O futuro preocupa

Atopar culpables na pista é o máis fácil. Atopalos no banco tamén. Pódese sentenciar a Marcell Granollers polo baixo nivel exhibido diante dun descoñecido coma Dancevic, ou a Alex Corretja por non acertar nas seleccións e por non convencer aos mellores de que formasen parte do equipo. Probablemente non só sexa o máis sinxelo, senón que é o que está a ocorrer. Mais os verdadeiros culpables dun fracaso que nos transporta aos anos 2005 e 2006 onde se esconden é nos despachos.

A situación actual no tenis español é o perfecto reflexo de como dúas grandes figuras, tres se incluímos a Nico Almagro, poden tapar unha realidade crítica e un futuro aínda máis preocupante. Dende a derrota diante de Bielorrusia no ano 2006, durante dous anos seguidos España xogouse a permanencia no Grupo Mundial, o equipo español da Copa Davis non caía na primeira rolda dun torneo no que nos últimos anos se converteu en especialista. Durante moito tempo apoiouse na figura de Rafa Nadal para superar as sempre difíciles eliminatorias fóra da casa, lonxe do pó de ladrillo sobre o que tan cómodos se senten os xogadores españois. Cando o corpo do mallorquino dixo basta foi David Ferrer quen recolleu unha responsabilidade para a que demostrou estar preparado, foi el quen sostivo ao equipo na final de Praha do pasado ano. Mais este ano ningún dos dous estiveron dispoñibles para comezar a competición, o primeiro por unha lesión que o ten apartado da pista dende hai máis de douscentos días e o segundo por necesidade de descanso nun calendario moi cargado. A lesión do seu substituto, Nico Almagro, acabou por condicionar a selección de Corretja.

España sempre foi considerada a gran canteira do tenis mundial. Unha canteira que neste momento aporta ata doce tenistas ao top-100, máis que ningún outro país, pero que está nunha situación de alerta moderadamente forte xa que ningún deses doce xogadores se atopa por debaixo da barreira dos 25 anos. O relevo xeracional corre perigo. Corre perigo por non saber aproveitar o “boom” que significan os éxitos dos tenistas mediáticos, por non ser quen de empregar as cinco Ensaladeiras conseguidas para promocionar o tenis. Para fomentar as competicións de base. Para motivar ás futuras promesas coa posibilidade de emular aos seus ídolos. Para consolidar unhas estruturas que permitan achegar o tenis a cada recanto. Para democratizar un deporte á medida duns poucos.

O tenis de nivel, tal e como funciona o negocio en España, non deixa de ser un deporte de clase. Un deporte caro. Un deporte que precisa de inversión: pública ou privada. Cando se decide apostar polo deporte, neste país, continúa a facerse sen mirar cara o futuro. Pensando na rendibilidade a curto prazo, en organizar grandes eventos, en lugar de pensar na canteira. En permitir unha democratización na base, para permitir que todos aqueles que demostren condicións dispoñan das mesmas oportunidades e que non só os fillos de familias con recursos económicos poidan viaxar a torneos internacionais, ese lugar no que se acaba por conformar unha elite.

Detrás dun tenistas profesional hai moitas horas, non só de adestramentos senón tamén de viaxes, de torneos. Detrás de todas estas horas hai moitos cartos. Para pagar desprazamentos aos grandes torneos, todos fóra da Península Ibérica. Porque aquí hai quen prefire investir en torneos profesionais, en grandes inventos sobre terra batida azul, que nos tenistas e nas tenistas do futuro. Mais cando deixen de chegar as roldas finais Nadal, Ferrer ou Almagro, quen acudirá de espectador ás pistas? Fabricar “Nadales”, “Ferreres” ou “Almagros” precisa traballo, adicación, oportunidades e resultados. O tempo comeza a botarse enriba.

Foto de portada: Reuters