Pechados para permanecer abertos

O xoves 24 de xaneiro, a asemblea do #pechehistoria publicou no seu blog un comunicado de apoio aos membros do PAS (Persoal de Administración e Servizos) da USC, pechados na Casa da Balconada para protestaren contra as modificacións das súas condicións laborais e salariais e tamén para amosaren o seu desacordo ante os recortes na Universidade. E é que durante un par de días -do mércores 23 ao venres 25- tiveron lugar dous peches en diferentes edificios da USC e organizados por diferentes colectivos. A duración do peche xestionado polos estudantes en tres aulas da facultade de Historia foi maior, de 8 días, desde o xoves 17 até o mesmo venres. As reivindicacións tamén tiveron dúas vertentes: por unha banda, a protesta ante a escaseza de prazas nas bibliotecas en horario extraordinario (até as 3 da mañá), con menos de 1400 para 21000 matriculados; e por outra, a crítica aos recortes e á situación xeral da Universidade.

Polo dereito a estudar”

Esta iniciativa reivindicativa dos estudantes foi herdeira dun primeiro #pechehistoria, que tivo lugar a finais do curso pasado baixo as mesmas reclamacións: aumentar os espazos de estudo e defender a Universidade pública. Aquel peche durou desde as semanas previas aos exames de maio até finais de xuño, cubrindo o calendario de Grao e Licenciatura e dando pé á organización dunha serie de conferencias e xornadas que achegaron ao estudantado cuestións coma a da nova Normativa de Permanencia.

peche

Un bo número de estudantes pasaron polas aulas deste novo #pechehistoria

Un dos estudantes que participou activamente nos dous peches, Xabier Villares, actualmente alumno do máster de Desenvolvemento e Innovación na facultade de Económicas; destaca o sistema de autoxestión a base de asembleas diarias, que permitiu a organización dos espazos de estudo as 24h do día. “Chegámonos a encargar até do papel hixiénico en fins de semana, así como de manter as aulas limpas ou de controlar a entrada da facultade; foi un servizo de orde, en sintonía cos traballadores de seguridade”. Ademais, nas asembleas do recente peche “falouse da suba de taxas, da redución de bolsas e prazas nas residencias, etc.; co que todos tomamos algo máis de conciencia do problema”, engade. O propio Villares tamén apunta que é necesario “ampliar a loita mediante a unión con outros colectivos, porque aínda que as problemáticas sexan diferentes (subidas de taxas, reducións salariais, despidos…), si nos unen as causas da situación”. Todo isto, segundo engade este alumno de segundo ciclo, “hai que compatibilizalo, pero sen deixar de lado a autoorganización do estudantado”.

Aínda que diferentes organizacións apoiaron o peche, como os Comités, a Liga ou as Asembleas de Estudantes; a iniciativa partiu desde asembleas independentes nas que calquera persoa puido participar a título individual. O propio Villares valora positivamente a participación do estudantado no peche, “con picos de máis de 150 persoas, a pesar de que a xente prefire estudar nas bibliotecas e non nas incómodas cadeiras das aulas”. Tanto este feito como “as colas que se veñen formando na Conchi” (a biblioteca Concepción Arenal, no Campus Sur, aberta en horario extraordinario) son para este estudante boa proba da necesidade de aumentar os espazos de estudo. “O equipo reitoral comprometérase a abrir filosofía cando rematou o anterior peche, pero só o fixo despois de que comezásemos o novo, para tentar desmobilizar”, engade Villares.

A autoxestión dos estudantes do #pechehistoria permitiu abrir aulas de estudo 24h

A autoxestión dos estudantes do #pechehistoria permitiu abrir aulas de estudo 24h

Por outra banda, mais seguindo a mesma liña, van tamén as reivindicacións dos alumnos de Medicina que desde o domingo manteñen un peche na Concepción Arenal, cuxas portas permanecen abertas cada noite até que marcha o último estudante. E é que o calendario do horario extraordinario das bibliotecas non ten en conta que tres cursos desta carreira aínda se rexen polo plano antigo, polo que os exames non rematan até o 21 de febreiro.

As reclamacións do PAS

“O que máis enfadou ao colectivo foi a torpeza, a intención da Xerencia de impoñerse por riba de todo, ademais dos propios contidos. Nin intentaron negociar”. Así explica Antonio Pérez Casas, representante do PAS en Claustro, Consello Social e Consello de Goberno da USC; como se levou a cabo a instrución da Xerencia do pasado luns 21 de xaneiro. “Con outras formas, a protesta tamén sería doutra maneira”, engade. Esta instrución implica unha serie de modificacións das condicións laborais dos membros do PAS, como “o aumento dun 7% do horario de traballo, a redución salarial dun 4%, a eliminación de certos días de vacacións e por asuntos propios, as penalizacións no salario en caso de baixa por enfermidade (50% os primeiros días e 30% os posteriores), etc.”; que foron aprobadas, segundo Pérez Casas, “de xeito unilateral”, botando por terra “unha norma básica como é a dos convenios colectivos”. “A protesta case que foi provocada pola Xerencia pola súa incapacidade de falar con ninguén”, aclara o representante dos PAS en referencia ao peche que mantiveron na Balconada desde o mércores 23 até o venres 25, cando recibiron a chamada de Casares Long. “O reitor convocou unha reunión para o martes 29 de cara a abrir as negociacións, pero foi un desastre, non se avanzou nada”, engade, “así que na asemblea da mañá seguinte se decidiu manter as mobilizacións, pedindo a dimisión do equipo xerencial e a retirada da instrución”.

A Casa da Balconada, lugar do peche do PAS, acolle diferentes servizos de xestión e administración da USC

A Casa da Balconada, lugar do peche do PAS, acolle diferentes servizos de xestión e administración da USC

As citadas reclamacións fronte á Xerencia da USC débense unicamente a “problemas do PAS derivados da instrución”, segundo explica Pérez Casas, aínda que outra cuestión de nivel máis xeral tamén funcionou como detonante do peche na Balconada. “A outra causa foi a Lei de Orzamentos de Galicia, cunha fortísima redución de fondos para a Universidade”, aclara. “Os recortes afectan aos tres colectivos: PDI (Persoal Docente e Investigador), PAS e estudantes; así que cando falamos de recortes á Universidade é imprescindíbel que traballemos conxuntamente”. E isto foi o que ocorreu na mañá do 19 de decembro, cando representantes dos tres grupos no Claustro conseguiron paralizar o seu desenvolvemento normal, deixando patente a crise na que se atopa a institución, cuxos orzamentos do presente curso aínda non foron aprobados. O propio Pérez Casas tamén apunta que esta colaboración se repetiu o martes da semana pasada, 29 de xaneiro, cando “membros do PAS, do PDI e algúns estudantes convocamos unha concentración ás portas do Parlamento”. Esta mobilización coincidiu coa dun grupo traballadores de Navantia, que esixían carga de traballo para os estaleiros, e tanto uns como outros conseguiron acceder ao hemiciclo e transladar as súas reivindicacións . “O feito simbólico de que unha profesora e máis eu entrásemos no Parlamento tiña que ver con destacar que o conxunto do persoal da Universidade está en desacordo cos recortes”.

peche pas pancarta

Fotos extraídas do blog do #pechehistoria e do facebook d’A Trabe