Onde naceu a literatura

Ó estudar economía é doado dar con que unha das motivacións principais dunha empresa é a obtención de beneficios, mais cun mínimo afondamento chégase a entender que se esta pretende ter unha existencia agradable co seu medio e ata mellorar as súas ganancias, tamén haberá de ter en conta unha serie de factores que deixen patente unha conciencia social e un compromiso co seu entorno inmediato.

Ó abrir a páxina da editorial Rinoceronte e pinchar na pestana “Quen somos” podemos ler, ó igual que se o facemos coa web dun banco ou dunha compañía eléctrica, que eles naceron para satisfacer as necesidades e antollos dun sector claramente descoidado, non só tendo en conta a importancia do seu labor en termos empresariais senón, sobre todo, sociais e culturais. O aquel deste asunto é que, coa editorial do Morrazo, isto cúmprese sen ningún tipo de baleiros legais ou sintácticos que dean lugar a ambigüidades e confusión. Alardean da súa ética dicindo que están comprometidos co desenvolvemento do Terceiro Mundo e destinan un 5% do prezo de cada libro a proxectos que teñan dito propósito; aseguran que queren ser unha peza importante no proceso normalizador da lingua e  deciden remunerar axeitadamente ós seus tradutores, que á súa vez fan un traballo impecable; proclaman o seu compromiso coas causas “xustas” e colaboran mediante achegas económicas ou doazón de material a organizacións como A Mesa, Tempos Novos, Shanga India, Espazo Lectura, etc.

Un dos títulos de Rinoceronte.

Un dos títulos de Rinoceronte.

Mais ante todo, se hai algo que cada persoa poida comprobar por si mesma é a eficiencia coa que levan a efecto a súa arela por dar a coñecer a mellor literatura do mundo, e ademais en galego. Títulos importados á nosa lingua dende os recunchos máis agochados de correntes e autores insospeitados. Serbios actuais como Vladimir Šćepanović, franceses coma Philippe Claudel ou checos algo anteriores como Bohumil Hrabal configuran unha selección de sinxeleza literaria e afondamento intelectual característicos dos movementos máis contemporáneos que doutro xeito nunca terían chegado ás nosas mans. E aínda por riba, nun galego depurado e líquido, fluído e sen alardes innecesarios.

Na mesma páxina, pero aínda máis en cada libro, pódese ver tamén que o de coidar as edicións e ofrecer a máxima información ó lector sobre o que ten nas mans non é unha fantasía e dáse facilmente con información sobre o autor e o seu contexto histórico e creativo, pero tamén sobre a edición, os tradutores, deseñadores, maquetadores…

Deste xeito, as distintas coleccións cobren a dobre aposta da editorial por achegar autores descoñecidos no noso contexto cultural e, por outra banda, facer rexurdir en galego outros clásicos inesquecibles. Dende a ordenación temática nas coleccións Contemporánea (con obras posteriores a 1950), Clásica (anteriores á devandita data), Novela Gráfica, Poesía ou Vétera (grandes clásicos anteriores ó século XIX), Rinoceronte tamén é quen de ofrecer distintos formatos con Audiolibros ou Bagaxe de peto, supoñendo toda unha alternativa e ata unha guía para os que aborrecen as listas de máis vendidos de La Casa del Libro.

E non, nin coñezo a ningún traballador da editorial nin percibo ningún tipo de beneficio por escribir deste xeito sobre eles (se se tratara dun anuncio ou reportaxe de televisión teríao feito cunha desas voces graves e penetrantes características do cine) pero é que, en definitiva, considero Rinoceronte unha aposta contundente por incentivar a lectura en lingua galega a base de ofrecer unha opción aínda máis contundente de literatura descoñecida e ata irrecoñecible. O mellor de todo é que non para de medrar e cada vez hai máis onde escoller. Paréceme que neste proxecto, alén dun auténtico privilexio para os que gozamos da literatura, pódese percibir unha lección ulterior que amosa que o mellor xeito de loitar polo que se quere non consiste en chorar  e dar alaridos, senón en poñer as ideas en práctica.