O cambio de ciclo do Milan

Kevin-Prince Boateng e Sulley Ali Muntari eran os encargados de anotar os dous goles que levaban ó Milan a vencer ó todopoderoso Barcelona na ida dos Oitavos de Final da Champions League hai agora mesmo tres semanas. “O Milan Ghana a un frouxo Barcelona” podería ser o titular co que os xornais deportivos abrisen ó día seguindo, facendo un xogo de palabras coa nacionalidade dos goleadores rossoneros. Dous xogadores que aparecían como as caras visibles do novo Milan no día da súa presentación ante o gran público. Dous xogadores, que ademais, se erixían como as cabezas visibles do novo proxecto de Allegri nun dos días máis importantes da temporada. Nas horas previas do partido o Barcelona parecía un favorito claro para a meirande parte de seareiros futbolísticos, pois pensar no Milan era facelo nun equipo vello e desgastado, pero o certo é que non era así. Cando se presentaban os onces en San Siro a megafonía pronunciaba os nomes de Zapata, Kévin Constant, Muntari ou El Shaarawy. Os Nesta, Zambrotta, Seedorf ou “Pippo” Inzaghi eran cousa do pasado. O Milan pasaba nese intre a ser un equipo descoñecido para o gran público, un equipo sen tan sequera experiencia que tan só parecía ser un entrante en mans do Barcelona preparado para ser devorado.

Pero non foi así. O Milan, cun estilo aguerrido e forte implantado por Allegri, aguantou durante o total dos noventa minutos ó equipo blaugrana. Xa o Chelsea ou o Inter de Milan venceran ós de Guardiola por aquela e Vilanova na actualidade, pero o Milan logrou algo que na era Barça ningún equipo conseguira ata agora: impedir chegar con comodidade á meta rival e impedir a creación de ocasións de perigo. Cunha liña forte de catro atrás e tres centrocampistas realizando axudas a todos lados o Barcelona non deu creado sensación de perigo en ningún dos noventa minutos do choque. En ataque, o Milan xogou como mellor sabe, á contra. Cun Boateng que se crece nas grandes citas e un El Shaarawy que pinta a próxima estrela mundial o Milan campionou na ida ante o Barcelona. Queda ver que sucede hoxe, pero as expectativas milanistas están por todo o alto. Tras uns anos deambulando polo deserto, o Milan está aquí, e aínda que non o pareza, cun futuro nos próximos anos mellor “amarrado” do que habitualmente cremos os seareiros futbolísticos.

Milan Barsa

De pé: Abbiati, Méxes, Zapata, Constant, Ambrosini, Montolivo / Sentados: Boateng, El Shaawary, Abate, Pazzini, Muntari / Este foi o 11 que o Milan presentou ante o Barcelona na ida dos Oitavos da Champions League.

Allegri conseguiu que o Milan fose o
primeiro equipo en impedirlle ó
Barcelona crear ocasións de perigo

E é que a primeira peza chave na arquitectura milanista que vén non é outro que o seu adestrador, Massimiliano Allegri. Xogador de equipos modestos durante toda a súa carreira, conseguiu na súa terceira temporada no equipo milanista o estilo de xogo que el quería. Un estilo que o levara a fichar polo Milan no ano 2010 desde o sempre correoso Cagliari. Para iso, puxo un obxectivo claro desde a súa chegada: rexuvenecer o equipo. Vimos marchar ó longo destes últimos anos a Costacurta e Maldini con 41 anos; Inzaghi, Cafú e Fiori con 39; Favalli con 38; Roma, Dida, Kalac e Serginho con 37; Seedorf e Nesta con 36 e Oddo, Gattuso, Van Bommel, Zambrotta, Legrottaglie, Jankulovski ou Beckham abandonaban o equipo con 35. Xunto a eles, máis novos pero tamén en importante declive futbolístico fóronse “O Puma” Emerson, Shevchenko e Kaladze con 33 ou Ronaldinho con 31 anos. Marcharon ademais xogadores polémicos coma Cassano (30 anos) ou vultos sospeitosos que había no plantel como Papasthatopoulos, Mesbah, Onyewu, Senderos, Maxi López ou Mancini.

Nos últimos anos abandonaron o Milan
19 xogadores con máis de 35 anos.
O cambio era necesario

Aínda así tamén houbo baixas significativas desde a chegada ó Milan de Allegri. Desde 2011 marchaban a maxia de Pirlo rumbo a Juventus e Thiago Silva e Ibrahimovic cara o poderoso PSG. Alexandre Pato, a eterna promesa, tamén abandonaba o barco rumbo Corinthians. Estas baixas serían importantes para calquera equipo, pero no caso do Milan quizais non o sexan tanto. O proxecto de Allegri empezaba desde a xuventude e case de cero, polo que a baixa destes xogadores daríalle a oportunidade a outros de ocupar o seu lugar. Así está ocorrendo con El Shaarawy, quen está logrando ocupar o oco deixado por Ibrahimovic, ou con Méxes, que se ben non é Thiago Silva, está sorprendendo a propios e estraños erixíndose o xefe da zaga deixándonos incluso goles como este.

Nesta ou Zambrotta xa non están. O fútbol de Milan pasa por outros.

Nesta ou Zambrotta xa non están. O fútbol de Milan pasa por outros.

O Milan nos pasados anos sufría nos
últimos minutos dos encontros. Esta
temporada anota o 40% dos goles
nos últimos 15 minutos de partido

Fóronse uns pero chegaron outros. Desde a canteira, como De Sciglio, El Shaarawy ou o xa consagrado Abate. Traballadores, como Muntari, Nocerino, De Jong, Traoré ou Constant. Creadores, como Montolivo. Especiais, como Balotelli e Boateng. Prometedores, como Niang ou Bojan (sic). Pero sobre todo chegaron fichaxes –todas- cunha condición, ser uns currantes nisto do fútbol. Esa é a base do sistema de Allegri. Xogadores que o dean todo en defensa e que sexan capaces de saír á contra en ataque. Un equipo acostumado a xogar sen balón e correr atrás del, pois así é como están cómodos sobre o terreo de xogo. Allegri conseguiu o seu obxectivo. Un equipo físico e aguerrido, que non xoga ben se por ben entendemos vistoso, pero que á hora da verdade o saca todo para levar os partidos adiante. En anos anteriores ó equipo custáballe rematar os partidos, sufrindo nos últimos minutos o cansazo derivado da idade de moitos dos membros. Esta temporada, anota o 40% dos seus goles nos últimos quince minutos. Ese dato amosa moito da capacidade física dun equipo… E cunha xeira de 7 vitorias e 2 empates nos últimos nove partidos é o momento para que Allegri sexa recoñecido e o Milan comece a asentarse de novo na elite europea. Para iso será importante o partido do Barcelona, pero moito máis importante que sexa capaz de seguir xogando como os últimos dous meses. O comezo de campaña foi desastroso, caendo no primeiro partido da pretemporada co Real Madrid por 5 goles a 1, perdendo coa Sampdoria no debut na liga e deixándose puntos en Champions co Málaga ou o Anderlecht. Pero o traballo de Allegri xa da os seus froitos. Declarou que gañara a liga do 2011 xogando cun estilo diferente ó que lle gusta, e que pouco a pouco o equipo tería que dar un cambio e este xa é o comezo. O Milan está na actualidade lonxe da elite europea en canto a cartos, polo que Allegri ten claro que el non pode fichar a Messi, pero coa súa forma de ver o fútbol o Milan “pode crear ó novo Messi”.

El Shaarawy pasa por ser unha das referencias do equipo milanista nos vindeiros anos.

El Shaarawy pasa por ser unha das referencias do equipo milanista nos vindeiros anos.

“El Shaarawy (20), Balotelli (22) e Niang (18)
son o futuro do Milan. Tres atacantes fortes,
complementarios e que sobre todo, os 2
primeiros, que xa están na elite mundial. “

O novo Milan vai collendo forma. E o seu selo de identidade son as cristas. Desde Balotelli a El Shaarawy pasando por Boateng e Niang os principais xogadores a ser tomados en conta no equipo rossonero destacan por este look tan particular. Xunto ós “homes da crista” destacan os veteranos. Só quedan no plantel tres xogadores con máis de 32 anos, pero a labor de Abbiati, Ambrosini e Yepes é vital coas promesas milanistas. Agora mesmo o equipo está aínda en proceso, de feito, atopámolo descompensado, pois mentres o ataque é a súa liña máis forte cos anteriormente nomeados máis Pazzini, Bojan e un Robinho capaz do mellor e o peor, a defensa fraquea a pesar de contar con Abate, Constant ou un sorprendente Méxes. No centro da zaga, ó carón do francés, ninguén da sensación de confianza. Nin Yepes, nin Zapata nin Bonera. Tamén Constant, quen é un lateral esquerdo reconvertido, ó non confiar en Antonini nin Dídac. Pero xa o vimos dicindo, o Milan está comezando a facerse. Necesita retoques en defensa e un medio creativo ó lado de Montolivo e Nocerino. A partir daí, o teito do equipo só debería marcalo o ceo europeo.

De momento, o presente do Milan é enfrontarse en pouco máis dunha hora ó Barcelona (no momento que isto foi escrito). Gañar sería un regalo. Os grandes obxectivos do equipo milanista están marcados a dous anos vista. Volveu o Milan, e guiado polos homes da crista loitará por todo nos vindeiros anos.

Fotos: zimbio.com