Un gran MVPaul leva ó Oeste a vencer na festa das estrelas

Ás 2.45 desta madrugada pasada comezaba tras días de espera o partido das estrelas do All Star Game. Tralos entrantes (un pouco en mal estado) co partido entre rookies e sophomores e un bo primeiro prato de lagostinos en forma de mates e triples chegaba o prato forte do All Star, pois o partido das estrelas entre Este e Oeste chegaba ás nosas pantallas e non decepcionou. Chegou en forma de cocido galego. Non chegou a ser o gran manxar que serían (para a maioría) uns percebes ou unha boa churrascada pero non estivo mal. Cumpriu as expectativas e o Oeste venceu por terceiro ano consecutivo e oitavo nos últimos doce. Gran parte do éxito veu dado polo partido das súas principais estrelas, cada unha nunha especialidade: Durant anotaba, Chris Paul asistía, Blake Griffin machacaba, Kobe (sorprendentemente) defendía e Dwight Howard anotaba o seu triple habitual de cada All Star. Con isto foi suficiente para dobregar a unha Conferencia Este onde os mellores foron Carmelo Anthony e “Flash” Wade nun partido que se lle atragoou a LeBron James como ós espectadores se nos atragoara o “partido” entre rookies e sophomores o venres pasado.

Na previa do partido o habitual espectáculo yankee viña acompañado co himno cantado por John Legend para posteriormente proceder ás presentacións dos que formaban parte dos dous equipos. Os titulares polo Este, os escollidos polo público nas votacións eran Dwyane Wade, LeBron James, Kevin Garnett, Carmelo Anthony e Rajon Rondo, pero ante a lesión deste último o escollido polo adestrador Spoelstra era Chris Bosh, propiciando que por primeira vez tres xogadores do mesmo equipo fosen titulares no All Star. Os suplentes, comandados por Paul George e Mr.Three Irving traíannos a algunhas das estrelas que veñen. Polo Oeste o quinteto titular non tiña nada que envexar ós de LeBron e comandados polo xefazo Popovich aparecían en pista Chris Paul, Kobe Bryant, Kevin Durant, Blake Griffin e Dwight Howard.

O partido comezaba e como é habitual neste tipo de partidos cun intercambio de canastras no que se vía que Durant e Wade xa de comezo levaban a voz cantante na anotación. No control de xogo Chris Paul aproveitábase da baixa de Rondo e da ausencia dun base puro no Oeste e cun xogo de “skills” bestial rompía en varias ocasións ós defensores para rematar con asistencias que ben remataba Griffin, ben remataba Durant.

O Oeste ameazaba con marcharse no marcador en varias ocasións pero era Carmelo Anthony quen impedía que isto sucedese antes do descanso. Igualdade na primeira metade e un amplo número de candidatos a converterse no MVP do partido. Nada novo nun All Star que nos deixaba un pouco fríos de xogadas espectaculares no descanso de non ser por Chris Bosh. E non porque tivera un gran día, senón máis ben polo contrario. E é que no descanso podía ter sido galardoado xa como o WVP (Worst Valuable Player). Porque o certo é que tivo cinco acciósn que non pasarán polo seu resultado á historia dos partidos das estrelas. A primeira, recibía un balón completamente só na “bombilla” pero o seu tiro remataba nun airball. Na seguinte xogada, un tiro completamente liberado acababa co mesmo resultado… pero non acabaría aí. Aínda houbo tempo para que o pobre de Bosh tirase outro tiro sen que tocase nada neste primeiro tempo recordando ó bo de Teletovic non hai moito tempo. Logo diso, Chris Paul e Tony Parker acabarían de amargarlle o día con sendos “caños” que remataban cun Bosh con cara desencaixada e que non levantaría en todo o partido.

No descanso a esperada actuación musical corría a cargo de Alicia Keys, se ben todos os twitteiros recordarán máis se cabe a basta imitación que o gran Shaquille O’Neal realizaba para tódolos seus fans.

E no segundo tempo, ocasión para as actuacións individuais. A primeira, o baile das mascotas. Cabe dicir aquí que para min as mascotas son do mellor do espectáculo do All Star do domingo. Son un namorado dos grandes concursos de mates por riba do partido das estrelas, pero este é o motivo que o pon claramente por riba da noite do sábado. O ídolo Benny the Bull debe e merece ter un lugar neste artigo. Aquí adxunto o vídeo deste ano 2013, no que sorprendentemente ningunha mascota acabou pinchada. Espectáculo americano en estado puro.

E no puramente baloncestístico o segundo tempo foi cousa de homes que ían tendo un por un o seu momento. Tras un primeiro tempo onde o partido se resumía nun Durant + Paul vs. Wade + Anthony, o segundo tempo era o tempo das reivindicacións e os nomes propios. E o primeiro é James Harden. “A Barba” era un dos principais motivos polos que o Oeste conseguía irse no marcador. Cuns minutos espectaculares lanzaba ós seus dunha diferenza de 3/4 puntos ata os 10 xa no último cuarto, algo que sería insalvable para o Este. Kyrie Irving botábase o equipo ás costas e con dous triples consecutivos puña ós seus a menos de cinco puntos, ameazando con ser o home do All Star tralas exhibicións ante Brandon Knight o venres e no concurso de triples o sábado, pero o terceiro triple que intentaba daba acababa no taboleiro e evaporando a Kyrie Irving. Tony Parker e Russell Westbrook con seus tan diferentes estilos volvían poñer ó Oeste por arriba e ante a desaparición de Flash Wade no segundo tempo só quedaba esperar que Carmelo recordase ó dos seus históricos finais e remontase para o seu equipo. Pero LeBron James quixo tomar responsabilidades e equivocouse. Forzou demasiado en varias accións infructuosas, especialmente dúas que resultaban clave. Unha a falta de tres minutos que taponaba na quizais mellor acción do partido Kobe Bryant e outra a falta de 45 segundos co seu equipo a seis que volvía acabar co bo de Kobe taponando ó Rei LeBron. Entre tanto, Paul e Durant seguían ó seu, o primeiro dirixindo e anotando triples na cara de quen tivese diante (Bosh, Noah…) e o segundo matando ó contraataque con cadanseu mate espectacular. As últimas opcións do Este chegaban no último minuto. Entraban Paul George, moi enchufado onte compensando a súa decepcionante actuación no concurso de triples, e Joakim Noah, e con dous triples do de Indiana Pacers poñían ó Este a catro puntos a falta de menos de medio minuto. Cinco eran os puntos que o Este estaba abaixo a falta de 22 segundos tras un tiro libre anotado por Paul, pero o tempo morto pedido por Spoelstra acababa cun triple errado por Paul George que remataba coas opcións da Conferencia Este de vencer no partido das estrelas.

Durante todo o partido os que máis confiamos no espectáculo NBA esperamos que a liga se gardase un as na manga e Michael Jordan se levantase da mesa de prensa, se enfundara a camiseta do Este e saltara á pista a xogar uns minutos, quizais os finais, pero isto non ocorreu. Todos esperabamos algo diferente na homenaxe ó máis grande no seu 50 aniversario e os rumores sobre a súa volta creceran nos últimos tempos, pero a NBA tan só lle dedicou un pequeno homenaxe no descanso que en España non puidemos ver. O MVP final foi merecidamente para Chris Paul, entregado por un David Stern que tamén estaba no seu último All Star, do que se despediu deixando o listón claramente máis alto có ano pasado, dando coa chave nos mates e triples, permitindo que o All Star siga tan interesante coma tódolos anos e coa pequena patada no estómago ó xefe que resultou ser o partido dos novatos. Houston despedía deste xeito un gran fin de semana das estrelas. Para o ano, vémonos en Nova Orleáns!