Baloncesto universitario en estado puro

Baloncesto onde os xogadores non reciben millóns de dólares por partido, onde estes xogan por chegar lonxe no seu deporte ou por ser escollidos os primeiros polos equipos da gran liga americana. Un torneo onde un equipo pequeno pode chegar a ocupar portadas de xornais e incluso dar a sorpresa e proclamarse campión. Este é o torneo universitario norteamericano, onde todo pode pasar.

O torneo
Tal é a cantidade de sorpresas e o emocionante do torneo que foi nomeado xa hai anos coma o “March Madness” (a loucura de marzo) debido a que todos os anos é xogado nestas datas. Este ano celébrase este torneo por 75º vez.
A NCAA está formada por máis de 350 universidades distintas. Ao longo da tempada xogan contra equipos da súa mesma conferencia e doutras. Só os mellores logran clasificarse para o torneo final, que dispón de 64 prazas, das que as catro últimas se disputan un par de días antes do comezo nun enfrontamento directo. Se un equipo quere ser campión ten que superar seis eliminatorias a partido único nunha cancha imparcial. Cada fin de semana (de xoves a domingo) xóganse dúas eliminatorias, as cales comezaron no día de onte e rematarán dentro de tres semanas. Os partidos en España poderanse seguir en directo a través da propia web da NCAA. A final será en Atlanta.

"Bracket" do torneo, utilizado para apostas onde se poden seguir todas as eliminatorias.

“Bracket” do torneo, utilizado para as apostas e onde se poden ver os resultados de todas as eliminatorias.

Os equipos
Tódolos anos hai grandes sorpresas xa de inicio e tamén grandes decepcións. Kentucky, un dos equipos máis laureados na historia do baloncesto universitario americano non logrou clasificarse para o torneo malia ser o actual campión. Connecticut, outra das grandes na NCAA, tampouco o logrou. Tamén por primeira vez en case corenta anos ningún equipo do estado de Texas estará nas finais. Por outra banda, a Universidade de Florida Golf Coast logrou a súa primeira clasificación para o torneo, ademais das universidades de James Madison e North Carolina A&T que pasaron por primeira vez en vinte anos.

Os favoritos
Sen dúbida algunha o mellor equipo este ano é a Universidade de Gonzaga do estado de Washington, gran favorito para acadar o campionato xa que tan só perdeu dous partidos na liga. Outros favoritos son a Universidade de Indiana, onde comezou a súa carreira universitaria Larry Bird aínda que despois marchou a Indiana State; Duke, co seu adestrador Mike Krzyzewski á cabeza, coñecido por ser o seleccionador estadounidense, que se enfronta á súa tempada número 33. Outra universidade de Kentucky, Louisville, é outra das favoritas, ademais das universidades de Kansas e Miami.

O equipo da Universidade de Gonzaga / Foto de bleachreport.com

O equipo da Universidade de Gonzaga / Foto de bleachreport.com

As futuras estrelas
Aparte de ser unha gran competición, o torneo da NCAA é un lugar idóneo para o traballo dos cazatalentos da NBA e tamén das grandes ligas europeas. Moitas das escollas do draft decidiranse durante as tres semanas de competición.
A estrela na que parece que se pousarán os ollos dos Charlotte Bobcats (equipo que previsiblemente posuirá o número 1 do draft) é Ben Mclemore de Kansas, un atlético xogador que recorda a Lebron James pola súa potencia física.

ben mclemore

Ben Mclemore / Foto da páxina web de Kansas

Outro con posibilidades é Marcus Smart de Oklahoma State, que facendo honra ao seu apelido, é un base listo, con gran visión de xogo e pases creativos. Non é un dez en nada, pero si un oito ou un nove en tódalas facetas. Aínda así non parece que o equipo que posúa a primeira elección do draft vaia gastar a súa posibilidade escollendo ó base americano.

O último dos tres xogadores máis destacables é Otto Porter de Georgetown. Un aleiro alto con gran potencial que promete un longo percorrido na NBA e cunha gran marxe de mellora, a pesar de ser xa do máis destacado da competición.

Un dos equipos aos que haberá que estar atentos tamén é ao da Universidade de Michigan, xa que tres dos seus xogadores estarán na primeira ronda do draft no caso de que fagan unha boa competición. Glenn Robinson III, Trey Burke e Tim Hardaway Junior son os seus tres puntais. Curiosamente outro equipo que probablemente teña a outros tres xogadores na primeira ronda é Kentucky, que non logrou clasificarse.

Para os amantes do baloncesto as tres próximas fin de semanas serán entretidas sen ningunha dúbida. Se nunca viches este torneo, non o fagas, xa que quedarás enganchado.