Os tempos non foron chegados
O Bloque Nacionalista Galego adía na súa XIV Asemblea Nacional un exercicio de autocrítica imprescindible para a recuperación da fronte. Xavier Vence, único candidato á portavocía nacional, foi maioritariamente elixido polos preto de dous mil militantes que se deron cita no Pazo de Congresos de Compostela.
A Asemblea das palmadiñas nas costas. As primeiras xa se deron no vestíbulo, na antesala dun cónclave nacionalista que a priori non tiña incógnitas orgánicas a despexar –unha única candidatura ao Consello Nacional- pero que agardaba anceios de cambio, de fortalecemento, de espertar á organización despois do seu annus horribilis pasada a Asemblea de Amio. Alí chegaron de mañá os Paco Rodríguez, Carlos Aymerich, Guillerme Vázquez –abríndose paso entre bicos nas meixelas e apretóns de mans- e Xavier Vence, tranquilo en apariencia.
As continuas mencións a Rosalía, Castelao e Alexandre Bóveda florearon as intervencións. Moi escasos foron os militantes que externalizaron a crítica polos altofalantes da sala, a inmensa maioría agradeceu os servizos prestados a Guillerme Vázquez e afondou unha e outra vez na unidade, na lealdade. Despois de rexeitar o voto en urna e de ver como Vázquez case se deixaba a gorxa no seu derradeiro discurso como portavoz nacional, aprobouse por abrumadora maioría un Informe de Xestión que nomea que o “BNG afrontou unha escisión que dificultou a normalización da vida interna e non contribuíu a mellorar a súa imaxe social” e un Relatorio que di que se deben “corrixir no inmediato as eivas de carácter organizativo e de funcionamento”. Durante toda a mañá abondaron os aplausos, os berros de “independencia” e “Galiza ceibe” e a palabra “soberanía” repetiuse ata a saciedade.

Fonte: Flickr do BNG
Pola tarde e trala presentación e aprobación das emendas, Vence pronunciou o seu discurso de clausura unha vez refrendada a nova Executiva e o novo Consello Nacional. Unha intervención de aproximadamente corenta e cinco minutos ben artellada pero excesivamente longa e carente de pulo. Algúns din que non ten o carisma ou o “tirón” do seu predecesor, mais respecto ao contido os dous semellaron non ser tan diferentes. O novo portavoz defendeu a soberanía dende o económico, a súa especialidade, con profundidade e solidez. Alentou aos militantes á interiorizar os conceptos de soberanía e nacionalismo para non converter nun bucle o discurso do BNG. Vence tentou trasladar á organización a necesidade de facer un proxecto “transversal e a longo prazo” para tecer en todas as capas sociais, económicas e políticas un sentimento nacionalista maioritario. Ámbolos dous fixeron referencia aos que marcharon. Vázquez acusounos de irse dunha forma pouco honesta e de intentar “facer saltar polos aires á organización”. Vence deixou claro que é necesario reformar a cohesión interna : “Hai que pensar no que nos une e olvidar o que puidera diferenciarnos”. Como era de esperar, os dous se detiveron a falar da soberanía. “Non sabemos cando, pero conquistaremos a Galiza soberana, laica e republicana”, dicía o exportavoz. Tamén recordaron que alcanzar estes obxectivos vai ser difícil, pero manteñen a ilusión, xa que o proxecto do BNG é a longo prazo. Non faltaron as críticas aos españolistas, ao PP dende Feijóo ata Rajoy.
Certamente, a antipolítica é hoxe un virus mortal. Nós temos que ser o antídoto. (Xavier Vence)
Pese ás escisións, non se mostrou o cambio que Xavier Vence prometía ao comezo do seu discurso: “Todos somos conscientes de que non é unha Asemblea normal, é especial. Temos por diante retos enormes, cara a dentro e cara a fóra. Moita xente no país está agardando os resultados desta Asemblea. Non polo que hoxe culmina senón polo que hoxe comeza” . Mudou o portavoz, pero o fondo segue a ser o mesmo: o discurso de Guillerme e o de Vence foron sorprendentemente semellantes.
A Asamblea comezou e rematou co canto do hino galego (algún con puño en alto incluído): “… os tempos son chegados dos bardos das edades, que as vosas vaguedades cumprido fin terán”. Pero, de momento, no BNG terán que esperar aínda uns anos máis para que os tempos sexan chegados.