A maldición do anfitrión
Din que estatísticas pouco importan á hora da verdade no deporte. A fin de contas o nivel do equipo e a calidade individual poden con todo no momento clave, pero existen certos datos que se converten en auténticas lendas na historia do deporte que van en contra disto. Este pasado fin de semana, o Caja Laboral viviu en Vitoria unha das lendas máis coñecidas: a maldición de anfitrión, que comezou a súa andaina alá polo 1950 co soado “Maracanazo” en Brasil.
A Copa do Rei é un torneo peculiar e que seguramente se converta na mellor cita do ano para o baloncesto español, tanto por emoción, como polo feito de xuntar oito afeccións nunha cidade nun só fin de semana. Vitoria recibiu o torneo a pasada semana, cun Caja Laboral en estado de gracia dende a chegada de Tabak, e cun Real Madrid que partía como total favorito tras só ceder un encontro durante toda a tempada regular da ACB. Pero chegada á hora da verdade, o Barcelona deixou no camiño ós dous para plantarse na final ante o Valencia Basket, ó que derrotou con bastante autoridade. Navarro recibía de mans do Rei un trofeo que poucas veces se quedou na cidade do anfitrión, en concreto só dúas.
En 1984, estableceuse o novo formato de Copa ACB, o que tanto gusta ó espectador, e estreouse en Zaragoza cun éxito completo e rotundo para o equipo anfitrión. Dende entón, houbo que esperar dúas décadas para que en Vitoria, o Baskonia repetise a fazaña en 2002. Porén, esa foi a única alegría na casa dun equipo tan copeiro como o vasco, que claudicou ata tres veces no Fernando Buesa Arena. No ano 2000 foi Estudiantes o seu verdugo, no 2008 a Penya, e nesta edición tocoulle ó Barcelona. Como curiosidade, en cada ocasión o equipo baskonista caeu eliminado nunha rolda diferente. Buscando precedentes, e sen tirar demasiado de hemeroteca, o Barcelona levantou en 2011 a Copa no Palacio dos Deportes de Madrid, mentres que un ano despois o equipo branco devolveulle a moeda vencendo no Palau Sant Jordi. Neste caso, a maldición transformouse en vinganza entre os dous equipos.
Todo comezou no ano 1950 en Brasil, na maior catástrofe deportiva do fútbol brasileiro. Nun Mundial con formato de liga, chegouse ó partido decisivo entre Brasil e Uruguai con todo aberto. Os locais partían con vantaxe de puntos, polo que incluso lles chegaba un empate. Nun estadio de Maracaná ateigado por 173.850 espectadores, a maior cantidade reunida nun campo de fútbol, Brasil decepcionou a súa parroquia. Uruguai remontaba o gol inicial da canarinha e remataba levándose un mundial incluso inesperado para eles. Dende entón, “Maracanazo” é un termo coñecido pola maioría de espectadores deportivos, e dende aquela Brasil deixou de vestir de branco para pasarse ás cores amarelas, verdes e azuis. Iso é unha clara mostra do que significou aquel partido para o país sudamericano.
Na historia do fútbol temos moitos máis casos, como a decepción da nosa selección no mundial de España 82 ou o recordado “Centenariazo” no Santiago Bernabéu, onde o Deportivo venceu a Copa do Rei ó Real Madrid no seu propio estadio, xustamente no día no que o equipo branco cumpría cen anos. Na Champions, máis do mesmo, xa que dende o novo formato de Liga de Campións, establecido en 1992, ningún equipo logrou vencer no seu estadio. De feito, o ano pasado, o Bayern de Múnich perdeu a súa Champions no Allianz Arena ante o Chelsea de Roberto Di Matteo. Outro día para o recordo do fútbol moderno.
Evidentemente, existen casos e casos, xa que hai menos dun mes a nosa selección de balonmán levouse o Mundial disputado no noso país, ou Francia gañou o seu Mundial de fútbol no ano 98. Aínda así, partir como anfitrión é un factor a ter en conta na motivación en calquera campionato grande. A presión e o medo a non fallar, poden pesar máis que o apoio do teu público nun momento clave, e iso é algo moi relevante. O que está claro é que ó final en deporte todo conta, e proba diso son estas pequenas historias de decepción na túa propia casa que vimos de recordar.
*Foto de portada: RTVE