Así soan os Goya
Sara Yáñez
O cine funciona nun constante paralelismo entre o son e a imaxe, sendo o primeiro vital para entender a segunda. A música para o cine ten as súas propias características, distintas a calquera outro tipo de composición. Tralos éxitos dos Beatles e os seus filmes A Hard Day’s Night, Help!, ou Yellow Submarine deuse un boom na década dos sesenta de películas que actuaban só como vehículo para cancións que logo se vendían en disco. O abuso da música volveuse desmedido até que, a finais dos setenta, as aparicións de compositores como John Williams (Tiburón, La Guerra de las Galaxias, Indiana Jones), Alex North (2001: Una odisea espacial, Unchained, Espartaco) ou Jerry Goldsmith (El planeta de los simios, Chinatown, Star Treck: la película) conseguiron que o cine empregase a música con fins distintos á explotación das súas bandas sonoras.
Xunto a unha tendencia sinfónica tradicional, aparece cos anos un gusto polas composicións para un único instrumento, que poñen en primeira liña a particularidade do timbre, a textura e a estética dos sons. Estas circunstancias e as diferentes inclinacións estilísticas teñen a súa particular representación na música do cine español actual.
Mellor música orixinal
Alfonso de Villalonga – Blancanieves
Alfonso de Villalonga é un dos nomes dos compositores que Josep Lluís i Falcó bautizou como a “Xeración do 89” ou “xeración do CD”, por ser este o ano no que aparece o primeiro disco de música de cine español. Continúa en activo na actualidade e cunha candidatura aos Goya pola música orixinal do filme de Pablo Berger, Blancanieves. Un filme mudo onde buscamos as verbas nas miradas dos actores e na súa música. Ambientada na Sevilla dos anos vinte, este compositor catalán recorre musicalmente o barrio de Triana e recolle unha palestra de músicas moi diferentes que enchen case cen minutos de banda sonora. A primeira parte do filme resulta máis dramática, con momentos sinfónicos orquestrais. Na segunda parte a luz e a alegría caracterizan a música que acompaña ó circo dos ananos toureiros, que acollen á protagonista desta versión do conto dos irmáns Grimm, Carmen.
O compositor, Alfonso de Villalonga (Barcelona, 1962), estudou composición e canto en Boston. O cabaret e as variedades deron paso a bandas sonoras de filmes como Mi vida sin mi de Isabel Coixet ou Princesas de Fernando León de Aranoa. Axúdase para a súa composición en Blancanieves da cantante Silvia Pérez Cruz, que interpreta dunha maneira moi sentida un flamenco sinxelo e patrio característico dos anos vinte. En colaboración co guitarrista Juan Gómez “Chicuelo” dálle forma a uns poucos temas que lle sentan coma un traxe a medida ó filme.
Álex Martínez, Zacarías M. de la Riva – Las aventuras de Tadeo Jones
De entre quen comezou a súa formación para o cine máis tardiamente hai que destacar ao compositor Álex Martínez, moi influenciado pola música dos videoxogos. Está nomeado a mellor música orixinal pola súa colaboración con Zacarías M. de la Riva (El Cid: la leyenda) no filme de animación de Enrique Gato, Las aventuras de Tadeo Jones. A banda sonora sinfónica asume os patróns e códigos característicos do xénero de animación. Ímpeto, énfase e acción mesturados con temas máis pausados e de certa beleza que ambientan a aventura deste albanel que intentará salvar a mítica cidade perdida dos Incas dunha malvada corporación.
Fernando Velázquez – Lo Imposible
No ano 2007, Fernando Velázquez (Bilbao, 1976) despunta como compositor por ser o autor da música da premiada El Orfanato, de Juan Antonio Bayona. Este ano repite candidatura aos Goya pola música orixinal de Lo Imposible, do mesmo director, pero tamén é coñecido polo seu traballo en filmes como Lope, Los ojos de Julia, Savage Grace ou La trampa del mal. Nun tempo no que o interese dos produtores e realizadores nas condicións da parte sonora é maior, o cine coida meticulosamente o acabado fílmico. A música convértese nun reclamo máis da calidade técnica, sobre todo nunha película como Lo Imposible. Fernando Velázquez é o responsable de que moitos dos espectadores saísemos medio conmocionados das salas de cine despois de escoitar 18 temas que converten os efectos especiais e a historia en algo potente. Un estilo melancólico e moi pero que moi cinematográfico, interiorizados todos os clichés sonoros do xénero dramático.
O compositor tivo que poñerlle música á forza dun devastador tsunami que arrasou as costas de Tailandia no 2004. A música dunha partitura gravada coa London Metropolitan Orchestra nos estudos Abbey Road non só acompaña as emocións se non que as eleva. Unha banda sonora creada especificamente para o cine pero que atravesa os límites e consegue unha entidade propia, sendo premiado o seu autor co Ollo Crítico de Música Clásica 2012 de RNE polo traballo realizado con Lo Imposible.
O director de Grupo 7, Alberto Rodríguez, rodéase para os seus filmes de xente de confianza. O compositor candidato aos Goya por mellor música orixinal, Julio de la Rosa, xa traballara con el en After e 7 vírgenes. Para o autor é sempre un reto musicar as películas do director sevillano pois non se sitúan no obvio. Nesta ocasión a dificultade era maior xa que nunca se enfrontara a un xénero policial e o guión móvese en moitas direccións.
A banda sonora escapa dos clichés e das orquestracións atómicas, adaptándose ao ambiente da rúa dunha Sevilla de finais dos anos 80. Para conseguilo, Julio de la Rosa probou a golpear instrumentos de percusión, como o steel drum ou o jangoo coreano, polos sitios onde non debe facerse; acoplou instrumentos como o waterphone ou o santoor de maneira orixinal e mesturounos incluso sobre unha base rock. Conseguiu expresar as sensacións da imaxe con tan só tres notas, unha harmonía musical que emprega case durante toda a película. Hai unha escena durante o filme que se me quedou especialmente gravada pola canción que empregaron; os movementos dunha parella achegándose para bailar sincronízanse perfectamente coa forza dun tema de Bambino, “Se me va”.
Raquel López
Se falamos das oportunidades a obter un premio musical na gala dos Goya non nos debemos cinguir a amplitude das bandas sonoras. As melodías que envolven a trama dunha película van mudando a medida que esta se desenvolve. Poden rematar transmitindo sensacións completamente diferentes ás que percibíamos nas primeiras notas que acompañan os créditos iniciais dunha película. As bandas sonoras permiten dividirse en pistas máis reducidas que concentran todo aquilo que permiten reflectir da escena que ambientan. Pos iso non debe faltar nuns premios coma os Goya a nominación á mellor canción orixinal.
As finalistas do 2013 nesta candidatura xeraron, nalgúns casos, sorpresa seguida de murmurios polo baixo. O que non se pode negar é que nesta edición a batalla pola estatuíña emana diversidade. Atopamos dende zapateados flamencos ata un hit das noites máis discotequeiras, pasando polo un rap rebelde e unha canción en francés. De tódolos xeitos as catro candidatas ó Goya son cancións un tanto planas se as separas do contexto da película á que pertencen. Quero dicir que posiblemente elas non porten todo o peso da súa nominación, senón que a propia banda sonora ou a escena na que se escoitan empurráronas cara os Goya. Fagamos un repaso polas agraciadas.
Mellor canción orixinal
“No te puedo encontrar” – Blancanieves
Desde o sur da España dos anos vinte chéganos “No te puedo encontrar” aportando melodía a unha das escenas puntuais da película Blancanieves, dirixida por Pablo Berguer que tamén é o autor da letra da canción. A composición da música e o acompañamento de guitarra van nas mans de Javier Gómez “Chicuelo”. Pero a verdadeira protagonista do trío que fixo posible esta canción é Silvia Pérez Cruz, a catalá que complementa coa súa voz os xogos de guitarra que soan durante a comuñón da protagonista da película. “No te puedo encontrar” é unha seria candidata a conseguir o Goya á mellor canción orixinal.
“Líneas paralelas” – Els nens salvatges
Nunha época máis actual e ambientada na costa catalá Els nens salvatsges (Os nenos salvaxes), película creada baixo a dirección de Patricia Ferreira presenta á candidatura o rap “Líneas paralelas” composta conxuntamente por Pablo Cervantes, Victor M. Peinado e Pablo José Fernandez Brenes. Esta canción, a única que se pode escoitar ó longo da película, pasa desapercibida no fondo dunha secuencia de vandalismo dentro dun centro comercial, interpretada polos tres mozos inadaptados protagonistas deste filme rodado en catalán. A letra da peza reflicte a rebeldía que comezan a espertar dentro destes tres xoves.
“L’as tu vue” – La banda Picasso
En Francia desenvólvese a trama da comedia La banda Picasso dirixida por Fernando Colombo. Nela, cóntase a historia sobre o roubo da Gioconda en 1911, caso polo que foron detidos como sospeitosos diferentes artistas da época, entre eles o español Pablo Picasso. “L´as tu vue” é a canción nominada por esta película. Composta por Alberto Albecete y Juan Bardem Aguad e cun ritmo divertido, esta peza anuncia o futuro argumento que se desenvolverá, a desaparición do cadro de Leonardo da Vinci. O instrumental recrea un ambiente moi francés axeitado ó panorama no que se desenvolve a película. Poderíase dicir que lle saíu unha boa competidora a “No te puedo encontrar”.
“Te voy a esperar” – Las aventuras de Tadeo Jones
E por último chegamos ó centro da polémica, ó rei do electrolatino, ó nome que está na boca de todos. Señoras e señores é unha realidade, Juan Magán podería gañar un Goya este ano. El compuxo “Te voy a esperar” e interpretouna conxuntamente coa cantante mexicana Belinda. O tema converteuse na canción principal da película española de animación máis taquilleira de tódolos tempos, Las aventuras de Tadeo Jones, dirixida por Enrique Gato. Da canción pouco máis hai que dicir, sona en radios, en bares e ocupou o número un das listas de éxitos durante milleiros de semanas consecutivas. Por moito que queiras fuxir dela, estará na túa cabeza. A nominación de “Te voy a esperar”, tema bailado por moitos e aborrecido por outros tantos, fixo levantar centos de mans cara o ceo clamando onde quedou a seriedade.
Pero por moitas rosmadas e rabia desafogada en foros, as cartas xa están postas sobre a mesa. Só queda agardar ata o domingo para saber cal dos compositores poderá lucir estatuíña na vitrina do salón.