Fútbol Americano en Compostela

Seguro que todo o que coñecemos aquí sobre “football” ou fútbol americano non vai máis aló da Superbowl e as referencias que se fan a ela en películas e series estadounidenses. Isto a cada paso vaise convertendo máis nun recordo do pasado e hoxe en día os coñecementos sobre este deporte e o seu traspaso de fronteiras son maiores, froito da globalización que permite exportar e importar cousas outrora atípicas.

O pasado domingo xogábase o primeiro partido da historia de fútbol americano na capital galega, entre os Black Ravens de Santiago e os Maximinos Warriors de Braga. O lugar escollido era o municipal de Santa Isabel, noutros tempos campo da SD Compostela antes dos seus anos bos e na actualidade o terreo onde xoga o Grixoa na Preferente e outros partidos de categorías base cada fin de semana. Esta era a terceira xornada da Liga Portuguesa de Fútbol Americano e o segundo partido que xogaba coma local o equipo compostelán xa que o partido correspondente á primeira xornada da competición disputárase en Boqueixón. Os Ravens levaban dúas derrotas nos dous anteriores partidos, a primeira por tan só cinco puntos pero a segunda por corenta e agora enfrontábanse aos actuais subcampións da LPFA.

2013-02-24 16.35.41

O partido non tivo moita historia. O equipo do norte de Portugal non quixo deixar que o imperante frío se metese no seu corpo e lograban parar cada intento dos galegos de chegar á área de touchdown. Por outra banda, os Black Ravens tampouco eran capaces de frear cada intento dos lusos. Case sen suar lograron poñerse por diante cun 0-20, que non foi maior debido a que fallaron o tiro a paus tras o terceiro touchdown. Non se vía tampouco nos locais unha clara reacción que puidese frear a sangría no marcador. Aínda así, tras un longo e trabado drive, o quarterback dos Ravens Pablo Gandarillas logrou os primeiros seis puntos ao conducir o balón ovalado ata a meta. Chegábase o descanso cun 7-20 tras a conversión do punto extra e unha boa defensa dos Ravens.

Tralo descanso ao frío uníuselle a choiva. Á volta dos vestiarios os portugueses correron para anotar rapidamente un novo touchdown que esmagou os soños de remontada do equipo galego. Por riba lograron finalizar a xogada tralo touchdown que lle permitiu levar dous puntos extras. Os Black Ravens tiñan moitos menos efectivos no banco ca o equipo visitante e iso notouse nos folgos que quedaban para rematar o partido. Aínda así houbo tempo para anotar outro touchdown de Edgar González xa no último cuarto, aínda que non lograron anotar o punto extra. Os Maximinos Warriors deixaron un último touchdown para rematar o partido cun resultado de 13-36.

Foto dos dous equipos ao rematar o encontro (paspalletas.wordpress.com)

Foto dos dous equipos ao rematar o encontro (paspalletas.wordpress.com)

O partido fíxose algo longo de máis, ao ter moitas interrupcións e decisións comprometidas dos árbitros que tardaban en tomalas máis tempo do habitual. Aínda así sempre é un bo plan dunha aburrida tarde de domingo o poder ver en directo un partido dun deporte tan popular da outra beira do Atlántico que nunca defrauda en espectáculo.