Croquetas (este artigo non fala de cociña)
A miña incansable busca da veritas xornalística levoume días atrás a unha coñecida cadea de hipermercados. A compañía en cuestión celebraba que xa había tres lustros que os seus pés pisaran os fértiles umbrais de Compostela e querían, “por ser unha data moi sinalada”, celebralo “compartindo un almorzo cos compañeiros dos medios de comunicación”.
Chegou a hora do convite e eu estaba, coma Alaska, perdido no hipermercado. Mais antes de que puidese preguntar en atención ó cliente, apareceron cinco cabezas co seu correspondente traxe debaixo: calva, peluquín con bigote à la Pinochet, melena engominada, outra calva e outra morea de gomina con pelo. Este comité de benvida conduciume a un reservado cheo de compañeiros de profesión, vestidos de gala e bavardeando alegremente. Os cinco integrantes do muestrario de Llongueras tomaron asento diante do micrófono dunha televisión local, os demais fixemos o propio detrás do aparello. Minutos despois, mascábase a tensión entre os cruasáns e os xornalistas mentres de fondo a voz dun dos traxes repenicaba que estabamos perante “un momento histórico para a nosa compañía, Santiago, España e o mundo” e se gababa da “fructífera relación” entre os medios de comunicación e a compañía que lle/nos daba de comer.
Cando xa as almas rebeldes comezaban a achegar os seus beizos ás copas de zume de laranxa, a voz calou e todos apuntaron as súas respectivas voracidades cara os doces. Os coitelos cortaban os churros, os tenedores pinchaban os pasteliños e os egrexios representantes do segundo oficio máis puto do mundo conversaban sobre o seu hándicap golfista. Ó rematar as viandas, un dos educados anfitrións ofreceunos un cortapuros ós cabaleiros e un “detalliño” non identificado ás señoritas. Unha vez repartidos os obsequios, todos levantaron o vó cara ós seus lugares de traballo entre un torrente de desculpas.
Horas despois, mentres probaba a eficacia da guillotina do meu cortapuros, comentáballe este episodio a un veterano xornalista e este recordou con áceda (que non amarga) saudade os momentos nos que “un xornalista podía pasa-lo ano de croqueta en croqueta, saltando dunha xuntanza cos medios a outra”.
Probablemente este tipo de convites son imprescindibles en tanto que complementos nutricionais á paupérrima vida do xornalista, xogue este ou non ó golf. Algún día alguén fará o reconto do número de noticias, entrevistas, intercambios de teléfonos, acordos publicitarios e campañas de colaboración institucional que se xestaron diante dunha mesa ateigada de canapés. Mais de momento, cada vez que alguén volva rosmar sobre a pertinaz crise do xornalismo, dille por favor que acabe de mastigar as croquetas antes de falar.