“Non imos pasarlle o ‘nacionalímetro’ a ninguén”
Poderiamos definir a Xosé Manuel Pérez Bouza (Caracas, 1970) como un primeiro espada da política galega que traballa nas sombras da retagarda. O exsenador personaliza unha mostra da evolución do nacionalismo en Galicia nos últimos tempos. Coñecido pola súa honestidade verbal recíbeme con sorriso tímido e a man tendida. O entrevistado, agora nas filas de Compromiso por Galicia, viste de escuro: xersei negro, chaqueta azul marino e vaqueiros. Preto do centro sanitario onde exerce a súa labor como enfermeiro, no barrio ourensán de Mariñamansa, disponse a facer examen de conciencia. O seu paso polo Senado, a crise do BNG, un novo tempo en Compromiso e repaso da situación política; sen cortes, Xosé Manuel Pérez Bouza:
E se eu lle dixera: “no consiento a este señor (por Bouza) que me dé lecciones de nada, mucho menos de galleguismo”. Que recorda?
Foi unha frase que pasará a Historia dita por Manuel Fraga na primeira e última intervención no Senado en catro anos de lexislatura. Fraga tiña o meu respeto naquel momento por ser o presidente do meu país, pero tivo unha intervención que non estivo a altura do seu cargo, votando en contra do uso voluntario do galego no Senado. Ese día lle saíu a vena autoritaria e díxome esas palabras que quedarán para a posteridade.
Como “senador revelación” no ano 2010 e coñecido activista parlamentario na Cámara Alta, aposta polo mantemento, pola supresión ou pola reforma do Senado?
Neste momento é inútil para o conxunto da cidadanía. Nun estado plurinacional como é o Estado español debería ser práctico, agora ben, os partidos maioritarios teñen moi pouca vontade por reformalo e dotalo de función específicas, como a relación do Estado coas autonomías. Pero se vai continuar como está, o mellor que se pode facer é pechalo porque é esperpéntico, absolutamente surrealista.
Entende a xente que pensa que o senador Pérez Bouza criticou moito o papel do Senado pero seguía a “chupar do bote”?
Si, pode ser comprensible que existan cidadáns que libremente fagan ese xuízo pero teño que dicirlles que pretendía cambiar esa dinámica desde dentro. Dende o primeiro momento que cheguei ao Senado reclamei a constitución dunha comisión que se encargase da súa reforma. Na primeira semana xa percibín que o traballo que eu facía non valía para nada. Fun nesa lexislatura (2008-2011) o senador con máis intervencións e que máis iniciativas presentou e iso dame unha lexitimidade para poder criticar a inutilidade da cámara. Cobrei o salario que estaba estipulado, que non sería moito se o Senado fose práctico, pero era unha barbaridade pagar eses cartos a alguén que non ten peso positivo para a cidadanía.
Un bo e un mal recordo daquelo…
Pola parte positiva, alí, a pesares da intrascendencia, existían debates de moita altura e aprendín de xente con moita experiencia, coma senadores que foran presidentes de autonomías ou ministros. Había un nivel parlamentario moi elevado. O mal recordo, esa sensación de frustración que che produce saber que o teu traballo non vale para nada.
TEMPOS DE BNG
Que lle pasou ao Bloque Nacionalista Galego?
(Bebe dun vaso con refresco, albisca unha ollada pola fiestra e toma dous segundos para respostar). Durante moitos anos o Bloque foi un instrumento político útil para este país. Pero desde facía tempo, a cidadanía galega transmitía unha mensaxe de que sintonizaba cada vez menos cun proxecto político, e sobre todo, na linguaxe e nas formas empregadas. Afiliados e cargos viñamos avisando desto dende anos e solicitabamos unha reformulación do BNG para recuperar o contacto cos cidadáns galegos. Outros afiliados non querían falar de reestruturación nin de cambios estruturais do partido. Entón, con absoluta normalidade, abandonamos a formación. Eu concibo a militancia nunha organización como un compromiso de utilidade para a poboación. Nese momento, nós consideramos que o BNG xa non tiña utilidade e respetando aos que todavía seguían crendo na política do Bloque, nos fixemos a un lado. Deséxolles o mellor, porque tamén será bo para o país, pero creo que non están no camiño correcto e os cidadáns así llo están a manifestar.
Deixou inimigos dentro do BNG?
Non. Teño a sorte de non deixar inimigos en ningún sitio. Aínda hoxe conservo grandes amigos, xa non comparto a súa política, pero segue a ser xente que traballa por este país nun proxecto que foi práctico moitos anos. Desgraciadamente, hoxe xa non ten esa utilidade.
Era o BNG a UPG e máis o resto?
A ninguén se lle escapa que había unha organización hexemónica, a UPG, que tendo unha minoría de afiliados marcou a liña ideolóxica e a posta en escea. Ao meu modo de ver, esa linguaxe que practica a UPG está completamente desfasada. E que o diga eu non ten mérito, o din os cidadáns galegos. A Unión do Povo Galego non soupo ver a necesidade de cambios e o BNG camiña cara un panorama no que se convertirá nunha forza residual e totalmente minoritaria.
Entón, non queda BNG para moito…
Queda unha parte e deséxolles que acerten no seu proceso de reflexión pero vai ser moi difícil. Facendo un símil sanitario, cando un paciente está na UCI moitos se salvan, pero a maioría acaban mal. É moi complicado que achen o tratamento adecuado porque a desafección xa é moi grande.
Descarta algún pacto BNG-Compromiso por Galicia (CxG) para o futuro?
Pola naturaza de CxG, non pechamos as portas a ningún acordo. Temos afinidades pero non coincidimos ao 100%. Nin a corto nin a medio plazo vexo a opción de reunificarnos baixo o mesmo teito porque existen diferenzas moi importantes. Outra cousa é falar de coalicións eleitorais e posibles pactos puntuais en institucións.
Existe nostalxia dese BNG, daquela representante maioritario do nacionalismo en Galicia, que enchía con con facilidade a Praza da Quintana e era a segunda forza política no Hórreo?
Non teño nostalxia de nada. Eu concibo as organizacións políticas como instrumentos para transformar a realidade nas que para traballar débeste sentir cómodo e identificado. Estou moi orgulloso do meu servizo ao BNG durante 20 anos pero me sinto moi ilusionado en CxG.
A saída de Beiras foi o comezo do fin para o BNG?
Eu creo que o declive comezou con Beiras pero durante máis dunha década foise aprazando unha reflexión necesaria. A coalición decidiu por seguir sendo unha forza de resistencia, de oposición, máis que unha alternativa sólida de goberno. A partires do ano 1990 a perda de apoios xa foi máis acusada.

O exsenador presume de coñecer os problemas reais da xente grazas a súa labor na sanidade
COMPROMISO
E agora Compromiso por Galicia…
Efectivamente, nace nun momento de efervescencia social e de crise económica crucial. En Galicia é necesario unha forza como CxG, que aspira a ser unha organización integradora e transversal. Un partido onde todo o mundo pode sentirse cómodo defendendo posturas socialdemócratas. Nós non imos pasarlle o nacionalímetro a ninguén, porque non temos interese en saber de onde vén, se non onde quere ir. Buscamos aumentar o sentimento de pertenza a unha terra diferenciada que non é mellor nin peor que o resto de territorios.
CxG é nacionalista e progresista. E Xosé Manuel Pérez Bouza? Tamén?
É fundamental sentirse identificado co partido no que militas, pero tampouco é imprescindible na totalidade. Eu síntome perfectamente sintonizado co ideario de Compromiso que non é necesariamente nacionalismo moderado, senón un proxecto co que se vexan reflectidos os pensamentos da maioría de galegos. Esto pode non satisfacer plenamente a todos os afiliados pero temos vocación maioritaria.
Pero facendo un xogo de palabras, o seu compromiso con Compromiso, é suficiente para pensar nunha alcaldía de Ourense ou mesmo na presidencia da Xunta de Galicia?
Iso queda lonxe. Cando un se atopa dentro dunha organización, estás a disposición dos afiliados. Non só buscamos a nova política, tamén unha nova cultura política. A configuración da nosa estrutura interna se realiza de forma democrática e se así o decidimos, podería presentar unha candidatura.
Insisto, vese capaz de ser alcalde de Ourense?
Nin capaz nin incapaz. Son consciente das miñas limitacións. Ademáis, sempre digo que para ser alcalde hai que ser veciño dese concello, sentilo e vivilo. Non chega vivir de forma circunstancial. E contamos con moitos integrantes ourensáns válidos para encabezar unha lista ao concello de Ourense.
Iso é un non…
(Risas) Si…
Cara onde camiña Compromiso? Cara a Bascuas ou Cuíña?
Non hai personalismos. Somos un colectivo que elixiu por unanimidade a Bascuas como secretario xeral e que conta con todo o apoio do partido, o de Rafa inclusive.
Apoian posturas soberanistas, independentistas ou federalistas?
Defendemos no Estado español un modelo confederal nos que os territorios decidan democráticamente se apostan por sumarse ou non e sempre respetando a súa soberanía a todos os niveis. Tamén defendemos o dereito a autodeterminación.
Se vostede fose catalán, cal sería o seu voto nun hipotético referendo sobre a independencia de Cataluña?
Votaría sí. Coñezo a realidade catalana e existe un apoio social importante á independencia. Pero as situacións son distintas en Cataluña, Euskadi e Galicia.
Fagamos un exercicio o mental: o mesmo referendo este domingo en Galicia. Cambiaría o voto?
Votaría que sí porque é a aspiración de todo nacionalista. Pero son situacións moi diferentes e non é a nosa prioridade. En Galicia, desgraciadamente, estamos lonxe da panorámica catalana e o que buscamos e comezar creando un sentimento de galeguidade na xente. Temos todas as papeletas para ser nación diferenciada, aínda que falta a vontade dos galegos.
Hoxe levanteime con moitas disxuntivas. Aquí vai outra: galeguismo ou galeguidade?
En definitiva, dotar de contido político esa galeguidade que se representa moitas veces na cultura e no folclore da nosa terra, ata identificado coa morriña que sente o 100% dos galegos. Ese galeguismo cultural queremos que traspase o folclore e se introduza na política.
A morriña e gaita serían votantes de CxG, logo…
(Sorriso tímido) O día que un galego sinta algo no corazón ao escoltar unha gaita e sexa capaz de trasladar ese sentimento á furna, CxG será a forza predominante en Galicia.
CUESTIÓN DE SÍMBOLOS
O outro día vin unha fotografía do pasado no que levaba un pin coa “estreleira” (bandeira de Galicia cunha estrela vermella vinculada a certos movementos nacionalistas) e xa non o leva…
O conservo todavía con moito cariño e aínda o poño, síntome cómodo con esa bandeira. A estrela significa sentimento de liberdade, aínda que decidimos en CxG que a nosa bandeira non leve escudo ou símboloxía algunha, co obxectivo de facela máis integradora e que todo o mundo se sentise identificado con ela. É un exercicio de realismo.
OS RIVAIS A CONSULTA: PSdeG E AGE
Vostede como profesional da sanidade: está enfermo o PSdeG?
Está pasando por un trance difícil. Moita xente fala de Besteiro. Creo que está capacitado para asumir ese rol. Tamén de Blanco e Caamaño. Síntome moito máis identificado co pensamento de Caamaño, pola súa tendencia máis galeguista. Con Blanco non comparto nin a forma de ser nin a de actuar (sorriso). Pero son eles os que teñen que decidir o mellor posible, porque aínda que non favorece a Compromiso, un bo proxecto para Galicia dos socialistas sería positivo.
AGE, un corticoide circunstancial ou tratamento a longo prazo?
AGE tuvo éxito electoral unido á figura de Beiras, un “animal político” no mellor dos sensos. Despois do eslogan Hai que paralos! queda unha lexislatura onde os seus votantes agardan propostas realizables. Dependendo da actuación de AGE nos seguintes meses veremos se é unha moda ou naceu para permanecer Pero creo que o seu futuro estará moi ligado a Berias, que desgraciadamente ten unha idade e políticamente xa non lle quedan moitos anos. Quédome coa definción de Xoán Bascuas: “AGE é unha treboada e CxG chuvia fina, esa que cala no país”.
EN PRIVADO
Despois de anos adicado a política de forma exclusiva, como é a volta ao mundo terrenal, ao traballo?
Eu teño a sorte de traballar nunha profesión que me gusta e que me permite manter unha relación directa cos cidadáns. Eu sempre dixen que non quería ser un político profesional, no senso negativo. Hai xente que xogas as cartas, ao fútbol ou cazan; pois eu dedico o meu tempo libre a mellorar a calidade de vida do meu entorno. O levo con absoluta normalidade e estou contento de volver.
Como é todo un exsenador na intimidade?Un home absolutamente normal. Sigo tendo os mesmos amigos que cando era adolescente. Levo unha vida familiar como todo o mundo. A miña actividade na política é o que me diferencia e penso que a xente que me coñece ten a mesma opinión de min como persona normal. Espero que siga así durante moito tempo. Non quero esa imaxe negativa do político.
Unha canción.
Calquera de Sabina. Son moi fan.
Unha comida.
Son de bo dente. Calquera tamén.
Un hobby.
A lectura.
Un libro, entón.
Memorias dun neno labrego de Neira Vilas. Lina con 13 anos e marcoume.
O EXAME DE BOUZA
Agora, e xa para rematar, gustaríame que lle puxese nota a estes políticos vencellados coa actualidade nunha escala numérica de un a dez. Imos:
Rafa Cuíña: 8
Xoán Bascuas: 9
Núñez Feijóo: 4
Guillerme Vázquez: 5
Francisco Jorquera: 6
Carlos Aymerich: 5
Xosé Manuel Beiras: 7
Francisco Rodríguez (exalcalde de Ourense): 7. Confío na súa inocencia. Esperemos que non me defraude.
Emilio Pérez Touriño: 6
Anxo Quintana: 7
Mariano Rajoy: 3
Alfredo Pérez Rubalcaba: 6
Pachi Vázquez: 3
Artur Mas: 8
Manuel Fraga: 4
Rey: (risas) ao Rei non lle dou nada. É unha figura absolutamente prescindible. Non merece nota.