Dez finais

Os proxectos deportivos, como os vitais, están deseñados para chegar a bo porto de forma progresiva. Porén, algunhas tarefas vanse complicando co paso de tempo. Por sorte, sempre queda algunha oportunidade para rectificar, aínda que na recta final todo parece máis complicado. Nesa situación límite, atópanse o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña, xa que teñen simplemente dez partidos para alcanzar a permanencia e solucionar así o expediente dunha tempada para esquecer. A bagaxe a día de hoxe é pobre en resultados e puntos, pero unha salvación faría esquecer todo no norte ou no sur de Galicia. As distancias entre os rivais e os enfrontamentos directos fan crer nunha posible salvación de calquera dos dous galegos. Aínda así, a misión é moi complicada.

A primeira por abaixo - Marca

Clasificación actual da Liga BBVA (29-03-2013) – ©Marca.com

A clasificación actual separa en oito puntos ós seis candidatos ó descenso. Aínda que Deportivo e Celta sexan os peor colocados para alcanzar a permanencia, os dous teñen certas razóns para crer nela. Con trinta puntos en xogo non sabemos aínda onde estará a barreira da salvación, pero tendo en conta a cantidade de empates que acumulan a maioría de equipos de abaixo e os enfrontamentos directos que quedan por disputarse, quizais non fagan falta os famosos 42 puntos para salvarse. Corenta poderían chegar. En Vigo marcan en seis vitorias a salvación segura e en Coruña en aproximadamente sete. Pero o importante, nos dous casos, vai estar nos enfrontamentos directos ante Mallorca e Zaragoza nas próximas xornadas. Esas son sen dúbida as finais máis importantes que quedan. Se non se gañan, todo parece perdido.

Esas finais chegarán primeiro á cidade herculina. Unha vez superado o Tourmalet dos grandes e de saír coa moral reforzada do derbi galego, o Deportivo afronta dous partidos que practicamente van decidir o seu futuro en primeira división. O domingo toca xogar en Mallorca e despois o Zaragoza visitará Riazor. Seis puntos decisivos para soñar con continuar en primeira. Dúas vitorias deixarían ós de Fernando Vázquez practicamente fóra do descenso e con todas as opcións nas oito xornadas restantes. Porén, dúas derrotas certificarían practicamente o descenso do Deportivo, xa que regalarían puntos definitivos ós rivais directos.

Un factor importante nestes dous encontros será conseguir o goal average particular. Co Mallorca parece asumible, xa que venceron na ida en Riazor pola mínima, pero ante o Zaragoza parece algo máis complicado, tralo desastre herculino na Romareda, nunha remontada local que rematou nun avultado cinco a tres. Saír vencedor en caso de empate a puntos pode ser clave a final de campaña, e o Deportivo só saería perdendo no desempate ante o Granada. Os de Osasuna e Celta están no peto. Está é outra das claves que pode facer crer ó equipo de Fernando Vázquez, sempre e cando non falle nos vindeiros quince días.

Despois quedarán partidos ante rivais da parte nobre da táboa, pero a salvación pasaría sobre todo por non fallar nos partidos da casa. Por Coruña teñen que pasar o Athletic de Bilbao, o Atlético de Madrid, o Espanyol e a Real Sociedad. O Athletic e o Espanyol poden estar practicamente salvados cando visiten Riazor, mentres que o Atlético e a Real probablemente estean pelexando por prazas Champions. Para completar o soño da permanencia, habería que sumar puntos nalgunha praza como o Ciutat de Valencia ou Zorrilla, que parecen máis sinxelas que o Benito Villamarín ou a Rosaleda. Difícil, pero non imposible. O Depor necesita dúas vitorias para crer na salvación. A partir de aí todo pode pasar.

Con tres puntos máis pero con peor dinámica tralo derbi galego están en Vigo. Alí, confían en sacar os máximos puntos posibles nos dous próximos partidos, xa que se disputan en Balaídos. Os rivais son o Barcelona e o Rayo Vallecano e, aínda que non parecen os máis fáciles, é necesario sumar para afrontar con garantías os enfrontamentos directos que se achegan despois. O problema é que o Celta chega  a estes encontros con numerosas baixas por lesión, que se suman á xa coñecida de Iago Aspas por sanción. Aínda así, os vigueses esperan que o Barcelona pense en París antes que en Vigo, para sumar así algún punto este sábado. Sete días despois, gañar ó Rayo parece unha tarefa de obrigado cumprimento. Se iso sucede, o Celta afrontaría con garantías os encontros de Mallorca e Zaragoza, xa que observando a traxectoria dos equipos de abaixo estaría fóra dos postos vermellos da táboa con casi toda seguridade.

Ó igual que os seus veciños do norte, despois toca visitar Son Moix para logo recibir ó equipo de Manolo Jiménez. Os goal average son importantes e os dous parecen alcanzables para os celestes. Na primeira volta o Mallorca empatou en Vigo, mentres que na Romareda, os olívicos lograron pola mínima a única vitoria a domicilio da tempada. Conseguir os dous antóllase fundamental, xa que os celestes só teñen un goal average gañado, o do Osasuna. Co Granada está igualado e co Deportivo perdido. Polo tanto, ceder máis puntos ante rivais directos sería a sentenza definitiva do equipo de Abel Resino.

Despois quedará recibir en Balaídos ó Athletic, que chegará a Vigo probablemente salvado, e ó Atlético, xusto na previa da final da Copa do Rei. Por último, pechar a liga ante un Espanyol que estará salvado, senón se produce un desastre perico. Tamén haberá que sumar puntos a domicilio, a gran materia pendente dos vigueses. Os rivais serán o Levante, o Betis e o Valladolid, nun calendario moi semellante ó do Deportivo, Zaragoza e Mallorca. Aínda así, sumando todos os puntos de Balaídos máis o enfrontamento directo co Mallorca, o Celta xa estaría tocando coa punta dos dedos a salvación. Ese é o seu punto forte, que a salvación pasa por Vigo, pero o que está claro e que tampouco será sinxelo.

E tras botar as contas da leiteira, o único que lle queda ós afeccionados galegos a día de hoxe é crer máis que nunca. As contas son difíciles, pero eses enfrontamentos directos, sumados a que Mallorca e Zaragoza aínda teñen que superar o Tourmalet dos grandes, poden ser motivos para confiar. Quedan dez partidos para sufrir, pero tamén para soñar cunha salvación que sería un auténtico agasallo en calquera das dúas cidades. As próximas catro xornadas parecen claves. Despois, poderemos seguir crendo ou non, xa que o panorama pode quedar moi decidido para o que resta. As cousas están difíciles. Imposibles, non, xa que no fútbol temos visto cousas peores.

*Foto de portada: La Voz de Galicia