A historia máis tráxica do ciclismo: as mortes do velódromo de Gante
Que o ciclismo se atopa na súa peor situación histórica é unha realidade patente para todos os seguidores do deporte para moitos máis duro do mundo. Varios factores fundamentaron que se chegase á situación actual. O máis importante foi sen dúbida a dopaxe, pero as mortes de ciclistas nos últimos anos debido ós riscos e á indefensión á que se ven sometidos foi outro dos factores de rexeitamento no público. Son coñecidas e tráxicas as mortes por accidente de Wouter Weylandt no Giro de Italia 2011, Kivilev na París-Niza 2003, Casartelli no Tour de 1995 ou o atropelo que acababa coa vida de Ricardo Otxoa no ano 2000. Igual de funestas son as historias de Pantani, o Chava Jiménez ou a última que acababa coa vida de Xavi Tondo, de novo no Giro 2011.
Pero quizais a historia máis terrible foi a que sucedeu o 26 de novembro do 2006 en Gante. Coa temporada ciclista en estrada rematada, moitos profesionais, sobre todo os homes rápidos, buscaban manter a forma coa temporada de ciclismo en pista. Este era cada inverno o traballo de Isaac Gálvez, un dos principais sprinters españois e que durante o inverno se dedicaba á temporada de ciclismo en pista. E o certo era que con grandes resultados, posto que formando parella con Joan Llaneras conseguiran anos atrás ser campións do mundo na disciplina de madison. Sen máis motivo que a rutina de traballo os dous españois chegaban a Bélxica co obxectivo de prepararse para loitar de novo polo campionato do mundo. Pero a desgraza apareceu para acabar coa vida de Isaac Gálvez. Tras chocar co ciclista belga Dimitri de Fauw, Gálvez chocaba coa valla exterior do anel do velódromo, provocando isto a fractura de varias costelas afectando ó pulmón e ó corazón. Ós 31 anos Isaac Gálvez unía a súa historia ós infortunios do ciclismo. España laiábase da perda dun dos seus puntais na pista e un dos homes rápidos que competía cos mellores.
A lista de ciclistas falecidos nos últimos anos en desgrazas deste tipo é sen dúbida demasiado grande. Adestrando, correndo ou en situacións estrañas. Pero o peor da historia de Gálvez é que non acaba aí. A vida levábase a un rapaz de 31 anos no 2006, pero no 2009 levábase ademais a outro de 28 anos. Dimitri de Fauw, o causante da caída de Gálvez, non daba superado a perda deste e suicidábase tres anos despois, incapaz de recuperar o seu ritmo de vida, deixando muller e filla. Días despois do accidente declaraba o seguinte: “Emocionalmente son unha ruína. Todo o mundo fala dun accidente, pero as consecuencias son dramáticas e o meu nome sae en todas partes”. Afectado por unha depresión desde esas datas, non volveu a ser o mesmo. Correu de novo para o equipo Chocolade Jacques, mais seu amigo e tamén ciclista Iljo Keisse dicía que “non volveu a ser o mesmo. Nin como ciclista nin como persoa. Non volveu correr ben”. Pese a iso, ninguén esperaba o suicidio. O detonante, segundo seus compañeiros, puido ser os recordos que lle trouxo a proba que estaba a disputar no momento de quitarse a vida. O pistard belga acababa de competir nos Seis Días de Grenoble, seis días de competición no ciclismo en pista moi similar ós Seis Días de Gante no que de Fauw, tres anos atrás e de xeito involuntario, provocara a morte de Isaac Gálvez.
“Na unidade de urxencias escoitei a dous médicos que estaban falando do accidente e da morte de… Isaac. Non sabían que eu tamén viña da pista e que caín con el. O meu pulso subiu dun tirón”. Estas foron as últimas declaracións, entre saloucos, despois do accidente que remataba coa vida de Isaac Gálvez. Dimitri de Fauw tentou recuperar a súa vida, volveu ó ciclismo en pista e á estrada, contou cos mellores profesionais para a súa recuperación, pero esta traxedia nesgou as súas gañas de vivir. Dúas desgrazas terribles por unha bicicleta que nun segundo se moveu dous centímetros de máis cara un lado que non debería. Dúas vidas perdidas nun deporte con moitos riscos, problemas e historias tráxicas, pero tamén o deporte máis heroico e duro, que merece un futuro no que por fin lle sorría a sorte.