facendo uso das súas condicións como home rápido, conseguiu adiantarse no sprint final ao grupo selecto formado polo entón líder Cancellara, Boasson Hagen e máis el. Non se quedaría aí o espectáculo ofrecido por Peter Sagan na ronda francesa. Na terceira etapa, victoria de Cavendish en chegada masiva e sexto posto do eslovaco entre medias, a etapa finalizaba na localidade francesa de Boulogne-sur-Mer. Os quilómetros finais picaban cara arriba e prevían unha chegada dura e reservada para especialistas coma Valverde ou o noruego Boasson Hagen, a quen Sagan xa vencera na primeira etapa. Enfundado no maillot verde de líder da regularidade, Sagan lanzaría un ataque durísimo a falta de 250 metros que ninguén foi capaz de seguir. De novo, podía erguer os brazos na liña de meta, esta vez batendo ao pelotón no seu conxunto. Celebrouno dun xeito peculiar, soltando as mans do manillar e finxindo correr. A posteriori diría que esta celebración tiña que ver co filme “Forrest Gump”. “A el decíanlle que correra e corría, a min pídenme que gañe e fágoo”, declaraba o ciclista eslovaco. Na sexta etapa, camiño de Metz, volvería acadar a vitoria. Esta vez, nunha chegada masiva e por diante de corredores coma André Greipel ou Matthew Goss, especialistas nesta disciplina. Non volvería a chegar en primera posición en ningunha etapa, pero si que conseguiría aguantar o maillot verde dos puntos ata París, o cal era o seu obxectivo antes do Tour, pero semellaba demasiado ambicioso. Ademais dos logros, Sagan amosaría xestos e declaracións propias dun veterano e inauditas nalguén de 22 anos. Xa era alguén con importancia e calado no pelotón internacional. Como resumo do sensacional Tour de Francia do eslovaco, nada mellor que este vídeo.

A segunda metade do ano 2012 foi menos fructífera que a primeira, algo que era de esperar despois de todo o acadado. Pero estaba claro que Peter Sagan se convertera no principal baluarte do equipo, por diante dun Vincenzo Nibali que acadara bos resultados, podio no Tour incluído, pero que restaba a capacidade de apoio do equipo ao eslovaco. Así pois, Nibali, un dos capos do pelotón internacional fichou por Astana, quen lle aseguraba a xefatura do equipo e o Liquigas, que pasaría a chamarse Cannondale no ano seguinte, programou o seu ano seguinte en función de Sagan. Marcharon corredores coma Capecchi ou Szmyd, preparados para ser gregarios nas grandes voltas, e viñeron outros cun perfil axeitado para axudar a Sagan. Os clasicómanos da escuadra, coma Moreno Moser, tamén recibiron un pulo e un maior peso específico dentro da formación.

Sagan celebrando a vitoria en Bolougne-sur-Mer. Foto: Roberto Bettini

Sagan celebrando a vitoria en Bolougne-sur-Mer. Foto: Roberto Bettini

2013 prometía ser o ano Sagan. Había voces que incluso apostaban por un pleno do eslovaco nos cinco Monumentos do ciclismo (Milan-San Remo, De Ronde Van Vlaanderen, París-Roubaix, Liège-Bastogne-Liège e Giro de Lombardía). Por condicións, dende logo, non sería. Pero, en ciclismo, a vitoria depende de moitísimos factores máis alá do talento individual. O ano comezaría con dúas vitorias no Tour de Omán, que o catapultarían directo cara as primeiras clásicas italianas. A finais de febreiro, impoñeríase no GP Citta di Camaiore a un grupo conformado por grandes escaladores. A semana seguinte, podería volverse encontrar coa victoria na Strade Bianche, unha fermosísima carreira que toma o seu nome do pó branco que cubre estradas sen asfaltar percorridas polos ciclistas no corazón da Toscana italiana. Podería, mais decidiu servirlle en bandexa ao seu compañeiro Moreno Moser, obtendo así o dobrete o Cannondale.  Con eses resultados presentouse na Tirreno-Adriático, na que logrou dúas vitorias parciais, incluída a da etapa raíña, con final en Porto Sant’Elpidio. Batendo a Nibali e a Joaquim Rodríguez no sprint final, obtiña o triunfo nunha das etapas máis duras dos últimos tempos, que incluía dificultades con desniveis en torno ao 30%. O estado de forma de Peter Sagan de cara ás clásicas de primavera asustaba. Chegaba pletórico a unha Milan-San Remo onde a súa vitoria, en base ás previsións das casas de apostas deportivas, estaba cantada. Mais o traballo que se viu obrigado a facer e a marcaxe que lle fixo o resto de favoritos propiciou que Ciolek o batera nos últimos metros. Isto non foi un contratempo para Sagan, que seguiu competindo sen preocuparse polo acontecido. De novo, o pasado venres, finalizou segundo. Esta vez foi na E3 Prijs Harelbeke, e o responsable foi un Fabian Cancellara, co que existe unha certa rivalidade, pletórico, quen fixo escapado en solitario os últimos trinta quilómetros de etapa para acabar cunha diferencia de máis dun minuto sobre o seguinte clasificado. O domingo reencontrouse coa vitoria. Finalmente, puido erguer os brazos (no seu caso, a bicicleta) na liña de chegada da Gent-Wevelgem, que levaba un par de anos escapándoselle. Fíxoo tras un ataque durísimo nos últimos quilómetros, no que se despegou dos seus compañeiros de grupo para acabar chegando con máis de vinte segundos de vantaxe.

Esta é a primeira clásica de primeirísimo nivel que consigue Sagan, pero parece ben seguro que non será a última. De momento, este domingo ten unha cita co segundo Monumento da tempada, o Tour de Flandes. Veremos se alí consigue impoñerse a ciclistas coma Cancellara, Gilbert ou o rei do pavés, Tom Boonen. O que si é seguro, é que Peter Sagan está chamando ás portas do Olimpo ciclista. Veremos se se lle abren ou non.

Sagan gañanado a Gent-Wevelgem. Foto: Thierry Roge

Sagan gañando a Gent-Wevelgem. Foto: Thierry Roge

Foto de portada: Bryn Lennon