A estabilidade leva ó éxito
Corría a xornada trece da tempada pasada e Philippe Montanier comezaba a facer as maletas. A súa estancia en San Sebastián parecía rematar tras oito xornadas consecutivas sen gañar. A Real era un equipo vistoso, pero ó que lle faltaba maldade para rematar os partidos. Montanier sabíao, aínda que as voces críticas tiñan claro que non era o home indicado para levantar ó equipo da situación actual. Pero o francés, sen levantar a voz, seguiu confiando na mesma filosofía e pouco a pouco endereitou o rumbo do equipo txuri urdin. Hoxe, tras un novo amago de facer as maletas ó comezo da tempada, o equipo vasco é cuarto e volve a soñar con xogar en Europa e mesmo coa Champions League. As ideas claras e a tranquilidade son elementos básicos para que as cousas vaian ben.

Griezmann celebra o seu gol ante o Valladolid – Foto: Javier Etxezarreta (EFE)
Corren bos tempos por San Sebastián. Son domingos de ovacións, de goles e de bo fútbol. Ademais, estes momentos saboréanse mellor despois de penar pola división de prata hai non tanto, e de estar a punto de morrer nun concurso de acredores moi duro. As apostas arriscadas non saen ben e aquela Real Sociedade que estivo a punto de gañar a liga na tempada 2002/03, baixo a batuta de Raynald Denoueix, rematou da peor forma posible. A xestión deportiva daquel equipo non foi a mellor, e os problemas económicos chegaron pronto á entidade donostiarra. Anos despois consumouse o descenso, e tocou vivir tres duras tempadas no inferno.
O medo imperou en Anoeta, mentres o equipo vivía unha enorme convulsión económica e institucional que os achegou ó abismo, pero que tamén marcou o camiño a seguir. Acabáronse os negocios estraños, os que non daban rendemento, e chegou o momento de mirar a Zubieta, nunha xeración de canteira que hoxe comeza a dar uns froitos envexables. Grazas a eses xogadores, o equipo recuperou o seu lugar natural nun ano especial, o ano do centenario, e a partir de aí aínda quedaba sufrir un pouco máis. Lasarte foi o artífice do ascenso, e con el firmaron unha salvación discreta en primeira división. A camada de Zubieta aínda era moi nova, pero o público e a directiva buscaron novas solucións no banco.
Montanier, un adestrador sen moito nome e que parecía destinado a ser ocasional, foi o elixido. O francés non gustou á bancada de Anoeta, xa que parecía un técnico sen carácter e que non levaba ós rapaces polo camiño correcto. A directiva resistiu a presión e a Real Sociedad completou unha temporada moi boa. Aínda así, Montanier parecía discutido. Pola praia da Concha comentábase que era un adestrador con medo, que sacaba equipos defensivos ante os grandes, e así o fixo ver Anoeta a comezos desta campaña. De novo a directiva soubo aguantar, e o equipo explotou cunha xeira de resultados espectacular, que o levou ata o cuarto posto da liga española. Aquel equipo que na 2002/03 marabillou Anoeta, non está demasiado afastado do equipo actual, que parece un candidato firme a pelexar pola Champions League ata a última xornada. Coa solidez defensiva como premisa inicial e cunha capacidade de desborde letal en ataque, os donostiarras están preparados para bater a calquera ata o final da liga. E iso, preocupa en grandes capitais como Málaga ou Valencia, onde observan á Real como un claro aspirante á cuarta praza.
Hoxe en día, a Real é aquilo que quixo ser cando en 1989 fichou ó primeiro estranxeiro da súa idade contemporánea (o británico Aldridge). Un equipo baseado en Zubieta e que ficha a prezo de saldo aquilo que non ten (Bravo, Vela, Castro ou Ifrán). O importante é manter a estrutura da casa con produtos propios, como Íñigo Martínez, Zurutuza, Illarramendi, Griezmann, Xabi Prieto ou Agirretxe. O de menos é o lugar de procedencia, senón o crecemento baixo a filosofía de Zubieta. Con xogadores de canteira o equipo ten alma, unha alma que se lle pedía a Montanier pero que en realidade xa existía. O que pasa é a que a froita aínda estaba por madurar.
A Montanier non hai que recoñecerlle tácticas innovadoras, nin principios indestrutibles, senón a calma e saber abstraer os xogadores de todo o ruído para que sacaran o mellor de si mesmos. Hoxe, Vela é máis futbolista do que foi nunca, Griezmann un dos mellores extremos da liga, Xabi Prieto o futbolista que tiña que ser e Illarramendi o compás do centro do campo. E hai máis, como Rubén Pardo, un xogador que todos esperan cando chegue a súa oportunidade. Porque tamén están Chori Castro, Zurutuza ou Aguirretxe. Recursos non faltan, e máis tendo en conta ningún dos xogadores do equipo, agás Ion Ansotegi, chegan ós trinta anos. O futuro en Anoeta está asegurado.
A tranquilidade e a estabilidade son as claves desta Real Sociedad. Un equipo, que comezou a crecer cando botou unha ollada a súa canteira, xa fora por necesidade ou por convencemento. E que definitivamente deu o estirón cando mantivo ó seu técnico e pensou nun proxecto de futuro. Agora, os froitos están aí, e parecen a única luz nun fútbol do norte que cada vez está máis deprimido. Con Galicia tremendo, Asturias e Cantabria perdidas no ostracismo, Bilbao sen levantar cabeza e Pamplona e Zaragoza achegándose ó abismo. Todos eses equipos teñen un faro que lles guía e que deberían imitar para construír proxectos de futuro con sentido. Canteira e paciencia son as claves da Real Sociedad e dunha xeración de Zubieta que pode quedar para o recordo.