Cambiar para…¿mellorar?
Se de algo podía presumir o Celta de Vigo nos últimos tempos era de xestión deportiva, de proxecto de futuro e de certa estabilidade entre equipo, directiva e afección. Esa estabilidade, parecía cambalearse por momentos coa situación deportiva, pero as declaracións sempre calmaban as pequenas tempestades. Podíase dicir que vivir na casa celeste era algo semellante a convivir nun pequeno pobo de montaña, onde os problemas son de pequena importancia e rematan en pouco tempo. Porén, en dous días parece que o equipo celeste mudouse directamente a un barrio norteamericano cargado de conflitos. Agora, vivimos no Bronx.
A derrota no Coliseum doeu moito. A actitude do equipo non foi a correcta, e a posición na táboa complicábase un pouco máis. Despois, Paco Herrera saíu a rolda de prensa e tentou apagar un “incendio inexistente” con gasolina, xa que creo que a maioría de celestes entenderon o cambio de Iago Aspas. Todos sabemos que o xogador moañés non é o mesmo que comezou a tempada, xa que os rumores o teñen distraído, pero os trapos é mellor lavalos na túa casa que diante da prensa. Probablemente, estas declaracións e todo o eco que tiveron despois, puxeron a última pedra na destitución de Paco. De tódolos xeitos, a directiva non fixo ningún movemento, e o domingo unha reunión entre xogadores e corpo técnico parecía deixar as cousas claras. Deberían ir todos a morte e loitar por derrotar ó Granada. Ese día parecía marcado como a última oportunidade para Paco Herrera.
Todos parecían entender iso, pero as tres da mañá Juan Carlos Álvarez (xefe de deportes de Faro de Vigo), anunciaba por twitter a noticia de que Paco Herrera estaba destituído e Abel Resino sería o seu substituto. Herrera levantouse o luns para adestrar e almorzou coas portadas da prensa viguesa comunicándolle o seu despido. Porén, o club non lle confirmou ata as dúas das tarde a súa destitución. As cousas, como é lóxico non se fan así. Filtrar unha noticia deste calibre non se debe de facer tan á lixeira, e menos faltarlle ó respecto de tal xeito a un adestrador que podería ter as súas virtudes e os seus defectos, pero que foi o que devolveu ó Celta ó lugar onde se merece, a primeira división. Paco Herrera, un señor en toda regra, despediuse entre bágoas e sen reproches, uns reproches que merece a directiva do club polo trato recibido nos últimas horas. Se non confías en Paco, perfecto, pero non esperes a ter un substituto para comunicarllo.
Unha vez analizadas as formas, queda por analizar o cambio de adestrador. Abel Resino é un home con experiencia en primeira, probablemente máis que Paco Herrera, pero este último é o que mellor coñece un equipo novo e pouco experimentado como o equipo vigués. Os cambios en Vigo non funcionaron ben nos últimos anos, nin no ano de Lotina, nin no ano de Vázquez xa que nas dúas ocasións o Celta acabou descendendo a segunda. Esperemos que desta sala ben e Resino sexa o revulsivo que lle quite ó equipo celtiña a apatía mostrada nos últimos encontros. Exactamente, do que Herrera se estaba queixando e buscaba erradicar por tódolos medios.
Mentres o Celta cambiaba de adestrador outra tormenta achegábase as oficinas de Praza de España. Os adestradores veñen con certos complementos, como as ofertas nos supermercados, e na contratación de Resino viña incluído Salva Ballesta. De primeiras, o presidente Mouriño comete o seu segundo erro contratando a Resino sen preguntarlle polo seu equipo técnico, ou aceptándoo coñecendo a relación de Ballesta coa afección celeste. Por último, comete outro erro rectificando cando o segundo de Resino xa está de camiño a Vigo. As formas non son esas. Despois, aínda nos queda por analizar a postura de Resino de aceptar a oferta sen traer a todo o seu equipo habitual
En canto a prensa deportiva madrileña, onte tivemos que ler titulares do tipo: “O Celta rexeita a Salva Ballesta por ser español”. A min, que xa me tomo estas cousas con humor, deume a risa con este marabilloso exercicio de demagoxia. É incrible a parcialidade que se pode tomar nestes temas. Quizais, se estes medios se parasen a ler os comentarios de Salva Ballesta ou a analizar os seus xestos cara certas afeccións, entenderían que igual a postura política de Salva é tan radical ou máis radical que a dos afeccionados do Celta, que simplemente mostraron o seu malestar polas redes sociais. De feito, a postura do zaragozano quizais estea máis próxima a inconstitucionalidade vendo algunha das súas declaracións.
Con todo, o Celta evítase un problema innecesario non contratando a Salva Ballesta, pero gánase outros moitos polas formas coas que actuou nas últimas horas. Primeiro, desprezando o seu técnico dos últimos anos na súa saída, e segundo contratando sen pensar nas súas consecuencias e rectificando a última hora. Para rematar o cúmulo de despropósitos, o presidente afirmou que senón contratan a Abel, seguiría Herrera, nunhas declaracións tan inexplicables como sorprendentes. Xerar problemas da nada non é positivo para un equipo que se xoga a vida nuns días ante o Granada. Creo que o Celta perdeu demasiado tempo cun personaxe como Salva Ballesta. De feito, o Celta perdeu moito tempo nos últimos días. Agora chega o momento de centrarse en fútbol e de loitar por unha permanencia que está moi complicada, e iso debería ser o único importante.
*Imaxe de portada: www.deia.com