Mulleres labregas: como repensar o mundo

Da invisibilización das mulleres labregas

O desprezo polo rural, polos labregos e sobre todo polas labregas estivo durante décadas moi estendido. Para algúns e algunhas supuñan, e mesmo supoñen, a viva expresión da ignorancia, da pobreza e do atraso.  A día de hoxe as mulleres labregas seguen a ser un colectivo invisibilizado, malia o seu gran peso no sector primario, e fortemente estereotipado. Porén, se nos mergullamos máis profundamente no mundo da aldea poderemos atopar unha imaxe máis fiel e unha valoración diferente destas mulleres. Mais para isto é preciso fuxir dos tópicos e comprender que existen moi diferentes xeitos de ser e vivir como mulleres labregas, rescatando algúns dos seus nomes e historias do silencio que trae consigo o tempo e sendo conscientes das moitas que permaneceron e permanecen no anonimato.  Ofrecendo unha nova ollada. Repensando o mundo.

labregas5 encrobas

As mulleres labregas na loita contra os Foros e na Guerra Civil

A comezos do século pasado as loitas pola abolición dos Foros foron bastante comúns na Galiza e as mulleres tiveron unha moi activa contribución á causa. Unha delas foi  Carmen Álvarez, activista da campaña antiforal de 1909, que ligada ao Directorio de Teis,  comité organizador da propaganda antiforal na Galiza, caracterizábase por unhas intervencións cheas de forza que, amais de atacar o caciquismo, tentaban convencer as demais mulleres para unirse á loita.  Ramona Caamaño Barros, Rosa Cadórniga Maneiro, Generosa Lago Tomé, Rosa Naveiro Rojo, Socorro Santamaría Piñeiro e Francisca Carou son os nomes dalgunhas das mulleres que se enfrontaron no 1916 en Nebra (Porto do Son) á Garda Civil ante a negativa por parte da veciñanza a pagaren uns impostos extraordinarios para solucionar o endebedamento do Concello. Algunhas delas, como Rosa Cadórniga e Francisca Carou, chegaran a perder a vida.

Dúas década despois, estalaba a guerra civil española que trouxo consigo tres anos de extrema dor e sufrimento. Mais tamén nesta ocasión houbo casos de mulleres que se enfrontaron ás forzas opresoras con forza e coraxe. Brígida Muñiz foi a primeira muller concelleira de Boiro a raíz das eleccións do 36 nas que saíra vitoriosa a Frente Popular. Ao comezo da guerra embargáranlle as vacas e tivérana presa durante todo un mes no Concello. Foi paseada por todo Boiro coa cabeza rapada e as siglas UHP, Uníos Hermanos Proletarios, pintadas na fronte; morreu en febreiro do 39.

Anunciación Casado Atanes, gran defensora do campesiñado, foi a responsábel do PCE na comarca de Viana no 36. En agosto dese mesmo ano, foi humillada e asasinada polos falanxistas de Verín. Manuela Sánchez e Adoración Fernández tiveron un mesmo final ao teren agochados nas súas casas guerrilleiros.

As mulleres labregas nas loitas agrarias dos primeiros anos da democracia

Os comezos da democracia estiveron na Galiza marcados polos conflitos sociais no rural. Aínda que houbo un número considerábel, os máis relevantes foron o de Xove, o da marisma de Baldaio e o das Encrobas.

labregas 6 encrobas

Nos últimos meses da ditadura franquista, Unión Fenosa pretendía instalar unha central nuclear en Xove. Como resposta ás intencións da eléctrica as mobilizacións sociais non se fixeron esperar en ningún recuncho da Galiza. Alén das xa históricas manifestacións convocadas polas Comisións Labregas, cabe salientar o papel das mulleres labregas. As mulleres desta zona manifestáronse durante catro días consecutivos en contra da central enfronte de numerosas forzas policiais. Grazas a elas, a eles, a todos e todas que exerceron a súa oposición, xamais houbo central nuclear ningunha na Galiza.

A finais dos 70 tivo lugar a loita pola defensa da marisma de Baldaio. Deste terreo comunal xa se apropiaran un grupo de xente no 1948 para a extracción de area, e dende aquela os habitantes da zona non deixaran de moverse para recuperaren o que era seu, malia ao apoio da ditadura á empresa Baldayo S.L., a responsábel da extracción. Neste caso, as Comisións Labregas volveron organizar mobilizacións que gozaron dun gran apoio entre a sociedade galega. Finalmente, no 78 ponse punto e final ao conflito cando a veciñanza volve recuperar o dereito a mariscar na marisma. Aquí as mulleres tamén estiveron presentes, moi presentes, moito máis do que algúns e algunhas poidan imaxinar, nomeadamente Oliva Pose. Isto reflíctese no feito de que varias mulleres foron detidas cando estaban a mariscar na praia de Baldaio, o que estaba naquel momento prohibido e que as mulleres fixeran coma un acto de protesta ante a situación.

Logo está a loita das Encrobas, probabelmente o fito do agrarismo galego de fins do século XX. No ocaso do franquismo, a empresa Limeisa, unha filial de Unión Fenosa, quería facerse cos propiedades das familias do val apoiándose nun expediente de expropiación aprobado polo consello de ministros de Franco e ofrecendo uns prezos ridículos, os cales a comunidade veciñal rexeita xa desde un primeiro momento. Ante a negativa dos veciños e das veciñas, teñen lugar intentos de expropiacións forzosas e enfrontamentos entre a poboación e as forzas policiais. Despois de levar a cabo unha intensa loita veciñal, a empresa accede a subir a cantidade ofrecida. Tamén nas Encrobas a participación das mulleres labregas foi moi relevante e ao mesmo tempo moi pouco recoñecida.

labregas3

Xa nos últimos anos dos 80 cobra unha especial relevancia a figura dunha muller, Lidia Senra, feminista e sindicalista galega. Nada na Terra de Lemos, con xa 17 anos colaboraba nos Comités de Axuda á Loita Labrega organizando asembleas polas aldeas da zona. Con 30 anos foi elixida secretaría xeral do Sindicato Labrego Galego, cargo que desempeñaría ao longo de dezaoito anos converténdose na única muller que ocupou a máxima responsabilidade nunha organización agraria no Estado Español e unha das poucas de Europa. Lidia Senra tivo e ten unha perspectiva feminista da vida, situando a cuestión de xénero no lugar máis importante do seu discurso persoal. Lidia foi unha das máximas impulsoras da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, cuxas dúas posteriores secretarias xerais foron tamén mulleres, Carmen Freire e Isabel Vilalba.

A Secretaría das Mulleres do SLG

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, nun primeiro momento chamada Secretaría da Muller, naceu en 1990 sendo a súa primeira responsábel Maite Ferreiro. Os seus primeiros anos caracterízanse pola súa baixa actividade, que se acentúa entre o ano 1992 e o 1994 cando a súa representación queda baleira. No 1994, con Pura Seoane Albela á cabeza da Secretaría esta colle un novo pulo e céntrase en dúas loitas principais: a loita polo dereito das labregas á cotización na Seguridade Social Agraria, o que non se conseguirá ata o 2000, e a loita polo dereito á titularidade compartida das explotación agrarias, tamén conseguida recentemente.

No 2002 asume a súa responsabilidade ata hoxe Isabel Vilalba Seivane, tamén secretaria xeral do Sindicato, que leva a cabo a súa total consolidación con numerosas propostas, actividades e accións. A súa tarefa principal céntrase no pulo ás xuntanzas labregas a nivel comarcal e nacional e a fortalecer o seu contacto con outros colectivos de mulleres tanto de dentro coma de fora da Galiza. Así mesmo, no 2003 integráronse na Marcha Mundial das Mulleres (MMM) de Galiza, sendo a Secretaría moi activa nos actos convocados pola MMM de Galiza con motivo do Día da Muller Traballadora ou do Día contra a violencia de xénero, así coma en actos que reivindican o dereito a  interrupción voluntaria do embarazo. Seguindo este camiño serán capaces de seren, e sermos, quen de pór en práctica un ecofeminismo á galega.

 labregassss