Cando te encomendas a un home

O fútbol e a vida acostuman a dar moitas voltas e, en ocasións, o fan de forma precipitada. A pasada noite, en dúas horas escasas, Iago Aspas pasou de heroe a canalla para boa parte da afección celeste. O moañés perdeu a cabeza no derbi galego, e deixou ó seu equipo con dez no partido máis delicado da tempada. O Celta non encaixou ben o golpe, e queda nunha situación moi complicada para os encontros que restan. Ademais, perderá ó seu dianteiro centro titular por sanción varias xornadas. Porén, creo que os extremos son os que menos se achegan á realidade, e Aspas onte non era tan bo, nin hoxe tan malo. Segue sendo o mesmo.

Iago Aspas é un xogador diferente. Ten calidade de sobra, que combina cunha velocidade e unha capacidade de desborde envexables. Porén, a súa cabeza en ocasións fai que se perda. Probablemente nos seus comezos como futbolista, este defecto puido dar ó traste coa súa carreira como profesional. De feito, por este motivo, tivo problemas para asentarse no primeiro equipo. Ata que chegou Paco Herrera. Con el, Iago cambiou de posición no campo e tamén se asentou sobre el. O míster céltico sempre tivo coidado con el, e evitaba por exemplo a súa presenza en sala de prensa antes dos partidos de máxima tensión. Outros días, cando Iago comezaba a alporizarse, Herrera o substituía ó momento. Paco foi como un pai para Iago, nos momentos bos e nos malos.

Pero Paco xa non está, e probablemente as últimas reprimendas públicas cara Iago influíron nisto. Grazas a estas declaracións ou á marcha do propio adestrador, Aspas conectouse, e deixou boas impresións nos últimos partidos na casa ante o Granada e o Real Madrid. Aínda así, seguía sen ser o mesmo do comezo da campaña, cando impresionou a boa parte do mundo do fútbol. Chegaba Riazor e a parte final da tempada, con boa parte do celtismo encomendado a el e os seus goles. Quizais foi demasiada presión para Iago, que a fin de contas non deixa de vivir a súa primeira campaña na máxima categoría do fútbol español, e que ademais, xa sabemos que nos anteriores derbis abouse perdendo en guerras sen demasiado sentido.

E desta vez Iago falou na previa, algo que dende o club non lle deberían deixar facer, tendo en conta o “cariño” que teñen na prensa herculina. Un “cariño” que se gañou a conciencia noutras ocasións. Aspas falou de deixar ó Depor con “dous pés en segunda”, pero como dixo o gran capitán Borja Oubiña “onte había que xogar por salvarse e non por descender a ninguén”. E iso, cando Aspas agrediu a Marchena, converteuse nunha utopía. De aí ó final, control deportivista, e vitoria que fai crer na salvación ó equipo de Fernando Vázquez. Mentres, en Vigo, aínda se están preguntando porque volveu o Aspas das peores noites no momento máis delicado. Ninguén o sabe, nin sequera el.

A culpa quizais sexa un pouco de todos porque a presión chegou de moitos lugares: da afección que o idolatrou por enriba de decisións de adestradores, da directiva, das ofertas que chegaron de fóra e dos propios paxaros na cabeza que lle entraron nese maldito mercado de inverno. Todo isto, dentro dun Celta que prometía moito a comezos de campaña, pero que agora viaxa sen unha dirección clara. O proxecto de futuro do club está moi cuestionado a día de hoxe e o estilo de xogo cambiou para mal nas últimas datas. Por último, a imaxe do club tamén queda tocada con actuacións así.

Non foi onte un bo día para o celtismo. Comezamos cunha fotografía moi desacertada de Hugo Mallo camiño de Riazor, nun acto impropio dun profesional, e  que só serviu para quecer innecesariamente o derbi. Logo, rematamos con Iago Aspas tirando o partido no minuto trinta. O resto para o Celta foi mera palla. Mentres, o Deportivo centrouse en xogar e levouse o batalla con claridade por 3-1. Quizais, foi a inexperiencia o que rematou cos olívicos no encontro máis relevante da tempada. Xa o dixo Mario Bermejo nos micrófonos da COPE, “o que con nenos se deita, mexado se levanta”. Pero agora, o mellor é esquecer o que pasou en Riazor. Quedan quince días de reflexión por diante e logo dez finais para soñar. Dez finais onte haberá que encomendarse a un equipo, e non a un home, porque encomendarse a un home é algo que non sempre sae ben.

*Foto de portada: Óscar Vázquez