Unha aposta polo coche de liña

Había moito tempo que non collía o autobús para ir á Coruña. Tanto tempo había que esquecín recargar as dúas tarxetas metropolitanas que tiña na miña carteira. Fastidioume ter que pagar 1,45 € cando podía ter pagado 0,82 €: era case o dobre. Pero tampouco levaba suficiente solto e aínda que me matei a sumar tódalas moedas de dez e cinco céntimos non conseguín xuntar máis de cincuenta céntimos. Collín un billete de vinte euros da carteira e mirei ó condutor con cara de pena, el miroume con resignación. Abriu a caixiña na que mete os cartos onde tiña un billete de cinco euros e un par de moedas. Miroume outra vez con resignación e pediume que me sentara preto, que cando tivera máis cambio xa me cobraría. Antes de que me puidera sentar chegamos á seguinte parada na que subiu unha veciña que, sigo sen entender como, enterouse de que non puidera pagar o meu billete. Primeiro intentou pagarllo ó condutor pero como este non aceptou veu xunta min. Despois de moito insistir collín os cartos e pagueille ó condutor. Antes de baixar do bus a señora volveume ofrecer un par de moedas “por se tes que coller outro bus na Coruña. Alí se pagas cun billete de vinte bótante, non esperan a ter cambio”. Díxenlle que non se preocupara, que nada máis chegar á cidade ía recargar a tarxeta.

Eu vivo en Dexo, unha pequena vila duns 2000 habitantes que pertence ó concello de Oleiros. Para facer a compra, ir ó médico, á farmacia ou ó banco é preciso desprazarse á Coruña ou ás vilas do redor, máis grandes. Para todas aquelas persoas que non dispoñen dun coche ou que non poden afrontar a suba do prezo da gasolina, o autobús converteuse nun medio de transporte fundamental para ir ó traballo ou facer os recados do día a día. Autocares Eliseo Pita S.A. encárgase da liña que percorre toda a costa de Oleiros dende Sada ata a Coruña pasando polas vilas peor comunicadas do concello (entre as que se atopa Dexo). Esta liña é utilizada tanto pola xente nova coma pola máis vella. Os adolescentes utilízana para ir mercar ou dar unha volta cos seus amigos pola Coruña mentres que a xente maior utilízaa para case todo: ir facer a compra, recoller as receitas médicas, ir cobrar a pensión… O autobús outórgalles autonomía e fai que non teñan que depender dos fillos ou dos netos cada vez que queiran ir a algún sitio. Os que menos utilizan o autobús son as persoas de mediana idade que prefiren utilizar o seu propio coche pola autonomía e comodidade que lles ofrece. Mais coa suba do prezo da gasolina e a implantación da tarxeta metropolitana en febreiro de 2011, que permite ó usuario aforrar ó redor de 60 céntimos por viaxe, algunhas persoas cambiaron o coche polo autobús. Pero ademais de implantar a tarxeta metropolitana a empresa Eliseo Pita decidiu aumentar o número de frecuencias diarias, medida moi ben acollida polos viaxeiros pero non pola Xunta xa que a empresa o fixo sen o seu consentimento. Cando os condutores lles comunicaron ós usuarios a orde da Xunta que obrigaba a reducir de novo as frecuencias estes non se quedaron cos brazos cruzados e recolleron firmas para manter o número de frecuencias nas parroquias que máis empregan este transporte. Finalmente a Xunta aceptou as novas frecuencias. Con isto non estou defendendo a actuación da empresa Eliseo Pita, que tiña que ter pedido permiso á Xunta, senón a iniciativa dos veciños que aproveitaron esta situación para mellorar o transporte público da zona. A fin e ó cabo para que a Xunta acepte as peticións dos veciños fan falta moitas firmas.

O Eliseo Pita é “o coche” (coma din os máis vellos) que percorre toda a costa de Oleiros dende Sada ata a Coruña. Mais no resto de Galicia tamén hai máis “coches” coma o Eliseo que unen as áreas rurais coas urbanas ou coa cidade. Estes “coches”, nos que quizais poidas atopar un condutor que se apiade de ti se non levas cartos soltos ou unha veciña que che pague o billete, posibilitan que moitas persoas desenvolvan o seu día a día sen depender dun coche ou de alguén que as carrete. Así, a colaboración económica da Xunta é fundamental para conseguir unir as zonas rurais coas urbanas. Agora ben, cada caso ha de ser minuciosamente estudado co obxectivo de dar unha boa cobertura ós veciños e racionalizar os cartos. Evidentemente haberá concellos que debido á súa densidade de poboación e emprego dos servizos de transporte teñan máis frecuencias ca outros con menor poboación e menor uso do autobús. De tódalas formas e como mostraron os veciños de Oleiros ás veces é necesario queixarse e mobilizarse para que che fagan caso.