Unha nave sen rumbo fixo

En Hollywood as cousas sempre xeraron moitas expectativas. O seu cine é tan comercial como espectacular, e sempre se espera o mellor dos seus equipos deportivos. Por suposto, tamén se espera o máximo do seu equipo de baloncesto máis importante: Los Ángeles Lakers, unha das grandes franquías do panorama NBA. Tras dous aneis consecutivos, chegaron dúas decepcións rotundas en segunda rolda ante Dallas Mavericks e Oklahoma City Thunder. Dous anos decepcionantes para a parroquia de púrpura e ouro, que buscaba un cambio no seu rumbo coa chegada de Dwight Howard e Steve Nash o pasado verán. Estes fichaxes cargaron ó equipo de expectativas moi elevadas.

As chegadas de Nash e Howard reforzaban a un equipo que simplemente perdía a Andrew Bynum, pero que mantiña xogadores claves nos últimos anos como Kobe Bryant ou Pau Gasol, líderes indiscutibles nos dous últimos aneis conseguidos pola franquía. Lakers esixe resultados, pero este ano nunca chegaron. En pretempada, o equipo non logrou nin sequera un triunfo, e iso viuse trasladado a un comezo de tempada nefasto que acabou coa marcha de Mike Brown. Probablemente a culpa non fose súa, xa que os xogadores importantes non estiveron ó nivel, salvando quizais a Kobe Bryant. Howard chegou a Lakers cunha lesión de ombreiro coa que aínda ten problemas hoxe, Nash tivo unha adaptación difícil e Pau Gasol non chegou na forma desexada tras uns duros Xogos Olímpicos.

Tralos rumores da posible volta de Phil Jackson, o elixido para ocupar o banco foi Mike D’Antoni, o adestrador que mellor coñece e que mellor fixo xogar a Steve Nash. Os Phoenix Suns eran un equipo rápido que dominaba o xogo a través do contraataque e do pick‘n roll entre Nash e Stoudemaire, unha xogada que os dous interpretaban á perfección. Parecía que D’Antoni poñería a funcionar dende o primeiro momento ás pezas de xadrez e os Lakers comezarían a gañar, pero as cousas simplemente melloraron sensiblemente. Ademais, a chegada de D’Antoni creou outras tantas polémicas, sobre todo coa súa idea de xogar cun só home por dentro, o cal crea un problema nun equipo construído con dúas figuras interiores do peso específico de Dwight Howard e de Pau Gasol.

Nesas, Pau Gasol, por idade e polo seu contrato, foi o máis prexudicado. D’Antoni probou con el por fóra, pero a cousa non funcionou demasiado ben, pasando a relegalo a quedar fóra do equipo nos momentos importantes e incluso a perder a titularidade saíndo como sexto home. As posturas entre os dous parecen moi distantes, a pesar de certos intentos de reconciliación como o chamado “Pacto de Petros”, unha cea onde o adestrador prometeulle a Gasol xogar os minutos importantes. Agora, a guerra está aberta e os trapos Lakers lávanse de cara á prensa. O xogador español criticou a D’Antoni, e o propio D’Antoni criticou a Gasol nas últimas datas. Para completar unha tempada nefasta, Gasol sufriu dúas lesións, a primeira unha conmoción tras un golpe nun encontro, e a segunda unha rotura na fascia plantar que se produciu a pasada madrugada do martes ó mércores en Brooklyn, ante os Nets. Parece que serán preto de dous meses de baixa para o español, pero á volta a polémica seguirá aberta.

Pau non é o único problema para D’Antoni, que parece que prefire tentar adaptar ó seu estilo de xogo a certos xogadores que quizais xa non estean para tanta velocidade. Steve Nash acaba de cumprir 39 anos, e o seu xogo nunca vai ser tan rápido como antes. Kobe Bryant segue sendo un gran xogador, pero ó que os ritmos altos non lle interesan demasiado. E despois está Howard, un portento físico, xogador determinante en Magic, pero que sen estar fisicamente ao cen por cen non suma demasiado. Os problemas de ombreiro xa lle fixeron perder varios partidos esta tempada, pero sobre todo o máis preocupante é que non acaba de entender o xogo que quere despregar o seu adestrador e o propio Steve Nash.

Posiblemente Steve Nash sexa un dos maiores expertos no pick’n roll da historia, pero non é capaz de que ninguén faga un na cidade de Los Ángeles. Howard non entende o xogo, non ven a bloquear ó defensor do base, por moitos vídeos que seguro que lle puxeron doutros expertos nesta xogada como Papaloukas. Por momentos, parece que o baloncesto non remata de entrar nel. Outros xestos, como dúas expulsións por faltas violentas, esborranchan unha tempada xa de por si moi frouxa do xogador interior norteamericano. Cando entra Gasol, quizais sexa quen de poñer sobre a cancha situacións máis vantaxosas para o xogo do equipo, pero hai dous factores na súa contra: que está máis lento pola idade e que non é politicamente correcto que Howard non sexa titular. Superman xógase a renovación e foi o fichaxe estrela deste verán. De tódolos xeitos, a prensa de Los Ángeles xa falou dun posible traspaso do norteamericano, como leva facendo co de Gasol moito tempo.

Con todo, esta semana Lakers alcanzaron por fin as vinte vitorias tras pasar por moitas dificultades para sacar os partidos adiante. Aínda están fóra de playoffs, pero parece que o equipo coas súas carencias de xogo e entendemento quere sumar para chegar polo menos a esa cita final da campaña. Alí, simplemente unha milagre podería evitar outra gran decepción. Queda tempada, pero Lakers debe recuperar física e mentalmente a tódolos seus xogadores, e D’Antoni debe entender que os mellores deben estar en cancha nos momentos importantes, aínda que o seu plan de xogo teña que variar sensiblemente. Senón, as cousas semellan moi difíciles pola cidade hollywoodiense.

*Foto de portada: Fox Sports