O perfil: Derek Redmond

O calendario marca o día tres de agosto de 1992. Barcelona esboza un sorriso de orella a orella mentres disfruta dos seus Xogos Olímpicos. Como sempre, o Estadio de Montjuic presenta un cheo espectacular. De súpeto, nunha das probas menos importantes da tarde, o estadio resposta cunha das ovacións máis recordadas da historia do olimpismo. Nos tacos de saída das semifinais de 400 metros lisos entran en liza varios dos favoritos á vitoria final. Quincy Watts remata a carreira facendo a mellor marca olímpica, pero a ovación da noite é para un Derek Redmond que a falta de 150 metros ve como se racha o seu soño por unha nova lesión. Dende o chan, o atleta británico levántase e tenta rematar a carreira. A falta de cen metros, o seu pai salta á pista para axudalo no momento máis duro da súa carreira. El dille que non ten porque soportar esa agonía, pero Derek simplemente quere rematar a carreira. Cun estadio entregado a súa figura e ó seu esforzo logra completar uns metros finais para o recordo.

REDMOND[1]

Cando Derek Redmond chegou ó mundo un tres de setembro de 1965, moi poucos houbesen imaxinado a vida que tería por diante. De feito, probablemente ninguén  imaxinaba que sería unha das figuras de superación e de motivación máis importantes do olimpismo. Redmond sempre foi un neno inquedo, e dende pequeno corría pola súa urbanización a saída do colexio. Eran moitas voltas arredor das mesmas casas,  pero sempre unha persoa as seguía cun cronómetro na man, o seu pai. Jim Redmond foi unha figura clave no éxito e na preparación do seu fillo, un rapaz que herdou algo da sangue caribeña dos seus proxenitores, orixinarios de Trinidad e Tobago. Tras probar noutros deportes como a natación, foi no atletismo onde o pequeno Derek atopou o seu lugar.

Pronto, Derek converteuse nunha das promesas do atletismo británico, conseguindo boas marcas en categorías inferiores e situándose a un nivel no que podería aspirar a todo. A nivel internacional, foi nos europeos de Sttutgart onde por fin destacou. Derek parecía favorito de cara ós Xogos Olímpicos de Seúl, pero unha inoportuna lesión no tendón de Aquiles o deixou sen opcións días antes da competición. Redmond estaba decepcionado por non poder participar, pero prometeu volver con máis forza de cara a Barcelona 92, un obxectivo que marca na súa mente xa dende catro anos antes.

O problema de Derek foron as lesións, o peor inimigo que calquera deportista pode ter.  Trece veces pasou o atleta británico polo quirófano antes de chegar a Barcelona, e a última foi exactamente catro semanas antes de competir na cidade condal. Pero non todo foron sombras no ciclo olímpico de Derek Redmond, xa que no 91, en Tokyo, viviu o seu maior éxito deportivo. O relevo longo do Reino Unido levouse a medalla de ouro por diante do norteamericano por escasas catro centésimas. Derek estaba nese equipo e levouse a medalla máis importante da súa carreira. En Barcelona, quería superar iso, pero o seu tendón de Aquiles dixo basta.Athletics - Barcelona Olympics - Mens 400m

Lesións a parte, Derek Redmond chegaba a Barcelona como un dos favoritos. A súa condición de plusmarquista dos 400 metros no Reino Unido, así como ser quinto do mundo con tan só vinte e un anos o avalaban. Probablemente a súa carreira houbese sido moito máis longa e exitosa sen todas esas lesións, pero igual non sería tan recordada. O tres de agosto de 1992 quitoulle moitas cousas a Derek, pero tamén lle deu unha lección cara o futuro, tanto a el como a todos os que estaban presenciando esa carreira ou a coñeceron ó longo de todos estes anos. Ese tres de agosto marcou o punto e final da súa carreira deportiva.

As sensacións sobre a pista de Montjuic foran boas nas roldas previas para o atleta británico, e nada parecía indicar que nas semifinais algo fora a mudar. Derek domina a carreira dende o comezo, e  vai gañando a compensación ós atletas que corren pola parte exterior. De súpeto, cando quedan 200 metros, Derek sinte un tirón no seu maldito tendón. Axeonllado sobre a pista, observa como o traballo e as ilusións da súa vida se quedan en nada, mentres Quincy Watts pulveriza a marca olímpica. Nunha reacción fugaz levantouse, e coxeando, tenta rematar a carreira . Os organizadores e o público quedáronse paralizados, xa que ninguén espera que ningunha persoa sexa quen de levantarse dun golpe tan duro con tanta rapidez. Pero pronto, o público entende o que iso significa e fúndese nunha sonora ovación que acompaña Derek.

A vida nos ensina que sempre debemos axudar os nosos seres queridos nas situacións difíciles, e a falta de 100 metros, Jim Redmond saltou dende a bancada para axudar o seu fillo. Un voluntario tenta detelo, pero ó grito de “son seu pai” consigue sortealo e aparecer na pista. Jim agarrou ó seu fillo e díxolle que non tiña porque facer iso, que era sufrir demasiado. Derek mirouno, e respondeulle que tiña que facelo. Entón o seu proxenitor simplemente afirmou que o farían xuntos, como en moitos momentos difíciles da súa carreira deportiva. Os dous, recorreron os últimos metros abrazados e cruzaron a liña de meta diante de 60.000 espectadores que seguían aplaudindo, nun aplauso que aínda hoxe está presente na montaña máxica da cidade condal. O aplauso máis sentido dos xogos do 92 non foi para unha actuación espectacular, nin para un deportista da casa, senón para unha historia de superación, xa que a veces o deporte e os resultados deportivos son secundarios ante xestos deste calibre.

Derek Redmond no seu novo oficio - hymeyerscollege

Derek Redmond no seu novo oficio – hymeyerscollege

Na actualidade, a vida de Derek deu un xiro de 360 graos. Barcelona 92 supuxo a fin dunha carreira deportiva prometedora, pero tamén o comezo dunha carreira profesional sobre a motivación. Redmond adícase a dar charlas en empresas, onde tenta ensinar a través das súas vivencias que a superación e a motivación son a base duns resultados positivos. Ninguén mellor que el para iso. Derek mostrou hai máis de vinte anos o que era realmente a grandeza do deporte. Tamén, que a quen o da todo por algo ata o final, nunca se lle pode pedir máis. Simplemente, intentalo pode chegar a ser suficiente.