The Fleshtones: trinta anos de garage
Are you ready for action?
Come on!
Desta maneira quentaba motores o cantante do grupo The Fleshtones o pasado venres 25 de xaneiro. Os catro membros da banda chegaran ó escenario abríndose paso entre os asistentes que enchían a sala Moon. Os alí presentes tardamos pouco tempo en darnos conta de que a plataforma se lles quedaría pequena durante o concerto.

© Sara Yáñez

© Sara Yáñez
Co seu primeiro tema, “Some kinda fun”, os estadounidenses invitábannos a divertirnos na súa compaña. Entraban forte cunha versión do tema de Chris Montez e non soltarían o frenesí até que finalizase o concerto. Durante case dúas horas gozamos dunha banda que foi concibida en 1976 polo guitarrista Keith Streng e Marek Pakulski, dous compañeiros de habitación que descubriron que un inquilino anterior deixara algúns instrumentos no soto da casa que alugaban (isto, amigos, é o que a xente chama sorte). Pronto se lles uniron Lenny Calderón e o carismático cantante Peter Zaremba, que tamén se encarga dos teclados e da harmónica. Dos instrumentos esquecidos nun soto nacía, como non podía ser doutra maneira, unha das bandas de garage máis notables, en activo dende fai máis de trinta anos. A pesar disto, The Fleshtones mantéñense frescos e en plena forma. Durante a actuación parecían sacudidos por descargas eléctricas que non lles permitían un momento de relax. Frenéticos e coidadosos co vestiario. Camisas e americanas estampadas, a xogo con pares de zapatos brillantes, coloreaban o escenario.

Peter Zaremba ©Sara Yáñez

Keith Streng ©Sara Yáñez
A sala Moon encheuse de novatos, entre os que me atopaba eu, e de habituais dos concertos da banda. Os fans máis antigos retrocedían aos Fleshtones dos anos oitenta a través da sensación dos máis novos do local. Ese carácter de sorpresa dos primeiros concertos tamén o experimentaron os que frecuentaban o emblemático local neoiorquino CBGB’s OMFUG. Este club de punk rock e new wave, situado en Manhattan, albergou até o seu peche en 2006 numerosas actuacións de recoñecidas bandas e serviu de trampolín para as carreiras musicais dos Ramones, Blondie ou The Talking Heads. The Fleshtones debutaron no CBGB en maio de 1976. Tres anos despois sairía o seu primeiro single, “American Beat”, despois de ter compartido local de ensaio co grupo The Cramps. A rúa Bowery tiña por aquel entonces o aluguer a prezos baixos, a taxa de criminalidade máis alta do sur de Manhattan e a cara máis rebelde da música rock. A alma da cidade respirábase nas rúas e plasmábase na música, mais tamén nos videoclips. No ano 1977 o artista Henry Jones producía “Soul City”, un rompedor vídeo de animación composto de recortes pintados a man. Merece a pena botarlle un ollo.

©Sara Yáñez
Os longos flequis dos membros dos Fleshtones seguiron medrando coa incorporación en 1980 do batería Bill Milhizer. O número de discos publicados aumentaba tamén ano tras ano pois esta banda non parou de dar concertos dende o comezo da súa carreira. O rock n’ roll mantenos nunha eterna xuventude. Parafraseaba Peter Zaremba á banda estadounidense Gary “U. S.” Bonds cando dicía nunha entrevista: “Do the twist an you’ll never grow old”. A pesar da súa traxectoria, a banda nunca tivo un gran éxito comercial. En cambio, ofrecen o seu particular espectáculo repleto de xiros, saltos, patadas e poses en modestos locais cunha capacidade non apta para masas. Durante o concerto soben aos altofalantes e baixan do escenario para camuflarse entre os asistentes e compatibilizar sentimentos. Entenden o rock n’ roll dende o punto de vista do público e espremen toda unha carreira musical nunha noite. Pero tanto entusiasmo sen respiros chega incluso a marear.

©Sara Yáñez

©Sara Yáñez
O baixista Ken Fox foi o último fichaxe da banda no ano 1990. Por entonces, esta rapaza que escribe só era un proxecto e ós Fleshtones aínda lles quedaban varios discos por publicar. En total, a banda ten na súa discografía 21 títulos polos que viaxaron durante o concerto da sala Moon. Retrocederon ós 80 con “Way up here”, ós 90 con “Laught it off”, á primeira década do século XXI con “Alright” e ofreceron un par de mostras do traballo en español que gravaron no 2012, “QuatroxQuatro”. Un lunático disco da man da compañía Yep Roc Records en formato vinilo e dixital con catro cancións cantadas nun castelán incomprensible pero gracioso. Ese mesmo acento co que berrou “Santiago, Santiago” varias veces ó longo do concerto e mediante o cal intentaba comunicarse co público sen moito éxito. Un fracaso comunicativo que sen querer transformaron en canción ó interpretar “Communication breakdown” de Led Zeppelin. Parece ser que a intensidade do noso país lles causou boa impresión, como a Hemingway no seu tempo, mostra disto é un pequeno toro de Osborne que decora o baixo de Ken Fox.

Ken Fox e Bill Milhizer ©Sara Yáñez

©Sara Yáñez
E o toro namorouse da sala Moon, que se converteu o pasado venres nun cóctel sonoro de rock n’ roll, rhythm&blues e surf. A inquietude de Streng e Zaremba no escenario contaxiouse entre o público. As diferentes xeracións bailaron baixo os instrumentos e a man xusticeira de Peter, ó que lle deu por tocar as cabezas dos que vibraban nas primeiras filas. Unha meticulosa e animada posta en escena que chegou a cansar nun concerto tan longo. O tempo non pasa en balde pero parece que estes señores non coñecen límites á hora de xirar varias veces sobre si mesmos, axeonllarse no escenario e saltar unha e outra vez. Marcharon e volveron á plataforma un par de veces para seguir facendo música, incombustibles pero un tanto pesados xa de cara ao final, cando as costas de quen estivo de pé tanto tempo se resenten. Rematou o concerto cun longo e merecido aplauso para os catro músicos que buscaron amortizar os cartos que pagáramos pola entrada. Saín da sala cun sorriso e un bo sabor de boca por ter visto en directo a uns superviventes da escena garage de finais dos setenta. Esperemos que o rock perdure nas pequenas salas.

Chuletas que empregou o cantante para non esquecerse da letra das cancións en castelán (isto explicaría a incomprensión) e setlist do concerto ©Sara Yáñez