A última oportunidade de Dani Sordo

En España, nos anos noventa, o mundial de rallyes era unha das competicións máis seguidas pola maioría dos afeccionados ó motor. Na actualidade, adiantado pola dereita pola irrupción da fórmula 1 e o motociclismo, é unha competición que ten un seguimento menor no noso país, pero que non por iso deixa de ser apaixoante. Tralos dous mundiais de Carlos Sainz, o automobilismo español viviu un tremendo baleiro neste deporte, ata que apareceu Dani Sordo, unha auténtica promesa que chegou ao mundial con moitas expectativas para o seu futuro. Porén, ós seus 30 anos, continúa levando a etiqueta de “eterna promesa” do automobilismo español.

Dani Sordo é un piloto con condicións. Domina o asfalto, deféndese ata certo punto na terra e patina, como moitos outros, sobre a neve. Isto non é algo novo, xa que habitualmente nestas probas sempre dominan os pilotos nórdicos. Estas condicións levárono a chegar ó campionato do mundo (World Rally Car) en 2006 da man de Citroën, pero por diante atopouse cun piloto da talla de Sébastien Loeb como compañeiro de equipo. O francés foi o auténtico dominador do mundial nos últimos tempos, xa que dende 2004 non cedeu nin un só campionato. Sumou nove títulos consecutivos, nunha fazaña tan sorprendente como impresionante. Sordo foi o seu segundo espada todos estes anos, exceptuando os dous últimos onde Citroën pechoulle a porta, e tivo que conformarse con correr algunhas carreiras cun Mini. Aínda así sumaría resultados bastante aceptables.

Durante todos estes anos Dani achegouse ás vitorias, pero nunca logrou alcanzalas, algo que probablemente precipitou a súa marcha de Citroën e que xerou dúbidas sobre a súa validez como candidato a facer algo importante no mundial. Evidentemente, a tiranía de Loeb axudou en todo isto, xa que a maioría de pilotos viviron totalmente tapados polas exhibicións do francés. Porén, este ano Loeb decidiu non participar no mundial, e simplemente correr catro probas. Isto obrigou a Citroën a buscar un substituto para toda a tempada e optar a levarse o mundial ante Wolkswagen. O elixido pola marca gala foi Dani Sordo, que regresaba a casa nunha oportunidade única de triunfar no mundial. O seu compañeiro de equipo sería Hirvonen, o cal mantiña a marca francesa.

Sen Loeb ábrense as opcións no mundial, e Dani Sordo declarou dende principios de tempada que esta era a súa gran oportunidade. O piloto cántabro chegou a afirmar que “tiña que vencer algún rally este ano, ou o deixaba”. Non sabemos se foi demasiada autoesixencia a que se puxo o piloto español, pero polo de pronto os dous primeiros intentos de gañar saldáronse con fracaso. En Mónaco, proba de asfalto, foi terceiro por detrás dos dous franceses, Loeb e Ogier. E en Suecia foi un fracaso total, xa que o español non puido nin sequera finalizar unha fin de semana onde venceu Sébastian Ogier, que presentou as súas credenciais para ser o sucesor de Loeb, algo que xa viña apuntando estes anos. De feito, os dous franceses compartiron equipo en Citroën, pero Loeb acabou forzando a saída do seu compatriota ata Wolkswagen por diferencias internas. No equipo alemán, Ogier conseguiu poñer a punto un coche competitivo e quere cambiar a lóxica das marcas despois de moitos anos de hexemonía francesa.

Queda moito mundial e moitas oportunidades para que Dani Sordo poda demostrar a súa valía. Iso si, cada vez a presión pode transformarse nun inimigo máis potente e xogar na súa contra. Tras Mónaco e Suecia, xa non está tan claro que Citroën sexa o mellor coche, e Ogier e Wolkswagen forman unha parella que parece tan favorita como temible para levarse este campionato. Esta fin de semana chega o rally de Mexico, sobre terra, onde esperemos que o cántabro cambie os seus resultados e comece a coller confianza de cara o resto de campionato. Cada proba será unha oportunidade, pero o tempo para Dani Sordo, como el mesmo recoñece, vai rematando pouco a pouco.

*Foto de portada: Eurosport