As fichaxes de inverno, ese rastro de oportunidades

Lendoiro: "Dicían que había un Kaká bo, pero eu sei que ti es mellor"

Lendoiro: “Dicían que había un Kaká bo, pero eu sei que ti es mellor”

Ben seguro que todos estades acostumados a ir a feiras, mercados e rastros de segunda man. Falo deses sitios onde sempre imos dar unha volta sen intención nin necesidade de mercar nada pero no que sempre acabamos picando e mercando algo, moitas veces inútil ou que non aporta nada novo que non haxa na casa. Pola contra, ás veces, as menos, atopamos algunha ganga no que a relación calidade-prezo é inmellorable. Co mercado de inverno sucede algo semellante xa que buscas aquilo que non atopaches no verán con menos cartos, menos tempo e buscando un efecto revulsivo que rara vez xurde efecto. Porque historicamente moitos son os fracasos e poucos os acertos das compras de xaneiro. O motivo principal é que no mercado de inverno poucos son os “produtos útiles” que se poñen á venda. Xeralmente son promesas en busca de minutos ou xogadores descontentos que non xogaron en toda a tempada e que intentan ser vendidos para cadrar as contas. Este foi o caso do Real Madrid intentando vender neste mercado de inverno a Kaká… e un dos que buscou a oportunidade no mercado o Deportivo, quen fichou pois a outro Kaká. Concretamente a un central suplente no Videoton húngaro. Pero chámase Kaká, sendo ben seguro que seu compañeiro na zaga húngara Marco Caneira lle deu boas referencias da liga española. Ou igual lle deu consellos de como pasar en cinco anos de xogar en todo un Valencia de Champions a facelo no Videoton húngaro. Tamén alí xoga un vello coñecido da afección deportivista, Stopira, lateral zurdo que foi un “acerto” no seu momento similar ó que que promete ser Kaká para o Deportivo. Tamén fichou o Deportivo a Sílvio, lateral atlético que tras unha importante lesión esta temporada apenas tivo minutos e a Paulo Assunçao, pois non podemos obviar a fichaxe dun xogador xa de volta en Brasil tras un último ano no Atlético de Madrid onde o seu nivel foi bastante paupérrimo. Tres incógnitas para un equipo ferido de morte. Xunto a estas chegadas, marchou a alegría do vestiario deportivista, Rodolfo Bodipo, rescindido xunto a Saúl. Pola súa contra o Celta rañou algo máis a carteira e conseguiu a un zurdo polivalente como o croata Pranjic ante a desbandada do Sporting de Lisboa. Xunto a el chegou algo necesario, un central con saída de balón, Demidov, que tras marchar da Real Sociedade rumbo Eintracht de Frankfurt non cheirou o céspede alemán e buscou volver á Liga Española en busca de minutos. A alta por último de Fabián Orellana no último minuto tras unha ardua negociación pode ser fundamental na loita pola salvación xa que estivo o ano pasado e este si que pode aportar o que lle falta ó conxunto vigués. Pola contra marcharon Joan Tomás e Dani Abalo ante a falta de minutos e un Cristian Bustos que se ben se amosou limitado para o nivel de primeira división era un dos que o daba todo pola camiseta, sendo aínda máis discutida esta decisión tras ver como o pasado Sábado Paco Herrera optaba por un central como Túñez no posto de medio centro defensivo ante Osasuna.

Fabián Orellana, a esperanza que lle queda ó Celta.

Fabián Orellana, a esperanza que lle queda ó Celta.

Liga BBVA

No resto da liga española os grandes apenas se moveron. O Real Madrid fichou nun movemento relampo a Diego López trala lesión de Casillas e ofrecerlle deste xeito competencia ademais da porta de saída en xuño a Antonio Adán. O Barcelona cedeu a Isaac Cuenca ó Ajax nun movemento estraño xa que a competitividade no posto de extremo no equipo ajaccied é moi grande. Pelexará por un posto no once con Sulejmani, Hoesen, Ryan Babel, Sana, Lukoki e a gran promesa danesa Viktor Fischer. O Valencia cedeu a un Gago descontento na cidade de Paterna e o Atlético de Madrid descompensou máis o equipo do que aínda estaba. Fichou a Emiliano Insúa por máis de 3 millóns de euros, o terceiro lateral zurdo do plantel tras Filipe Luis e Domingo Cisma e cedeu ó único suplente do carril dereito, Sílvio, ó Deportivo. Trala lesión de Juanfran o fin de semana pasado tivo que recorrer ó lateral dereito do filial Manquillo. Pola esquerda tiña tres laterais. Incomprensible. Vendeu ademais a Emre perdendo unha das variantes no enganche e cedeu a Joel ó Wigan. Pero se o do Atlético é inentendible que dicir do Sevilla. Cede ó seu mellor porteiro antes de comezar a campaña ó Celta (Javi Varas), vende a Diego López ó Real Madrid e lesiónase Palop. Resultado: tres posibles porteiros e acaba xogando o fin de semana pasado o porteiro do filial, Julián. Nos últimos días conseguiu a cesión do porteiro do Sporting de Braga Beto. Dubido que mellore o que había. Ademais ficha a unha promesa serbia da Vojvodina, Stevanovic. Alguén recorda a Lautaro Acosta ou Tom de Mul? Ten un tufo a eles que bota para atrás.

Julien Faubert, fichaxe estrela invernal do Real Madrid. Resultado: 2 partidos, 30 minutos e unhas pipas comidas no banquiño.

Julien Faubert, fichaxe estrela invernal do Real Madrid. Resultado: 2 partidos, 30 minutos e unhas pipas comidas no banquiño.

Entre os outros equipos destacamos para ben ó Granada, quen fichou con senso e conseguiu a Nolito, Aranda, Recio e Buonanotte. Vendeu a Orellana a un rival directo como o Celta pero as fichaxes deberían impulsalo para arriba. Peor o vai ter o Málaga para manteñerse entre os primeiros postos. Tralo comezo do desmantelamento no verán ademais de a Buonanotte perdeu a Nacho Monreal. Para compensar iso, chegaron o central Lugano cedido polo PSG tras non xogar en toda a tempada, Lucas Piazon cedido polo Chelsea, unha incógnita para o lateral como Antunes e un Pedro Morales que chega tras ser despedido polo Dinamo de Zagreb despois de nin xogar como cedido no Universidade Católica. Sinceramente ten moito que crer este Málaga para seguir coa súa dourada tempada tanto na Liga como en Europa. O Betis pola súa parte perde a xogadores como pouco peso esta tempada como Jonathan Pereira, Salvador Agra ou Dorado coa fin de reducir soldos e ficha a un suplentísimo no Anderlecht como Molins. A última hora a alta no ataque de Dorlan Pabón si pode ser importante para o conxunto verdibranco. O Levante seguiu o mesmo camiño coas baixas de Volta, Gekas ou Ángel, fichaxes que pasaron con máis pena que gloria polo equipo valenciano. Consegue as fichaxes de Loukas Vyntra e un Acquafresca que de recuperar o seu mellor nivel (cousa habitual do Levante) sería outro roubo dos de Manolo Salvador e JIM. No resto dos equipos poucos movementos. Para ben destacar a importante alta de Miguel de las Cuevas por parte de Osasuna, un xogador diferencial (cando quere) de tres cuartos para arriba ou as voltas de Tissone e Jordi a Mallorca e Rayo respectivamente. Volve ademais ó Rayo o heroe da salvación o ano pasado Raúl e logra o Mallorca a cesión do lateral dereito escocés Alan Hutton e do seu cuarto lateral esquerdo (tras Antonio López, Bigas e Kevin), o sevillista Luna. O Getafe perde á súa referencia en defensa, David Abraham, a quen vende por catro millóns tras fichalo gratis no verán pero consegue a un dos defensas arxentinos do futuro, o ex-napolitano Federico Fernández. Entre as fichaxes máis estrambóticas e sospeitosas atopamos a un máis que veterano Martin Petrov que volve á Liga BBVA, concretamente ó Espanyol, e a un Machado que chegaba para marcar goles no Rayo Vallecano… se non fora porque chegou lesionado. Quixérono ceder ó Hércules pero non colou, así que quedarase en Vallecas vendo partidos. Esta é a miña aposta para o pouco honroso posto de “xogador que ficha e non chega a debutar”. O Valladolid aposta polas ligas escandinavas e logra a dous homes de ataque en Valdet Rama e Daniel Larsson. Non aseguran calidade pero si garra e pelexa nestas fichaxes, unha constante no club pucelano. O Zaragoza perdeu a Aranda e conseguiu a Rodri e Bienvenu cedidos, dúas promesas máis que sospeitosas, polo que polo seu ben esperemos que Postiga siga como neste comezo de tempada. En xeral, poucas apostas seguras, moitas incógnitas, unhas con mellor pinta que outras e algún que xa polo nome, historia ou caso particular cheira a un dos habituais fracasos de inverno. Porque iso é o habitual: poucos acertos, moitos erros e uns poucos que cumpren a súa función e se evaden dun xeito tan silencioso como chegaron. Entre os primeiros case todos recordaremos a labor de Edgar Davids no Barcelona ou Thomas Gravesen e Lass Diarra nos seus primeiros medios anos no Real Madrid. Basinas no Mallorca, Mark González na Real Sociedade ou Fernando Baiano no Málaga foron outros dos exemplos de fichaxes que dan coa tecla para cubrir o erro no equipo, son esa pequena capa de cemento que recubre aquel terreo desnivelado. Pero moitos outros fracasaron… pois quen non recorda a fichaxe de Julien Faubert polo Real Madrid? O Barcelona tamén errou, pois tampouco ningún afeccionado olvidará a aquel dianteiro rubio de melena que veu como salvador e goleador. Si, estou a falar de Maxi López. Stan Collymore, Perica Ongjenovic, Thiago Carleto… moitos son os que aparecerían nesta lista.

Liga Adelante

En segunda división como é habitual moveuse aínda máis o mercado. As baixas en primeira división, as cesións, xogadores que non contan noutros equipos, algún que quedara libre ou algunha promesa da terceira división belga. Todo é fichable para os “segundas”, pero todo a custo cero. Iso si, as fichaxes en xaneiro son unha constante. Ó Lugo falláballe o ataque así que deixou marchar a Fran Sol e fichou a un clásico como Guayre e unha promesa perdida pola 2ªB como Airam. Engadiu a un ex do Depor sen equipo como Iván Pérez e a un central clásico da 2ª como Tena. Catro fichaxes para apuntalar a un equipo que estaba a funcionar ben. O contrario a iso eran dous dos mellores equipos da categoría a priori, o Almería e o Villarreal. Os andaluces buscaban mellorar e ficharon a Iago Falqué, Pallardó e Rubén Suárez dunha tacada, deixando sen equipo o último día a un clásico como Casquero. O Villarreal ditaminou que os seus problemas estaban no ataque e deixou marchar ó lesionado Rossi e ás súas fichaxes estrelas do verán Cavenaghi e Pandiani para fichar o pichichi belga hai dúas tempadas Jérémy Perbet ademais dos ex béticos Jonathan Pereira, Dorado e Juanma e o clásico Farinós. O Rácing e o Hércules pola súa parte, dous equipos que ó principio da tempada miraban a primeira pero que agora o terán difícil ata para salvarse, tamén se reforzaron con xente importante. O Hércules rebuscou entre os xogadores sen equipo e fichou a clásicos como David Cortés, Mario Rosas (de quen dixo Xavi Hernández que era mellor ca el), Pablo Redondo, Javito e Pamarot. O Rácing pola súa parte fichou para reforzar a defensa ó canteirán mallorquín Martí Crespí propiciando a marcha de Rochela a proba ó Hapoel de Tel Aviv e reforzou o ataque cunha promesa como o malacitano Juanmi e o ex do Alcorcón Quini. A volta de Ángel ó Elche para acabar de rematar o ascenso, a chegada ó Huesca de D’Alessandro de promesas tales como Juan Carlos do Deportivo, Dani Pacheco do Liverpool e Migue Messi do Granada xunto coa volta de habituais como Ogbeche ó Xerez ou Bernardo ó Mirandés son algunhas das fichaxes máis sonadas para esta segunda volta. A outra alta significativa e a do medio centro do Sao Paulo Casemiro, que chega cedido ó Real Madrid Castilla con vistas a subir ó primeiro equipo se rende a un nivel notable. En xeral vemos apostas máis seguras ca en primeira división, buscando en moitos casos cambiar radicalmente o rumbo no canto de modificar pequenos erros no plantexamento.

Tras cantar o seu himno sendo xogador do eterno rival, o Inter, por fin Balotelli está no Milan

Tras cantar o seu himno sendo xogador do eterno rival, o Inter, por fin Balotelli está no Milan

Fútbol Internacional

E no fútbol internacional uns poucos homes e equipos coparon o mercado de fichaxes. E sorprendentemente o primeiro equipo que destacarei é un turco. E é que o Galatasaray con vistas a que volve a Champions logrou fichar a Wesley Sneijder e Didier Drogba. E por menos de 1o millóns de euros! Enorme negocio que pode ter os seus réditos no futuro xa que o equipo otomán pasa a ser un coco a ter en conta. O segundo equipo do que se debe falar é o Milan. Vale que Abbiati en portería e a defensa sexan un pouco (ou bastante) frouxas. Pero coas altas do trotón Kevin Constant e do peculiar Balotelli (por só 20 millóns de euros) e a pesar da baixa de Alexandre Pato o equipo italiano logra un conxunto atractivo cuns Montolivo, Boateng, Balotelli e El Shaarawy como puntas de lanza. Por outro lado o Paris Saint Germain reforzouse coa fichaxe máis cara deste mes de xaneiro, a do brasileiro Lucas Moura. O media punta pasa por ser xunto a Neymar a gran promesa do fútbol no Brasil e deberá demostrar que vale por riba dos 40 millóns que se pagaron por el. Chegou ademais a última hora un David Beckham que amosará en Europa as súas últimas doses de calidade. A baixa dun Nené que perdera protagonismo índose ó Al-Gharafa foi a principal das súas sete baixas. Quizais Sneijder, Lucas Moura e Balotelli pasan por ser os reforzos principais e o Galatasaray, Milan e PSG dos equipos mellor reforzados, pero non son os únicos. Nun pequeno repaso liga por liga debemos destacar en Inglaterra a fichaxe de Demba Ba polo Chelsea, un dianteiro que leva dous anos a un altísimo nivel e que xa sentou no banco a un Fernando Torres cada vez máis lonxe do seu nivel. Coa chegada de Ba quedouse sen oco Sturridge e foise para o Liverpool, quen tamén se reforzou co ex do Espanyol Phillipe Coutinho. O Newcastle pola súa parte segue crecendo como colonia francesa en Inglaterra e a Ben Arfa ou Cabaye sumábanse as altas do central internacional Yanga Mbiwa, Moussa Sissoko, Gouffran, Debuchy e Haïdara. Lewis Holtby reforzaba pola súa parte ó Tottenham sendo definido polo seu adestrador Villas Boas como o “novo Van der Vaart”. Veremos. Na Serie A o Inter de Milan fichaba á perla croata de 18 anos Kovacic procedente do Dinamo de Zagreb. Ademais do “novo Roberto Baggio” fichaba a Rocchi, Carrizo, Kuzmanovic e o mediocampista italiano Matías Schelotto intentando dar un xiro á complicada situación do equipo de Andrea Stramaccioni e cubrir no posible a baixa dun home como Wesley Sneijder. Anelka volvía como Drogba do retiro chino e acababa nunha Juventus que fichaba ó central-lateral zurdo Federico Peluso buscando completar o crebacabezas que os leve de volta á elite europea. Nunha Bundesliga máis parada do habitual Perisic deixaba Dortmund buscando continuidade no Wolfsburgo e a cambio volvía a Dortmund o fillo pródigo, Nuri Sahin. O Schalke pola súa parte freaba a importancia da marcha de Holtby coa fichaxe de Michel Bastos procedente do Lyon. No resto de Europa poucos movementos importantes. O Oporto ficha a Liédson que volve a Europa ós seus 35 anos para ser suplente de Jackson Martínez e un vello coñecido do público español como Webó ficha polo Fenerbahçe para compensar en parte a fichaxe de Drogba polo Galatasaray (sic). O internacional francés Yann M’Vila foise para o Rubin Kazan e o actor porno (e ás veces xogador de fútbol) Vágner Love volveu por enésima vez ó CSKA de Moscú. Os últimos rumores apuntan a que o Anzhi pagará 40 millóns polo habilidoso extremo do Shakhtar Donetsk Willian, unha mostra máis de que os petrodólares funcionan bastante mellor que os euros nos equipos españois. En xeral, vemos como os principais equipos europeos non se reforzaron sendo os equipos de segunda liña europea os que máis buscaron mellorar os seus planteis.

Beckham dará os seus últimos coletazos na cidade do Louvre, concretamente no PSG.

Beckham dará os seus últimos coletazos na cidade do Louvre, concretamente no PSG.

O mercado de fichaxes acabou e os equipos tirarán co feito ata o final. Remataron os 30 días de cambios. Algún salvará gracias a eles a temporada. Outros con decisións erróneas caerán no descenso ou no desastre europeo. Esperemos que os equipos galegos sexan dos escollidos e se manteñan un ano máis en primeira.