Carmina o revienta: un humor familiar

De Paco León sabíamos que é un versátil imitador e un intérprete de certo talento, pero ata fai uns meses eran poucos os que agardaban velo no outro lado da cámara. Hoxe, a falta de dous días para a entrega dos Premios Goya, este sevillano de 38 anos agarda impaciente a chegada da noite do domingo. Pois é que a súa opera prima, Carmina o revienta, atópase entre as candidatas a tres pequenos bustos de bronce: Mellor director novel, Mellor actriz revelación e Mellor actriz de reparto. Malia parecer premios relativamente secundarios no conxunto da cerimonia, o filme en cuestión leva consigo o aval das máis de 60.000 reproducións na rede, 17.000 na gran pantalla e 7.000 no formato DVD, sendo estes os resultados da polémica estrea simultánea nos tres espazos, a maiores do Premio especial do xurado, o Premio do público e o Premio a mellor actriz, obtidos no pasado Festival de Málaga.

Cartel da película.

Cartel da película.

De levar os tres Goya, estarán todos colocados na mesma estantería: o reparto é tan peculiar para nós como familiar para Paco, e logre os premios que logre, han de quedar na casa. Sen ir máis lonxe, o papel protagonista asúmeo nin máis nin menos que súa nai, Carmina Barrios, cuxo personaxe homónimo aspira a ser á gran revelación da gala, premio que precisamente logrou a súa filla, María León, fai un par de anos con La voz dormida, e quen desta vez opta ao de actriz secundaria. Polo que a Paco corresponde, tal vez a consecución da estatuíña lle permita subir un peldaño máis no cine español, como aconteceu con Alejandro Amenábar no 1996 e dous anos máis tarde con Santiago Segura. Aínda que de acontecer iso, non sería máis ca unha anécdota para relacionar aos tres directores; ningunha outra cousa os une. En Carmina o revienta non atoparedes o cadro tétrico de Tesis nin a inacabable munición de humor fácil de Torrente, el brazo tonto de la ley.

O filme vén a ser un paseo polos días dunha relixiosa matriarca andaluza de 58 anos, propietaria dun bar que semella non pasar polos seus mellores días. A pobre muller chega cansa á casa, onde só lle espera a súa querida cabra Marifé, senta no comedor e mirándonos aos ollos disponse a contarnos a súa historia, que a continuación se irá alterando co presente mediante tres analepses. Así, resulta que fai un mes o bar que rexentado por Carmina sufriu un suposto roubo, mais ante a falta de evidencia a aseguradora négase a pagarlle as pérdidas. E por se fora pouco, a nosa protagonista vaisas ter que ver coa insistencia do cobrador do frac, posto que ten unha débeda de 15.000 euros cun estanco veciño. Con razón poderiades pensar que hai material dabondo para un drama, pero Carmina ten a astucia e a valentía necesarias para fitar á vida aos ollos. Inventará alegres artimañas para superar o bache e poder financiar a comuñón da súa neta.

Cómica compaña a de Carmina. Dos tres fillos que ten, na película soamente aparece a súa filla María (María León), á que poderíamos definir como unha incompetente total e graciosa por momentos, que xunto co taurino e borracho do seu pai Antonio (Paco Casaus), completan unha triada familiar con evidentes carencias interpretativas. Papeis máis pequenos son os de Basilio e Ani, fieis amigos de Carmina, que parecen actores introducidos na rodaxe para facer un par de gracias, e adeus. A sabendas diso coido que estes personaxes non son elementos tan esenciais para a historia, como si que son as fugaces introspeccións que a protagonista adica á saúde, á morte, ao pasado ou a soidade.

A familia León: Carmina Barrios, Paco León e María León.

A familia León: Carmina Barrios, Paco León e María León.

Con isto e pouco máis, o director fai un esforzo por trazar un retrato costumista da súa terra, empregando unha técnica de relativa innovación no cine español: o falso documental. Predomina nel o primeiro plano, co obxecto de dotar dunha maior profundidade psicolóxica os monólogos da protagonista, combinados con outros máis xerais empregados na descrición de obxectos mediante imaxes. A gran diferenza narrativa vémola precisamente nestes trocos de cámara: mentres que no presente so usa o dito enfoque, nas tres analepses alterna os mesmos con outros máis breves.

A organización que Pony Bravo levou a cabo coa banda sonora non da moito que falar, pois sobran os dedos dunha man para numerar as cancións do filme. Aínda así, poderiamos falar da versión flamenca que María Salk fai do I will survive de Gloria Gaynor, para ambientar o final da película. Realmente, parece máis unha homenaxe de Paco León á súa nai que ao personaxe de Carmina.

Brevemente: estamos ante unha comedia con máis alegría que gargalladas, tal vez con demasiada influencia dos papeis do Paco León actor na interpretación dos demais personaxes. Estou seguro de que a cinta non marcará un punto de inflexión na comedia española, pero agora tócalle á crítica especializada emitir o veredicto, que sexa cal sexa, non mudará a miña opinión: mediocre.