Inicia a túa carreira ao Papado
Hai aproximadamente un mes a Súa Santidade Bieito XVI alegaba “falta de forzas” para continuar cos seus labores como sucesor de Pedro. A renuncia collía por sorpresa a todo o mundo e as reaccións disparábanse arredor do globo polo que andan espallados os mil millóns de católicos. Non era para menos: a demisión dun vicario de Cristo é unha rareza na historia do único traballo no que, unha vez chamado e despedido, o empregado non volta saír do despacho do Xefe. Así pois, Bieito XVI e súa mediática partida en helicóptero o 28 de febreiro únianse a ese exíguo 3% de pontífices que pediron papas e Papa. Atrás quedaba unha Sede Vacante, unha freguesía un pouco desconcertada e o escudo da Santa Sede como fotografía persoal na conta do primeiro Papa tuiteiro da historia.
En canto les estas liñas, o frufrú das roupas dos encargados de elixir a nova cabeza da Igrexa Católica xa se sente polos corredores do Vaticano. Os selectos membros do Colexio Cardinalicio reúnense neste momento para, coa oración, a reflexión e a inspiración do Espírito Santo; sinalar o sucesor de Joseph Ratzinger. Se estás bautizado e tes pene daquela parabéns, os cardeais poderían estar considerando o teu nome para o Bispado de Roma. Aínda así, perde coidado e non te fagas moitas ilusións. As posibilidades de que a Garda Suíza se presente na túa cociña unha mañá mentres mollas a magdalena no café para levarte a guiar os espíritos dos fieis católicos do mundo son nulas. De feito a última vez que un católico secular foi elixido cabeza da Igrexa foi… nunca.
Porén, se continúas interesado no Papado por algunha razón, Compostimes pretende botarche unha man. A seguir facémosche un resumo sobre os pasos que precisas seguir, alén dos de Xesús, para te converter no sucesor do Santo Pai que estea por vir. O proceso está recollido nos cánones do Corpo de Dereito Canónico de 1983, mais aquí oferecémosche unha guía rápida.
Para comezar precisas cumprir con dous requisitos básicos e fundamentais que xa comentamos antes: o primeiro é ser católico romano, o segundo ser un home. Comproba pois que recibiches o primeiro sacramento e que tes todo no sitio adecuado, indicativo de que naciches na “metade correcta” da poboación mundial. Apartir de aquí trátase de chegar a ser cardeal, posto que son estes quen participan na elección dos Papas e quen se adoitan votar entre si para chegar a durmir nos aposentos do Palacio Apostólico Vaticano.
O primeiro chanzo é converterse nun sacerdote. A Igrexa Católica, a diferenza de moitas outras denominacións e confesións cristiás nas que as condicións son máis laxas, contempla o sacerdocio ou orde sagrada como un sacramento de servizo polo cal unha persoa dedica a súa vida ao ministerio pastoral. Para isto precisas a unha conveniente formación e ordenación da cal serás fornecido no seminario que corresponda e que rematarás en cinco ou seis anos, despois do cal che darán alguna pequena Igrexa ou parroquia.
Porén, como queres continuar adiante, agora precisas ocupar o posto da persoa que te nomeu, o bispo. Os bispos son un grupo máis selecto que o dos sacerdotes, habendo apenas 5.000 en todo o mundo contra aproximadamente 400.000 curas. Para continuares coa túa carreira precisas que un bispo da túa provincia eclesiástica se retire, aos 75 anos, ou morra antes. Porén, non podes simplemente solicitar a súa praza, senón que precisas estar incluído nunha lista de candidatos elaborada cada tres anos por outros bispos conforme a quen eles cren ser os bos candidatos. Por iso, asegúrate de seres unha persoa piadosa, pero tamén de ser maior de 35 anos, ter sido sacerdote durante, cando menos, cinco anos, e de ter un doutorado en Teoloxía ou Dereito Canónico para cando quede algún bispado vacante.
Unha vez que cumpras con estes requisitos podes estar, ou non, nesa listaxe de bispos en potencia. Esta lista será entregada ao embaixador do Papa en España, o Nuncio Apostólico. O Nuncio escollerá tres nomes creando unha nova lista, ou terna, realizará unha investigación persoal sobre eles, entrevistaraos persoalmente e escollerá aquel que considere o mellor. Mais o trámite non remata aquí posto que o Nuncio envía a súa recomendación á Congregación para os Bispos, no Vaticano, quen é a que finalmente decidirá quen debe ser o novo bispo, sempre e cando non decida que non gusta de ningún dos candidatos. Se chegas a avanzar através de todo este proceso, cunha duración normal de varios trimestres, e finalmente acadas a túa benquerida ordenación –parabéns- daranche unha catedral e unha diócese desde a cal supervisarás freguesías máis cativas.
Aínda así, resta un penúltimo paso na escalada da escada corporativa da Igrexa Católica, ser cardeal. Malia o sofisticado do título e a vistosidade da vestimenta a xogo, os cardeais non son xerarquicamente superiores aos bispos. Simplemente son bispos cun título a maiores e responsabilidades adicionais das comúns entre os bispos, a máis notable sendo a de escoller o novo Papa. O único xeito no que podes converterte en cardeal é conseguindo a promoción do Papa. Chegados a este punto o que che queda é agardar pola renuncia ou pasamento do pontífice no cargo para que comece o proceso que durante estes días terá lugar no Vaticano: o conclave.
Alí, deberás convencer os teus colegas cardeais, sempre menores de oitenta anos, para elevárente ao posto máis alto –no reino da Terra- da institución da Igrexa. Se o fas e resultas electo, cumprindo co procedemento da votación por maioría de dous terzos que xa probablemente coñecerás, entón non esquezas o último trámite. Antes de comezar co teu mandato divino non esquezas escoller o teu nome. Pode ser o que queiras, se ben a tradición consiste en escoller o de pontífices previos, sendo o de Xoán o máis frecuente. Unha vez chegados a este punto xa estás listo para iniciar ao teu Papado. Agardamos que se esta modesta folla de instrucións efectivamente che resultou útil, te lembres dela desde os teus aposentos vaticanos e intercedas perante o altísimo por todos os que conformamos este humilde magazine desde a túa privilexiada posición