Larry Bird – Magic Johnson: Unha rivalidade irrepetible

No verán de 1985 a rivalidade entre Magic Johnson e Larry Bird rozaba cotas enfermizas. Unha vez decidido o campionato dese ano a favor dos Lakers, o axente de Magic tiña unha proposición para el. O 32 dos Lakers respondeu con retranca: “Estás tolo? Non vou a facer ningún anuncio con Larry”. Bird, pola súa parte, puxo unha condición: “Non vou gravar nada en Los Angeles. Queredes un anuncio? Vale, pero que veña a miña casa”. Johnson aceptou a idea sen estar convencido, en gran parte porque lle divertía poñerse diante da cámara. O novo comercial de Converse íase gravar en French Lick, Indiana, a terra de Larry Bird. Vestíronse de curto e xogaron un contra o outro de forma simulada. Fixeron un esforzo por non competir de verdade, pero aquilo era embarazoso. Acabaron por relaxarse, sorrir e acabar falando un pouco. Á hora do almorzo Magic foi cara a súa caravana, pero Bird tiña outra idea: “Miña nai preparou o almorzo”. Comeron coa familia de Bird que admiraba a Magic. “A nai de Larry era encantadora, recordoume moito a miña nai. Preocupouse de que non me faltara de nada”. “Aquel día coñecín a Earvin Johnson e cáeme bastante mellor que Magic” confesou Bird. “Foi un día realmente bonito para os dous” Porén, nas seguintes tempadas seguirían matándose na pista. (Magic-Bird: A Courtship os rivals).

© HBO

© HBO

O imaxinario dos afeccionados componse de numerosas rivalidades deportivas para a historia. Karpov e Kasparov, McEnroe e Borg, Prost e Senna ou Muhammad Ali e Joe Frazier. Pero ningunha delas, chegou a dividir unha competición do mesmo modo que o fixo a de Larry Bird e Magic Johsson durante a marabillosa década dos oitenta. Poucos xogadores de baloncesto significaron tanto para os seus equipos, e poucas veces coincidiron dous talentos da súa capacidade sobre unha cancha. As actuacións e os números dun alimentaban ó outro, nunhas temporadas que serviron para que a NBA recuperase a súa popularidade e volvese a ser a mellor liga do mundo. Algúns achacan isto a Michel Jordan, pero uns anos antes chegaron Magic e Bird para cambiar a historia.

Earvin Effay Johnson estaba preparado para o éxito dende a súa infancia. Pegado a unha pelota de baloncesto, cada mañá madrugaba para poder ir a xogar antes de ir ó colexio en Lansing (Michigan). Alí viviu unha infancia plácida, e curtiu o seu sorriso e o seu talento mentres superaba os conflitos racistas que azoutaban Estados Unidos naquela época. Era un líder e sempre lle gustou ser diferente. Pronto se deron conta diso, e un reporteiro local (Fred Stabley), púxolle un alcume moi acertado: “Magic”. Sempre se falou das dúas personalidades que habitaban a mente de Johnson, Magic dentro da cancha e Earvin para as situacións máis persoais.

A Larry Joe Bird os alcumes tardaron máis en chegarlle, e nunca estiveron ó mesmo nivel. French Lick (Indiana) nunca estivo no centro dos focos, e alí creceu Larry nunha infancia difícil, onde o baloncesto foi o seu único refuxio. Así foi cando se converteu no máximo anotador do seu instituto, cando tivo que superar o suicidio do seu pai en 1975 ou cando regresou a casa incapaz de defenderse na prestixiosa Universidade de Indiana.

Despois diso, Larry atopou unha universidade máis a súa medida na modesta Indiana State. Dende o 76, colocou esa universidade no mapa, e no 78 foi elixido no sexto posto do draft polos Boston Celtics. Bird, distinto dende o comezo, decidiu atrasar un ano máis o seu desembarco na NBA, para así guiar a Indiana State ás series finais da NCAA sen perder ningún partido. Na final estaba a Universidade de Michigan, iluminada polo virtuosismo de Magic Johson. Os dous vixiábanse a distancia, e por primeira vez en Salt Lake City víronse as caras nunha final que levantou moitísima expectación. Michigan varreu da cancha a Indiana, e Magic Johnson descubriuse ante o mundo. Para Bird foi a peor derrota da súa carreira deportiva.

Final universitaria entre Indiana State e Michigan

Final universitaria entre Indiana State e Michigan

A vitoria e a fama valéronlle a Magic o número un do draft do 79 para acabar en Los Angeles Lakers, un destino feito a súa medida. Bird desembarcaría en Boston e o guión cada vez parecía mellor pensado. Serían os Lakers contra os Celtics, dous equipos históricos pero en decadencia, a costa Oeste fronte o Este, un negro fronte a un branco, ou o sorriso do pacífico contra o bigote de Indiana. A NBA vivía unha das súas peores épocas, sendo golpeada polos problemas raciais e a fama de ser unha liga dura simplemente para negros. Ante iso, apareceu un rapaz rural como Larry Bird, e dende o comezo foi chamado “a gran esperanza branca”. Pero todo personaxe fantástico necesita o seu opoñente. E alí estaba Magic.

Os dous foron os líderes dos seus equipos dende o comezo. Desbordaban talento e cerebro para desbordar calquera defensa. Eran capaces de controlar os seus equipos facendo simplemente doce tiros a canastra, algo que hoxe en día parece impensable. Foi unha tempada para o recordo. Os Celtics foron apeados na final de conferencia polos Sixers, pero Bird levouse o trofeo ó rookie do ano, algo que sentou moi mal ó seu inimigo na outra punta do país. Magic, picado ata certo punto por isto, levaría ós Lakers ata a final da NBA onde conquistaría o seu primeiro anel con tan só 20 anos. No 81, a quenda foi para os Celtics. En dous anos, os dous xa foran campións da NBA. Magic aínda sumaría o segundo anel ó ano seguinte, pero todos desexaban unha final da NBA entre os dous. Eran os mellores do momento, pero a final soñada non se produciu ata 1984. A espera valeu a pena.

Quince anos despois, Celtics e Lakers atopábanse nunha final e neste caso era a final soñada todo o planeta. Foi unha serie moi igualada, onde os Lakers comezaron mellor. Porén, dende o terceiro partido os Celtics comezaron a endurecer a serie e culminaron a remontada no sétimo partido. Para Bird foi unha liberación xa que puido quitarse a espiña cravada de Salt Lake City e desexar que o seu rival estivera acabado. Pero Magic aínda tiña moito que dicir e, simplemente un ano despois, devolveulle a moeda noutras finais da NBA para a historia. Nesta ocasión os de Boston eran os que partían con vantaxe, pero unha remontada espectacular de Magic e os Lakers os levarían a gañar a serie no sexto partido no Boston Garden. Ese verán, tralas dúas finais consecutivas, os dous gravaron o comercial de Converse, un dos máis recordados da NBA e que nos levou á moda das zapatillas personalizadas. Un acerto para a marca e tamén para eles, xa que tiveron o seu primeiro achegamento persoal.

Pero sobre a pista nunca houbo concesións. No 86 tocáballe responder a Bird e, aínda que non vivimos a final soñada, si que disfrutamos duns Celtics para o recordo, xa que bateron todos os récords e conseguiron levarse a NBA. O 33 dos Celtics sumaba o seu terceiro anel e ademais o seu terceiro MVP da liga consecutivo, algo que enervaba a Earving no Pacífico. A temporada seguinte, picado por unha obsesión, era para el. Johnson foi o MVP da liga e levouse a final da NBA no último duelo Magic- Bird que se recorda. Era o cuarto anel de Magic e aínda lle quedaría por sumar algún máis. Larry, pola súa banda, comezaría a ter problemas nas costas e nunca chegou a recuperar o máximo nivel.

A finais dos 80, a imaxe que nos queda ós afeccionados da NBA é a de Larry Bird tirado na banda cando estaba no banco, pero tamén a súa esencia de xogo incombustible. Quería prolongar a súa carreira e, sobre todo, os seus duelos con Magic. Mentres, Johnson vivía os seus mellores anos, pero a fatalidade non tardou en cruzar de costa a costa. En novembro do 91, Magic anunciaba a retirada forzosa das canchas tras contraer o virus da sida. Dende entón, Bird deuse conta que non sería o mesmo. Foi un dos primeiros en chamar a Earving para preguntarlle como estaba, e por se o aprecio non estaba claro, no seguinte partido Larry regalounos un pase por detrás das costas “made in Magic”, nun claro xesto de aprecio e admiración.

O Dream Team de Barcelona 92 con Bird, Jordan e Magic

O Dream Team de Barcelona 92 con Bird, Jordan e Magic

Pero aínda quedaba o epílogo a toda esta marabillosa historia. No 92, por primeira vez acudiron os xogadores profesionais a defender as cores de Estados Unidos nuns Xogos Olímpicos. Chamouse a Magic, e puidemos disfrutar dos dous grandes xogando xuntos. O círculo da amizade pechouse nese máxico verán en Barcelona. Bird e Magic deixaron demasiadas cousas no recordo do imaxinario do baloncesto. A HBO, recolleu moitas delas nun documental moi recomendable sobre a súa rivalidade e a súa amizade, e a modo máis anecdótico ata se vai facer un musical. Magic e Bird, Bird e Magic, foron dúas estrelas lanzadas ó mundo para competir, e tivemos a sorte de que coincidiran xuntos. Tan parecidos na cancha como distintos fóra dela, levaron á NBA, ó baloncesto e ó deporte ó lugar que se merece cunha guerra incrible, pero que rematou cunha preciosa amizade. E iso, é un motivo máis para crer na grandeza do deporte.

*Foto de portada: Jot Down