‘Grupo 7’: confías en quen te protexe?

Sevilla, 1987. A cidade prepárase para ser escaparate do mundo na exposición universal de 1992.

Curro: a mascota da Expo 92www.20minutos.es

Curro: a mascota da Expo 92
www.20minutos.es

A capital andaluza podía desprender naqueles anos o doce cheiro do xasmín ou a peste amarga do desconsolo humano. Ser unha cidade de ouro ou un inferno de paredes desconchadas. Fai 25 anos Sevilla preparábase para un exame internacional. O lixo tiña que ser desterrado do centro e agochado nos armarios ou baixo as alfombras durante a Expo 92. Unha operación económica e social que cobraba moita importancia no plano policial á hora de poñela en práctica. Neste contexto ambiéntase Grupo 7, filme de Alberto Rodríguez arredor dun comando da policía sevillana, famoso pola limpeza de drogadictos e camelos mediante métodos pouco ortodoxos.

Grupo 7A crueza, a mentira e o oportunismo forman parte do modus operandi deste grupo de policías que protagoniza un dos filmes con máis nomeamentos para os Goya. Un total de 16 estatuíñas que poderán levarse para a casa o próximo 17 de febreiro. Estreado o 4 de abril do 2012, este thriller policial segue unha estela marcada por anteriores filmes como Celda 211 ou No habrá paz para los malvados. O director de Grupo 7, Alberto Rodríguez – candidato a mellor dirección -, comezaba no audiovisual co corto Bancos en 1999. Facíao en colaboración co director Santi Amodeo (Astronautas, Cabeza de perro), co que tamén traballaría nas comedias El Factor Pilgrim (2000) e El Traje (2002). Tres anos despois, Alberto Rodríguez acompañaríase do guionista Rafael Cobos para dar forma ao filme 7 vírgenes, gañador dun Goya en 2006. Este tándem continuaría no drama After (2009) e manteríase en Grupo 7, filme co que conseguiron un nomeamento a mellor guión orixinal nos Goya 2013.

A idea para desenvolver o guión xurdiu do sumario dun caso de corrupción policial sucedido en Sevilla durante a preparación da Expo 92. A finais dos anos 80, os Grupos 6 e 10 da Brigada de Seguridade Cidadá recibiron o mesmo encargo que se converte en leitmotiv da película: combater o tráfico de drogas na rúa. Pero comezaron a chegar as traizóns de confidentes que acusaban a varios membros do Grupo 10 de formar unha suposta mafia policial que non dubidaba en empregar o roubo, a tortura e o trapicheo con drogas na súa operación. Isto precipitou a apertura dun proceso xudicial. Tomando como punto de partida este caso, a película constrúe unha historia de ficción que non aborda unha realidade concreta pero sí se alimenta de entrevistas a policías e periodistas da época. A credibilidade do filme nace tamén da perfección no reflexo do ambiente daquel momento. As rúas de Sevilla eran territorio comanche e a atmosfera respírase na pantalla. Nótase que o director de Grupo 7, de 42 anos, coñece ben a historia da súa cidade natal. Plasmouna durante oito semanas de rodaxe, baixo o xusticeiro sol andaluz de maio e xuño. Unha candidatura aos Goya polos mellores efectos especiais recoñece o mérito desta reconstrución da Sevilla de finais dos 80.

© Julio Vergne

© Julio Vergne

Durante a rodaxe os actores empregaron armas de verdade, con munición de cine. A realidade é a protagonista da ficción. O aviso final dos títulos de crédito do filme deixa claro que: todos os feitos narrados son ficción e calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. A pesar disto, dous membros reais daquel Grupo 10 sentíronse identificados co físico e a vestimenta das personaxes principais: o aspirante a inspector, inexperto e compasivo, Ángel (Mario Casas) e o policía veterano, arrogante e violento, Rafael (Antonio de la Torre). Xunto a Miguel (José Manuel Poga) e Mateo (Joaquín Núñez, candidato a mellor actor revelación) conforman o Grupo 7. Unha formación heteroxénea que xogará coa ilegalidade para conseguir o que quere: rematar co nido de camelos que, dende as súas torres, reparten droga ós desesperados en busca dun pico. A evolución da psicoloxía das personaxes está marcada polo éxito do Grupo pois, en verbas do psicólogo Ian Robertson, “incluso ante minúsculas doses de poder, o noso comportamento cambia”. O efecto gañador sen dominio amosa a súa faceta máis danosa.

As relacións humanas cobran importancia na montaxe do filme. Conseguen así que o espectador aguante aos protagonistas dende o principio até o final da película sen odialos. Buscan a simpatía cos catro policías fillos de puta (se mo permitides) para que se comprendan os seus métodos corruptos. Entre Ángel e Rafael créase unha estraña comprensión e terminan parecéndose o un ao outro. A personaxe interpretada por Mario Casas (3 metros sobre el cielo, Tengo ganas de ti,) transita polo camiño da ambición e dos excesos policiais a medida que o Grupo 7 acumula éxitos e condecoracións. Rafael sofre o proceso contrario grazas aos sentimentos que esperta nel unha misteriosa e heroinómana rapaza. Antonio de la Torre (Balada triste de trompeta, Azuloscurocasinegro) está nomeado a mellor interpretación masculina protagonista por un papel que domina e co que sorprende pola súa potencia dramática, case visceral. Con sorte marchará cunha estatuíña para a súa casa pois tamén é candidato a mellor actor de reparto por Invasor.

Ángel, Rafael, Mateo e Miguel no bar no que se reúne habitualmente o Grupo 7www.cinedor.es

Ángel, Rafael, Mateo e Miguel no bar no que se reúne habitualmente o Grupo 7
www.cinedor.es

Mario Casas abandona os seus papeis de adolescente en anteriores filmes e series para facer dun home de familia, con Inma Cuesta no papel da súa muller. Evidentemente o torso núo do rapaz está presente durante a película e fóra dela. As rapaciñas tolean e as revistas – El País Semanal, Fotogramas -, entrevístano. Sempre sen camiseta, non vaia ser. O fácil recurso dos abdominais para conseguir seguidores, compleméntase cunha boa actuación do coruñés de 27 anos. Quédalle pulir a súa interpretación, pero na presentación do filme no Festival de Cine de Tribeca (Nova Iork), o director artístico do certame, Frédéric Boyer, presentouno como un actor prometedor.

Cartel do filme en EE.UU

Cartel do filme en EE.UU

Do outro lado do Atlántico o equipo de Grupo 7 trouxo unha mención especial do xurado pola súa fotografía; a película recibiu excelentes críticas en USA e foi adquirida para a súa distribución alí. Ademais da súa precandidatura aos Oscars, obtivo sete galardóns nos premios da Asociación de Escritores Cinematográficos de Andalucía (Asecan-SGAE). Con máis de dous millóns e medio de euros recadados no cine, os premios serven para alimentar o ego e facer máis lonxeva a vida comercial do filme. Gran ano, por certo, para o cine andaluz con filmes como Carmina o Revienta ou a ignorada El mundo es nuestro. Tamén para os actores andaluces de Grupo 7 pois tanto Estefanía de los Santos, co seu papel de prostituta, e Julián Villagrán (Cabeza de perro, Extraterrestre), como ionki confidente, son candidatos para mellor actriz revelación e mellor interpretación masculina de reparto no Goya. A súa cómoda interpretación recorda á personaxe de Bubbles na serie de David Simon, «The Wire», un drogadicto simpático e bonachón que pasa información á policía.

O filme ten certo parecido coa serie norteamericana pero á española. Durante a longametraxe resulta difícil non recordar as rúas de Baltimore, neste caso adornadas con imaxes da Virxe do Rocío ou do Corpus Christi. Tecnicamente e cos malabarismos dos produtores, Atípica Films & La Zanfoña e Canal Sur, optimizáronse os escasos recursos sen facer trampas. Grupo 7 ten a espectacularidade xusta e necesaria dunha película de acción pero cunha profunda reflexión. A historia ambientada na Sevilla da Expo 92, dáse en todas as cidades que preparan un gran evento, hai que limpar as cloacas e mirar para outro lado. Unha maquillaxe que pechou os bordeis en Londres e botou ás prostitutas da rúa para as Olimpíadas do 2012; unha remodelación que mantén as favelas de Río de Janeiro en constante vixilancia, nun programa de pacificación para o Mundial de Fútbol do 2014 e os Xogos Olímpicos de 2016. O problema, como case sempre, chega cando remata o evento e se volve á realidade. A miseria humana quítase o disfrace. Novamente na mediocridade e cos políticos e medios de comunicación mirando para outro lado. Claro, a merda non salpica tan alto.

Grupo 7: un filme que a pesar dos prexuízos pola aparición de Mario Casas, resulta un xénero policial con moita personalidade. Naturalista e auténtica, sen heroes. Ninguén se salva da corrupción e do cinismo; as personaxes que deben impoñer a orde viven inmersas na máis absoluta desorde persoal. Unha talentosa primeira escena de persecución, con planos curtos e xerais moi dinámicos, abre unha hora e media de filme ben narrado que se perfila como un dos favoritos para o Goya a mellor película.