Bos concursos, sensacións estrañas

Trala decepción do 2012, onde vivimos o que moitos consideraron o peor concurso de mates na historia, o concurso máis importante do baloncesto mundial, recuperou un bo nivel neste ano 2013 en Houston. Foi unha noite estraña, que prometía moito, a pesar de non contar coas grandes “estrelas” como participantes. A velada rematou do mesmo modo, cun concurso que contou de mates de nivel pero que se quedou a medias polos erros, e sobre todo pola non clasificación para a final dos grandes favoritos.

Tralo “amistoso” de pouco nivel do venres, todos esperábamos un sábado que recuperara a ilusión da parroquia dos seguidores NBA. Probablemente o segundo día do All Star sexa o que máis guste á afección española, por aquilo de ser o mellor día para trasnoitar, e tamén porque os concursos acostuman a prometer espectáculo ó máis puro estilo norteamericano. Proba diso, é ver como estaba Twitter onte pola noite, coa maioría dos “trending topic” copados polos homes da noite en Houston.

A noite abría co cambio de sistema na competición. Un sistema por conferencias, que para moitos resultou algo estúpido, xa que non sempre vimos os dous mellores xogadores da rolda previa na final. Con iso, facíase unha competición alternativa onde rematou gañando a conferencia Oeste, pero iso a verdade é que foi o de menos. De feito, ó final, non creo que ninguén recorde esa clasificación. Aínda así, os seus fins si que foron moi lícitos, xa que os cartos das conferencias irán para organizacións benéficas.

Co sistema de competición claro, vivimos un mal concurso de tiro como aperitivo da noite. O máis destacable foi ver a Brook López tirando en suspensión dende o medio do campo, pero a vitoria foi para o equipo de Chris Bosh cun tempo bastante discreto. Os tiros dende o medio do campo foron decisivos, e alí Dominique Wilkins foi o rei da noite. En habilidades, co actual campión Toni Parker andando, Damian Lillard dominou o concurso e levouse o torneo baixando dos trinta segundos, un gran tempo final.

Chegou o quenda entón do primeiro gran concurso da noite, o concurso de triplas.  Stephen Curry, un dos grandes favoritos, quedouse fóra da final tras un mal comezo que acabou arranxando a medias para sumar dezasete puntos. A súa actuación foi tapada polo peculiar estilo de Matt Bonner. A “Red Rocket” sumou dezanove puntos para plantarse na final polo oeste. Na outra banda, Kyrie Irving meteuse na final por diante de Steve Novak. A final non defraudou, e Irving gañou con vinte e tres puntos, moi preto da mellor marca da historia de Jason Kapono. O xogador dos Cavaliers completou unha gran actuación e, nesta ocasión, non necesitou ter diante a Brandon Knight para motivarse. O base completou unha boa actuación o venres e rematou de coroarse o sábado. Sen dúbida, un dos protagonistas en Houston, nun concurso que si que tivo un gran nivel xa que todos firmaron unha actuación bastante destacable.

E por fin chegaron os mates, un concurso que volvía a ter seis participantes, algo que non acontecía dende 2001. O concurso recuperou un bo nivel, aínda que estivo marcado polos erros. Sen dúbida, pola autoesixencia que se marcaron moitos dos participantes. Xa sabíamos que Green e White non poderían estar na final soñada polo estúpido sistema das conferencias, pero os dous comezaron a noite xerando moitas expectativas. O de Pacers, gañador do concurso en 2007, comezou cun mate onde a súa cabeza rozou o aro, que lle valeu 50 puntos. White, pola súa banda, quixo comezar cun mate dende a liña de tiro libre, pero acabou pisando dentro e perdendo algunha opción. No seu segundo mate, os dous erraron e perderon así todas as opcións de meterse na final. Foi unha pena xa que os dous prometían espectáculo como fixeran en Rusia neste  concurso do ano 2010. Todo isto, puxo a alfombra vermella a Jeremy Ross para meterse na final. O de Toronto completou un gran mate de 50 puntos en varios intentos para comezar, e no segundo bastoulle con asegurar. Na conferencia oeste, tamén fallaron Faried e Bledsoe no primeiro mate, o cal fixo que Jeremy Evans apostando pola tranquilidade se metera na final. De pouco valeron os segundos mates dos outros dous que sumaron 50 puntos por barba. O campión do ano pasado estaba na final.

Evans apostou por saltar por enriba dun cadro e por enriba de Danthay Jones en dous mates similares pero de moito nivel. O de Utah Jazz mellorou moito a súa actuación con respecto ó ano pasado. Ross, pola súa banda, deunos na final dous grandes momentos que lle valeron a vitoria que decidían os espectadores. O primeiro, un mate final saltando por enriba dun neno e pasando o balón por debaixo das pernas. E para min, o mellor momento da noite, un mate ó estilo “Vince Carter” vestindo a camiseta histórica dos Raptors do concurso do ano 2000. Por desgraza, este ano non tivemos un concurso a ese nivel, nin ó do ano 2003 entre Richardson e Mason. Nin de lonxe, por suposto, estivemos ó nivel de Jordan e Wilkins. Pero aínda así, foi un bo concurso que recuperou a honra na final e que se achegou ó nivel doutros concursos como o de 2011 de Blake Griffin, pero que tamén se quedou nun coitus interruptus tras un inicio que prometía algo máis. Os erros penalizaron demasiado un espectáculo que continúa no día de hoxe co partido das estrelas entre as dúas conferencias. Veremos se hai competitividade e podemos ver un bo encontro na noite de hoxe en Houston.

*Foto de portada: Marca