Dilemas universitarios en Santa Isabel

En Santiago temos un inverno como os de antes, dos duros. Nunca se sabe exactamente cando pode parar de chover. As tarxetas do autobús hai tempo que se nos quedaron sen cartos. Ir andando ata a facultade ou soltar moedas nun autobús modo lata de sardiñas, convértese no primeiro dilema da mañá para calquera. Con este tempo é difícil concentrarse na clase ou nas prácticas, no caso dos estudantes de último ano que teñen a sorte de telas. Nesas, un recordo achégase a mente de aproximadamente vinte estudantes santiagueses. Rapaces, que hoxe temos a sorte de xogar en Santa Isabel.

Partido universitario desputado en Santa Isabel entre Praza de Pastos e NAKED TEAM – C. GAMBRINUS (1-3) – Foto: Noel Lago

Partido universitario desputado en Santa Isabel entre Praza de Pastos e NAKED TEAM – C. GAMBRINUS – Foto: Noel Lago

Chegan as présas, as mensaxes, as chamadas de última hora e a impresión da lista de relación de xogadores. Todo é pouco para confeccionar a convocatoria dun dos partidos máis importantes da tempada universitaria de fútbol once, un dos poucos encontros que os equipos de primeira teñen a sorte de xogar sobre herba artificial (como xa vos contei hai uns meses). Como un animal salvaxe que esperta tras un longo letargo invernal, pouco importa o frío ou a choiva, xa que hoxe toca xogar nun territorio tan descoñecido como apetecible. Chega o día do premio que che ofrece a Universidade de Santiago por xogar en primeira división.

As cousas non son sinxelas para un equipo recén chegado a máxima categoría, como lle acontece a Praza de Pastos (o equipo no que teño a sorte de xogar). Sumar puntos de momento é algo inaccesible, e sempre aparecen problemas de última hora para pechar a convocatoria. A herba artificial chama, pero a falta de puntos ás veces tira máis. Probablemente, os líderes non teñan ese problema. Co equipo xusto, chegamos ó municipal de Santa Isabel, un campo precioso pero onde a tarde se pode complicar progresivamente.

Como sempre, recíbenos un “amable” funcionario do concello, que di que non nos podemos cambiar ata que chegue o árbitro. De feito, se o árbitro non chega en cinco minutos nin sequera imos poder xogar. A paciencia é o atributo máis importante neste personaxe do campo santiagués, que tamén está cargado de dilemas internos. Como non hai mal que por ben non veña, este pequeno oco de tempo serve para facer unha aliñación improvisada. O funcionario, que sempre pensa nas nosas necesidades. Unha vez chega o árbitro, toca cambiarse nuns vestiarios amplos pero non tan cómodos como parecen a primeira vista. Ducharse en Santa Isabel convértese as veces nun exercicio de constancia e paciencia, tendo en conta o tipo de duchas que hai alí.

Despois dun pequeno ou inexistente quecemento, esas cousas non van coa liga universitaria, e coa única consigna clara de xogar xuntiños e tocar o balón, comeza  o encontro. Santa Isabel é un campo que invita á práctica de bo fútbol, un campo para tocar o balón ó estilo do Barcelona de Pep Guardiola. Pero todos sabemos que a técnica non é o forte de calquera equipo universitario, composto por xente que sabe xogar ó fútbol pero tamén por outra que simplemente o intenta. As intencións son boas, pero cando a primeira saída de balón transfórmase nunha ocasión clara para o contrario, aparece o xogo directo propio desta competición. O dilema continuo dun porteiro entre sacar en curto ou pegala arriba, é a tónica habitual dun partido en herba artificial.

praza 3

© Noel Lago

Os minutos pasan entre faltas, balóns bombeados e algunha que outra combinación digna de mención só porque se intenta. Repito, os minutos pasan, e iso é o problema máis importante da liga universitaria de fútbol once, sobre todo se xogas nun campo grande como Santa Isabel. As pernas pesan demasiado, e o de correr pola Alameda para coller físico acostuma a acabar no Abrente ou no Finikito, facendo outro tipo de exercicio. Chegado o descanso, aparecen as solucións no banco. Habitualmente, os equipos da máxima categoría teñen bastantes recambios para poder manter o físico nas segunda partes. O dilema sobre quen sae non é moi grande, xa que o físico decide por riba de todo. Os novatos coma nós, xa temos máis problemas para iso, porque recordemos que estamos algo xustos de xente. Igual, por iso sumar puntos segue sendo unha utopía.

Entre protestas ó árbitro, o deporte máis practicado a nivel universitario, e discusións sobre quen debe ir a buscar ó balón que se escapa fóra dos límites do estadio, remata a primeira parte. O dilema de ir á buscar o esférico acentúase en Santa Isabel, onde o “amable” funcionario simplemente empresta un. Como rapaces pequenos, discutimos sobre quen debe ir a por el, o que o lanza fóra ou o que ten que sacar. A min, e seguro que a moitos máis, estas paradas véñenme de luxo para tomar aire.

Chegamos ó descanso con empate e aparecen novos dilemas nos vestiarios. Como na vida, nun equipo de fútbol existen moitos tipos de persoas. Temos os negativos, que din que o estamos facendo de pena. Na outra punta, os positivos, que opinan que a estamos tocando bastante ben para ser nós. Tamén aportan a súa visión os inconformistas, que teñen claro que se pode mellorar. Por último, os ambiciosos, que cren que imos golear na segunda parte. Entre discusións sobre se estamos aproveitando á herba artificial, ou se a mesma nos prexudica ou non, toca volver  saír o campo. Discutir en boa compaña sempre é unha actividade moi digna de practicar, pero igual estaría mellor aproveitar o descanso para simplemente tomar aire e descansar.

Na segunda parte, o físico aprema e a choiva tamén. Tanto, que a falta de vinte minutos a metade dos xogadores xa teñen problemas físicos. Toca parar o partido e, como sucede habitualmente no fútbol universitario, decide o balón parado. Parece que a superficie é o de menos, xa que a estratexia e o acerto ofensivo, combinado cos despropósitos nas marcas, son o valor diferencial dun fútbol ó que lle sobra corazón pero lle falta cabeza. Tamén, en moitas ocasións, coñecementos e concentración. Toca pasar polas duchas e despedirse de Santa Isabel cun sabor agridoce xa que de novo perdemos ó final do encontro. O mellor, pensar que regresaremos á terra onde se acabarán certos dilemas, xa que os defectos futbolísticos poden esconderse con maior facilidade. E sobre todo que hoxe, polo menos, non teremos que limpar as botas.