A Volta pasará por Galicia sen galegos

Que facer cos cartos públicos no deporte? Existe unha eterna disputa de se se debe de fomentar o deporte de base ou se o deber é o da promoción coa atracción de grandes eventos deportivos. O ideal sería unha mestura de ambos pero en época de crise os gobernos vense obrigados entre escoller entre unha das dúas cousas. A selección de fútbol xogou en 2009 na Coruña e o pasado ano en Pasarón, á vez que se especula cunha próxima visita a Balaídos. A de baloncesto tamén xogou este verán na Coruña e os anteriores era habitual que o fixesen en Ourense así coma Copas e Supercopas de fútbol sala, balonmán e outros deportes. Agora é o caso do ciclismo.

Hai tres anos o goberno de Núñez Feijóo decidiu deixar de financiar ó equipo ciclista Xacobeo Galicia, un conxunto profesional que dera oportunidades a ciclistas galegos de correr grandes competicións á vez que conseguiu grandes resultados, coma o segundo posto de Ezequiel Mosquera na Volta 2010 ou sendo gañador da competición por equipos un ano antes. Dous anos despois de desfacer o equipo galego as Deputacións de Pontevedra e da Coruña gastaban varios millóns de euros de cartos públicos en traer varias etapas da Volta ciclista a España por Galicia. Este ano volverán a repetir a fórmula, aumentando o custe xa que a saída da Volta ciclista será desde as Rías Baixas nunha operación que pretende promover o turismo na provincia pontevedresa. Preguntado sobre o caso da Volta do pasado ano, Ezequiel Mosquera comentaba que cos cartos gastados nas etapas que pasan por Galicia habería de sobra para continuar co equipo. Tamén dicía que ter un equipo galego nunha Volta que pase por Galicia “tería sido apoteósico, non hai outra palabra para definilo. Ademais, tendo en conta o nivel que tiña o equipo e que algún de nós podería estar disputando a etapa, se agora houbo xente, pois imaxínate como tería sido”.

Etapas da Vuelta 2013 en Galicia

Etapas da Volta 2013 en Galicia

O ano pasado polas estradas galegas tan só puidemos ver as pedaladas de Gustavo César Veloso, único galego no pelotón. Por desgraza este ano Veloso non poderá repetir a experiencia de correr pola súa terra xa que o seu equipo, o Andalucía, busca evitar a desaparición á que se vería abocada pola falta de apoios xa que o seu único patrocinador é a Xunta de Andalucía. Polo momento xa non ten oportunidade de participar en categoría Profesional Continental e busca poder saír en categoría Continental.
Veloso buscou lugar en Portugal e atopouno, nun equipo de recente creación de categoría Continental, o Sobrado Valongo, onde coincidirá cun excompañeiro do Xacobeo, o tamén galego Delio Rodríguez. Con este equipo non podería correr a Volta, pero ordeou ao seu axente que continúe na busca dalgunha escuadra que corra a gran carreira española.

As esperanzas de ver a algún corredor galego na Volta que arrancará desde a nosa terra cada vez son menores e os milleiros de seareiros galegos do ciclismo choran por non ter a alguén da casa a quen animar. Tería que ser unha prioridade do goberno darlle oportunidades aos deportistas de aquí pero vese que o principal para quen manda é saír nas fotografías cos gañadores en vez de apostar polos que non teñen saídas.