O irritante lado bo das cousas

Portada da novela de Matthew Quick

Portada da novela de Matthew Quick

Os donos do estudo cinematográfico estadounidense The Wenstein Company tiñan os dereitos da novela debut de Matthew Quick, ‘The Silver Linings Playbook’, dende a súa publicación no 2008. O libro comezou a ser adaptado baixo a producción de Sydney Pollack e Anthony Minghella, pero o falecemento de ambos nese mesmo ano deixou o proxecto estancado. David O. Russell retomou o guión e os irmáns Wenstein souperon como colar o produto cinematográfico resultante nesta nova edición dos Oscars. El lado bueno de las cosas é candidata a oito estatuíñas, entre elas: mellor película, dirección, guión e as catro categorías de interpretación. Facía trinta anos  que un filme non competía por todas estas modalidades. Rojos (‘Reds’, Warren Beatty, 1981) foi o último en conseguilo. A película de O. Russell xa recibiu un bo puñado de premios dende a súa presentación no festival de Toronto e leva recadados máis de 100 millóns de dólares nos cines de todo o mundo, cando o seu presuposto foi de 26 millóns. A crítica xeral parece que se puxo de acordo en sinalar que ten o mellor reparto do ano e que se trata dunha película “agradable”.

A este convencional relato incriblemente non lle falta respaldo. Despois de pasar oito meses nunha institución mental por agredir ao amante da súa muller, Pat (Bradley Cooper) regresa á casa dos seus pais (Robert De Niro e Jacki Weaver). Cunha visión positiva e unha actitude entusiasta decide recuperar á súa ex-muller, pero unha rapaza á que lle acaba de morrer o marido, Tiffany (Jennifer Lawrence), crúzase no seu camiño. A película comeza moi ben; o encontro entre un cornudo con trastorno bipolar e unha viúva con inclinacións ninfómanas funciona en pantalla. A pesar da súa mutua desconfianza inicial, entre eles desenrolarase un vínculo especial que lles axudará a atopar o lado bo das cousas. A superación persoal de dúas persoas con problemas perfílase nunha primeira parte como leitmotiv de El lado bueno de las cosas. 

Tiffany (Lawrence) e Pat (Cooper)

Tiffany (Jennifer Lawrence) e Pat (Bradley Cooper), nominados a mellor actriz e actor.

O director amósanos unha show movie na que pretende aportar algo de luz entre a tristeza contrapoñendo elementos no guión como ‘Adiós a las armas’ de Ernest Hemingway ou ‘La costa de los mosquitos’ de Paul Theroux. A primeira novela acaba no chan despois de atravesar unha ventá e a personaxe de Tiffany resume a segunda obra nunha frase: “Humanity is just nasty and there’s no silver lining” (“A humanidade é sinxelamente repulsiva e non hai lugar para a esperanza”). David O. Russell (The Fighter, 2010) buscaba relanzar a súa carreira con esta comedia romántica de toques excéntricos pensada para seducir ao público.  Dende o comezo, o director xa deixa clara a súa intención. O protagonista, Pat, ten unha obsesión polos finais felices visible en frases como: “O mundo xa é o suficientemente duro. Non pode haber un final diferente, aburrido, pero feliz?; non pode alguén dicir: Ei!, vamos darlle un bo final á historia!?”.

El lado bueno de las cosas

Cartel orixinal do filme

Bradley Cooper foi o escollido para este papel no que abandona a súa faceta de galán cómico de Resacón en Las Vegas (Todd Phillips) para poñerse na pel dun rapaz con trastorno bipolar que fundamenta a súa recuperación no termo Excelsior (do latín Excelsus: sempre arriba). Un individuo obsesionado co seu físico que intenta recoller todo o negativismo e transformalo en combustible para seguir adiante. Cada vez que sae a correr coñece un pouco máis a Tiffany, unha Jennifer Lawrence (Los juegos del hambre, Gary Ross) que borda o seu papel de tola. Sabe que está ben en pantalla e vaise crecendo con cada frase, escea, xesto ou berro. David O. Russell fíxolle a proba de selección por Skype (en serio?) coa firme intención de non elixila, xa que lle parecía que con 21 anos non podía ser o suficiente madura para o papel. Di o director que se deixou convencer polo carisma da actriz. A personaxe ía ser gótica pero os Weinstein impuxeron o seu dereito de veto e conservóuselle só o pelo, as unllas de cor negro e a cruz do pescozo, detalles que se aprecian en varios zoom da cámara.

Pero cando Lawrence nos ten que emocionar co seu namoramento, a súa cara é fría e plana, un mero trámite. Nunha primeira hora de película parece que o director vai a profundar na personalidade de cada unha das personaxes pero quédase na superficialidade e no relato mecánico. Afástase do ton chispeante e incluso renega do drama das personaxes, desperdiciando o material orixinal co que conta. Naufraga nun mar de tópicos camiño á illa Esperanza. Non sentín nada con esta película, non cheguei a conectar con ela, e iso que me criei na época na que a televisión se enchía de comedias románticas. Por iso me resultan tan recoñecibles os clichés, emprégaos todos. Están os habituais secundarios cómicos, os xiros dramáticos e incluso o baile. Unha estrutura utilizada por moitos directores que Russell pretendía renovar, pero en ningún momento vexo o cambio que si ofreceron Garry Marshall con Pretty Woman ou Woody Allen con Midnight in Paris. Simplemente é unha mesma fotografía pasada por un efecto de Instagram.

El lado bueno de las cosas

Disfrázanse os engrenaxes da comedia romántica para que pareza máis distinta do que en realidade é. Russell preséntanos unha situación complicada entre dous desequilibrados que buscan o amor, para resolvela dunha maneira fácil e condescendente. A trama baléirase de interese; desátase sobre a cinta unha praga de tópicos que vai erosionando, minando e corrompendo o orixinal arranque. O final resulta previsible, quedámonos diante da pantalla durante dúas horas para comprobar o noso acerto ao remate da película e a coincidencia é dun 100 por cento. Unha peza cómoda de fácil visionamento e mellor dixestión que non nos fai pensar. El lado bueno de las cosas fai da mediocridade algo “agradable” de ver.

Pat Sr. (Robert de Niro) e Dolores (Jacki Weaver), nominados a mellor actor e actriz secundarios.

Pat Sr. (Robert de Niro) e Dolores (Jacki Weaver), nominados a mellor actor e actriz secundarios

Quédome cos momentos de histerismo familiar que deixan patente que todos temos un punto de loucura. Os actores fan o seu traballo dunha maneira consecuente á trama. A primeira hora de película contén unhas actuacións acorde cun guión moi atractivo. A Robert de Niro (Toro Salvaje, El Padrino II) dá gusto velo no seu emotivo papel de pai maniático. Faime sentir certa angustia pola súa obsesión coa sorte e as apostas polo equipo de fútbol americano de Philadelphia, os Eagles. A súa personaxe recorda á interpretación de Jack Nicholson na tamén comedia romántica As good as it gets (Mejor… imposible, James L. Brooks).

A presenza de Robert de Niro fai do produto dirixido por O. Russell algo máis competente; de feito a xente identifica o filme co actor. Como comedia romántica buenrollista de tardes de sofá cumpre con solvencia pois ten a mesma capacidade efémera para emocionar que La Proposición (Anne Fletcher, 2009). Que hai que ser positivos é unha lección que temos moi aprendida, pero isto non significa deixar de ser consciente das limitacións da realidade. En La chispa de la vida, Álex de la Iglesia emprega o lema do spot de 1975 de Coca-Cola para construír unha fantástica peza cinematográfica que nos ensina que o humor pode ser a verdadeira luz no medio do drama.

El lado bueno de las cosas

Unha arte que debera invitarnos á reflexión, deixarnos alucinados ou emocionados, non me fai senón crer que perdín dúas horas da miña vida con El lado bueno de las cosas. Crispoume. Se o arranque goza de ritmo e diálogos afiados e enxeñosos, o final resulta edulcorado, verbenero e previsible. Non me creo nada. Avanzada a película danme ganas de pedir que sexa rápido e indoloro, como suplicaba o reo do tema “Ride the lighting” de Metallica antes de morrer na cadeira eléctrica. Pero claro, á película tamén hai que sacarlle o lado bo (e se non, inventámolo). David O. Russell capitanea unha bonita historia de amor que mestura demencia, apostas e fútbol americano. Adiante mortais, botádelle un ollo, porque suficientemente mal está o mundo aí fóra para porse a pensar en iso.

América mola. Ten carismáticos líderes, vitorias ante o terrorismo e “modernas” historias de amor. Seguro que á saída do cine atoparedes a parella da que vos namoraredes. Será duro ao principio – aínda que teredes un bo guionista e un compositor como Danny Elfman (realizou moitos traballos con Tim Burton e deulle vida á canción dos Simpsons) que poña a banda sonora-, mais chegaredes a bo porto. Non me gustaría ser negativa, pero semella máis probable que atopedes o amor de resacón en Eurovegas. A culpa, de todas maneiras, será de Hemingway.