Chega a Superbowl

Chega a fin de semana máis esperada do ano para os norteamericanos. O partido do ano para todos os que viven no país da liberdade, o soño americano de moitos. Son só uns poucos elixidos os que poderán correr na herba do Mercedes-Benz Superdome de Nova Orleans, pero sen dúbida algunha os que centrarán as miradas e atencións de toda a nación e parte do mundo.

superbowl47RMTip21

O fútbol americano é ese deporte que a priori parece difícil de entender polo complicado das súas regras pero que é o deporte número un no país americano. Para quen non entenda o xogo: a meta de todo xogador é a de superar a defensa rival e chegar a converter un “touchdown”, o que significarían seis puntos. Para logralo en cada xogada tan só pode haber un pase cara adiante entre todo o equipo. Para avanzar iardas dispóñense de catro xogadas nas que hai que intentar superar unha barreira de dez iardas por diante do último lugar onde quedamos, en caso de non logralo o “kicker” golpeará o balón co pé intentando lanzar aos paus e se o logra anotará tres puntos, se está moi lonxe devolverá o balón ao rival. De lograr un “touchdown” disporá dunha nova oportunidade na que pode lograr un punto máis se volve a tirar a paus ou se chega de novo á “end zone” nunha xogada anotará dous puntos.

É un deporte con moita tradición, aínda que como deporte americano que é está deseñado por e para o espectáculo. Con moitas interrupcións e tamén cunha longa duración, é perfecto para ver pola televisión. Na TV é un espectáculo, as catro grandes operadoras (NBC, CBS, FOX e ABC) rotan cada ano para ofrecelo, e en cada caso para demostrar quen o ofrece da mellor forma, este ano tócalle á CBS. Os mellores adiantos tecnolóxicos na realización son postos en liza na final da Superbowl. Cada ano ofrécese un gran espectáculo no descanso, eses 15 minutos nos que se ofrece practicamente un concerto dunha estrela de primeiro nivel que nesta ocasión será Beyoncé. Outra das cousas máis esperadas cada ano son os anuncios publicitarios, os cales son feitos unicamente para a ocasión e polos cales páganse varios millóns de dólares. A Superbowl é un evento que gústelle a un ou non o deporte, debe ser visto se o que se busca é entretemento.

No puramente deportivo este ano enfróntanse os Baltimore Ravens cos San Francisco 49ers que loitarán polo trofeo Vince Lombardi. Quizais o máis curioso é que os adestradores de cada un dos dous equipos, John e Jim Harbaugh respectivamente son irmáns. Os de California parten coma favoritos tras gañalo practicamente todo ao longo da tempada con Colin Kaepernick coma gran estrela, o “quarterback” que promete ser quen domine a competición nos próximos anos.
Pola outra banda os Ravens chegaron aos playoffs tras gañar dez partidos e perder seis na tempada regular e ter acceso a un “Wild Card” que lle deu oportunidade de xogar as eliminatorias onde eliminaron a tres grandes equipos: primeiro aos Indianapolis Colts, despois aos Denver Broncos tras dúas prórrogas e por último aos New England Patriots, actuais subcampións. Este partido será o último dunha das súas estrelas, o “linebacker” Ray Lewis. A Superbowl é un partido onde se soen dar moitas sorpresas, xa que moitas veces aos favoritos pódelle a presión do escenario e non logran finalizar a súa tempada da mellor maneira. Abofé que os Ravens intentarán aproveitarse da presión dos medios que hai posta sobre os de San Francisco.

Os 49ers son un dos conxuntos que máis Superbowls gañaron logrando cinco (a última no ano 94) e non perdendo nunca unha final da NFL. Pola outra banda os Ravens tan só teñen unha Superbowl que lograron no 2001 contra os Giants de New York na súa única final disputada. Algún dos dous equipos será derrotado por primeira vez nunha Superbowl e o outro levará a gloria de ser o mellor equipo de fútbol americano do mundo. O espectáculo, tanto dentro coma fóra do campo, está asegurado.