O home que non quería ser Papa

A noite pousábase sobre Roma diluíndo as sombras proxectadas polas cúpulas de San Pedro. Un helicóptero despegaba dende o alto do outeiro vaticano, dando inicio á “última peregrinación” dun Papa ó que apenas lle restaban unhas horas para volver ser home, aínda que se cadra nunca deixara de selo. Eran as 17:07 do serán e as metáforas bulían nas pantallas de medio mundo. Todas quedaban curtas ante o simbolismo do momento: unha vez máis, a ficción superaba á realidade dun acontecemento sen precedentes.

Dende as alturas, Bieito XVI ollaba Roma cunha sensación de liberdade que xa non lembraba, mesturada co sabor amargo dun fracaso non merecido -e moito menos buscado-.  Xa só quería escribir, retirarse á soidade da oración, que para un cristián supón a maior das compañas.  Era a súa forma de retornar á casa do Pai, aínda que fose antes de tempo.

O helicóptero do Papa desaparece no luscofusco vaticano / La Vanguardia

O helicóptero do Papa desaparece no luscofusco vaticano / La Vanguardia

Os motivos da renuncia

Para algúns, o Vaticano xa non o é. Máis ben se trata dunha casa de putas -ou de putos-, na que certos membros do clero traizoan sistematicamente o mandato de Xesús Cristo, entregados á avaricia e á luxuria ó servizo do poder. Unha carga tan pesada como a cruz da saúde, que non todos poden soportar. De personalidade oposta a Xoán Paulo II, Bieito XVI  preferiu desprenderse dela, nun xesto moi humano que foi mellor valorado fóra que dentro da súa propia Igrexa. Nunca saberemos se na histórica decisión pesou máis a vaidade de evitar unha longa agonía televisada ou o fastío das loitas intestinas. Mais estas dúas debilidades quedarán coma unha anécdota fronte ó humilde da súa renuncia: ver como destrúen o anel da túa infalibilidade non debe de ser nada doado.

En realidade, Joseph Ratzinger -o home-  nunca quixo ser Bieito XVI -o Papa-. Dende a súa altura intelectual, anoxaba por igual o sacro do seu cargo e o profano das loitas na curia, encarnando unha “terceira vía” entre os diplomáticos de Sodano e os bertonistas -o “birrete” e a “boina” do Vaticano, para nos entender-. Reclamaba para si un espazo propio, lonxe dos aires altivos duns e das prácticas caciquís dos outros. Mais foi un incomprendido. O seu misticismo, reflectido na propia escolla do nome papal -Bieito, na honra do santo que fundou a orde dos beneditinos- , tropezou coa realidade da curia, tan banal coma inevitable. Ata que o home dixo basta.

 

Bieito XVI na Historia

Cando aló polo 2005 os prelados elixiron a Joseph Ratzinger  fixérono coa idea de que fose un papa de transición. A súa avanzada idade -daquela tiña 78 anos- e o seu carácter introvertido non auguraban grandes sorpresas. Por se fose pouco, o recordo do carismático Xoán Paulo II pesaba sobre o novo pontífice case máis que a súa discutible herdanza. E é que ninguén pode dubidar da bondade de Wojtila, do seu papel crucial nos conflitos do século XX e do seu esforzo evanxelizador , mais o certo é que estas virtudes ocultaron unha gran despreocupación polo goberno da Igrexa -que lle foi entregado a grupos ultraconservadores-, da que Bieito XVI  acabaría por ser vítima. Co Papa polaco esvaeceuse o espírito do Concilio Vaticano II e Joseph Ratzinger foi un dos artífices a través da Congregación para a Doutrina da Fe. A Igrexa distanciouse dunha sociedade cada vez máis secularizada: enchéronse os estadios, si, mais baleiráronse os templos.

Nesa encrucillada, a elección do teólogo alemán tiña unha vontade clara: reforzar os dogmas do catolicismo como alicerces da fonda reforma que acometería outro papa máis novo. Bieito XVI desenvolveu ese labor coa brillantez intelectual que posúe e co conservadorismo que se lle presupuña.  Pero quixo ir máis alá e afrontou con afouteza asuntos tan espiñentos como os da pederastia ou a corrupción na Banca Vaticana, que foran descoidados na etapa anterior.  Con esas intervencións foi perdendo a súa sona de inquisidor, ó tempo que espertaba os receos dalgúns sectores ata ese momento intocables. O caso “Vatileaks” puxo de manifesto a incapacidade do Santo Pai para controlar as conspiracións dunha curia dividida que xa preparaba a súa sucesión. Pero ninguén pode dicir que non o intentara, malia non ser esa -alomenos na teoría- a súa guerra.

Así, o que se esperaba discreto papado de Bieito XVI terá unha transcendencia histórica alén da súa excelencia teolóxica, pois ten sido un primeiro intento de reformar a anticuada e corrupta estrutura da Igrexa. A súa dimisión indica que non tivo moito éxito, mais tamén supón un xesto renovador dun Papa moi humano. Mágoa que un pontificado tan notable como o de Ratzinger vaia ser lembrado polos escándalos que lle tocou xestionar, aínda que non os provocara.

Bieito XVI camiña en soidade, nunha metáfora do que ten sido o seu papado / ABC

Bieito XVI camiña en soidade, nunha metáfora do que ten sido o seu papado / ABC

E agora que?

Co amencer dun novo día, as cúpulas da San Pedro volven ensombrecer Roma. A sensación de calma que deixara Bieito XVI na súa despedida vai desaparecendo e as diferentes familias da curia xa aproveitan a escuridade do hermetismo vaticano para despregar os primeiros movementos previos ó conclave. No cerne da decisión que se tome atópase a preferencia por unha das dúas xogadas esenciais na historia da partida entre os purpurados.

Por unha banda, os partidarios do enroque pretenden que o novo rei consolide unha posición defensiva da Igrexa fronte unha sociedade cada vez máis secularizada, na liña ideolóxica conservadora dos dous últimos papados. Trataríase dunha grande parte dos cardeais de orixe europea, fundamentalmente italianos, que viron na renuncia de Bieito XVI unha ameaza para a institución.

Pola outra, os defensores do xaque consideran a dimisión coma unha oportunidade para dar un novo pulo á Igrexa, a través da adaptación do espírito evanxelizador de Xoán Paulo II á nova realidade do mundo actual. Esta estratexia sería compartida por cardeais de tódalas tendencias -máis “conservadores” e máis “progresistas”-, coa súa procedencia periférica coma nexo común.

Despois do labor teórico levado a termo no curto papado do introvertido Ratzinger, semella que chegou a hora dun papa máis novo que encaixe no segundo perfil. Nese senso, a recuperación do significado orixinal de “catolicismo” -referido á universalidade da Igrexa- antóllase fundamental e debería materializarse na elección do primeiro pontífice non europeo en trece séculos.

Por desgraza, estas preferencias ideolóxicas e estratéxicas poden pasar a un segundo plano pola loita aberta entre os diplomáticos e os bertonistas, que tratarían de impoñer os seus respectivos candidatos. Nese hipotético escenario xurdiría con forza a figura de Angelo Scola -actual arcebispo de Milán- coma home de consenso. Esperemos que estes movementos interesados non teñan o éxito desexado e os purpurados elixan o candidato axeitado en conciencia, asistidos polo Espírito Santo. Só así se poderán disipar as sombras que ameazan unha Igrexa chamada a poñer algo de luz nun mundo sumido nas tebras.