Vero Boquete: “Nunca lle pidas recompensas ó fútbol, o fútbol é a recompensa”
A tradición marca que o Nadal é un época apropiada para descansar coa familia na casa. Porén, hai anos no que iso é moi difícil que suceda, ou senón que llo pregunten a Verónica Boquete. A futbolista santiaguesa, unha das galegas de moda neste 2012, non parou de ter compromisos durante todas estas datas tan sinaladas, destacando por enriba de todos a gala dos Premios As, onde estivo nominada con estrelas mundiais como Iker Casillas, Mireia Belmonte ou Marc Márquez. Con todo, Verónica tivo tempo para estar cos seus e para organizar o II Campus Vero Boquete, que reuniu durante uns días a rapaces e rapazas en Santiago cunha única finalidade: xogar ó fútbol. Minutos antes do acto de clausura do campus, celebrado no Colexio La Salle, Verónica charlou connosco durante aproximadamente unha hora.
Hoxe estades de peche no Campus, pero este Nadal tiveches absolutamente de todo.
Este Nadal tiven de todo menos descansar. As dúas últimas semanas foron un non parar, cos Premio As, polas mañás no campus, colexios, charlas, polas tardes en clubs de fútbol…
Xa, pero tamén é un gusto estar con tantos nenos, supoño que te enche como profesional.
É o máis gratificante sen dúbida. Chegar e ver como os pequenos te recoñecen, queren que lles firmes, queren fotos, saben como che foi a tempada e demais.
E xa non só nenos. Neste último ano por España, notaches moita máis popularidade entre a xente?
Foi nos dous últimos anos dende que marchei a Estados Unidos, penso que o boom vén de alí. A partir de aí tiven máis espazo nos medios, co cal chegas a máis xente, especialmente aquí en Galicia, e especialmente en Santiago onde a xente vaime recoñecendo e polo menos saben a que me dedico, quen son…
En cambio, nos inicios, as cousas non foron tan sinxelas. Non é así?
Si, eu empecei aquí en Santiago e había unha norma que prohibía xogar ás rapazas cos rapaces, co cal o primeiro ano eu ía adestrar e ía ós partidos, pero non podía xogar. Por sorte, entre meu pai e o presidente do club conseguiron cambiar esa norma. Ó final sempre es diferente, sénteste así porque tes que cambiarte en sitios diferentes ou vas sen cambiar para casa. Tamén, polo trato dalgúns compañeiros, polo público, os comentarios dos pais…non é fácil. Se España con respecto a outros países vai con atraso no fútbol feminino, en Galicia con respecto a outras comunidades é o mesmo.
E de quen pensas que é un pouco a culpa? Federacións, clubs, sociedade, prensa?
Todos temos unha parte de culpa. Evidentemente, a sociedade española segue sendo machista e está educada dunha forma machista. Temos moitos anos de cultura desa forma. Cambiar todo iso leva tempo e pouco a pouco imos cambiando, vemos un avance. Pero segue custando chegar a moita xente, que entendan que isto da igualdade non é só teórico senón que ten que ser práctico.
Ti tiveches sorte porque o teu pai estaba metido no mundo do fútbol, pero moitas veces son os propios pais os que frean ás rapazas.
Si, por iso cando me contan algún caso paréceme incrible que a estas alturas haxa pais que as manden xogar ó baloncesto e non ó fútbol que é o que a elas lle gusta. A min non me entra na cabeza. Eu tiven a sorte de que meu pai era, e é, adestrador e de que sempre tiven o apoio da miña nai que era a primeira que me facía continuar. Sei que sen eles sería moi complicado. Tamén estivo meu irmán maior defendéndome sempre. Tiven esa sorte e espero que pouco a pouco os pais das nenas vexan isto algo normal e que se sintan orgullosos de que as súas fillas tamén xoguen ao fútbol.
Esa diferenza que sinalas ti de Galicia con respecto a outras comunidades xa non é só en como se toma este tema a sociedade, senón tamén no aspecto económico. Hai casos de clubs galegos nos que as boas xogadoras se marchan a Madrid ou Valencia onde os salarios son máis altos.
Evidentemente en Galicia non temos equipo na elite. O ano pasado estaba o Olivo e custoulle Deus e axuda, aínda que baixaron de categoría, aguantar a tempada cun presuposto inferior ó resto de equipos, tendo en conta que non tiñan patrocinadores. Eu penso que é un problema global pero que incide máis en Galicia porque en moitos aspectos vai por detrás do resto. E a nivel de mentalidade aínda máis.
Vémolo no caso do Compos feminino que xoga e adestra en peores campos ou con peores horarios que os homes.
Eu penso que iso xa o temos un pouco asumido. Os peores horarios, os peores vestiarios e as peores cousas van a ser sempre para nós. Iso é algo que hai que cambiar, que pouco a pouco intentan co tema da igualdade, pero que evidentemente aínda non é real.
En España, xa non só en Galicia, se es futbolista feminina non podes vivir directamente diso coma un futbolista masculino. Practicamente todas as túas compañeiras teñen que compaxinar estudos co fútbol e ti tamén o fixeches en Zaragoza. Como foi esa época?
Pois eu sempre levei estudos e fútbol e, para min, as dúas cousas eran igual de importantes. Cando eu empecei non pensaba que puidese chegar a ser futbolista profesional e poder vivir diso. Cos anos vas vendo as opcións que tes e eu o que tiña claro era que quería rematar os meus estudos. Rematei bacharelato para poder marchar e despois continuei coa miña carreira en Zaragoza. A mensaxe que lle dou ós rapaces é que non é escusa, aínda que tamén os pais o primeiro que usan para castigar é o deporte, cando o deporte debería ser un premio. Tamén lles digo que hai tempo para todo, en España todas as xogadoras ou traballan ou estudan porque o fútbol feminino dá para o que dá, para ir vivindo e non moito máis. Incluso eu, que agora son profesional, o día que remate como futbolista teño que ter un futuro despois porque non vou vivir do que gaño agora.
Ti polo menos tiveches a sorte de poder saír fóra e agora coñeces unha liga totalmente profesional como é a sueca.
Si, eu sempre digo que son unha privilexiada porque vivo o que moitas queren e non poden. O meu soño sería ter a situación que eu teño en España, sen ter que marchar da casa. Tamén o valoro como o merece polo que costa poder chegar ata aí, e así intento transmitilo. Penso que agora as rapazas do campus ou calquera que comece en España a xogar ao fútbol ve que hai opcións de ir fóra, de xogar en ligas profesionais e de dedicarte a isto. Era un pouco o que botabamos en falta, ter referentes femininos e non masculinos. Preguntábaslles ás nenas quen querían ser e dicían Messi ou Cristiano. Agora se lles preguntas e din algunha de nós, pois é algo moi bo que pouco a pouco se está estendendo.
Seguindo con este tema, o problema do fútbol prodúcese en España con todo o deporte feminino. Estamos vendo xogadoras de balonmán como Begoña Fernández, a viguesa que ganou a medalla nos Xogos Olímpicos, que está xogando fóra ou a Amaia Valdemoro que se tivo que ir a xogar fóra en baloncesto xa hai tempo. Como cres que se podería cambiar iso en España? Hai algunha posibilidade ou ten que ser algo moi lento?
Penso que é algo moi lento porque cambiar algo de repente é, por sorte ou por desgraza, cuestión de cartos. Se houbese algún patrocinador, alguén interesado realmente en impulsar unha modalidade feminina, faríao gastando uns cartos e dándolle un nome. Pero eu penso que iso é algo momentáneo. Onde hai que traballar é nas escolas cos rapaces. E nós, cando o día de mañá sexamos nais e pais, teremos que cambiar a educación dos nosos fillos para poder construír algo decente e duradeiro que agora non pode ser.
O problema económico tamén vén, en certa medida, dado polos medios de comunicación porque non son un escaparate para o deporte feminino e non incitan aos patrocinadores a investir.
É unha pescada que se morde a cola. Os patrocinadores o que queren é publicidade, a publicidade o que quere son patrocinadores, quérese espectáculo e atraer á xente pero se non llo das a xente non vai vir. Iso ten que empezar a rodar dalgunha maneira e ata agora estamos coxos. É difícil. Realmente non é por falta de nivel porque nos últimos Xogos a maioría de medallas foron mulleres, temos en wáter-polo, en balonmán…Sempre o fan ben tanto a nivel de seleccións como a nivel de clubs. Nós vamos estar na próxima Eurocopa, é dicir, si que hai éxito no deporte feminino. Iso con todos os déficits que temos e sen ter todo o apoio que teñen os homes. Aínda así estamos conseguindo moitísimos máis resultados. O rendemento, o traballo, o que nós facemos e os resultados son o único que nós podemos presentar. Agora, si que necesitamos patrocinadores que se interesen por isto e que a prensa nos adique un pouco máis de espazo para poder chegar a máis xente. Pero botar a andar iso, non é fácil.
Pensas que non se aproveitou ben o boom dos Xogos Olímpicos con todas as medallas que logrou o deporte feminino? Púidose aproveitar moito máis do que se fixo?
No seu momento todos estamos pendentes do taekwondo ou do piragüismo pero despois esquéceste desas modalidades deportivas durante catro anos. A quen lle corresponde publicitar todo iso? Ao final ti colles os periódicos deportivos ou ves os deportes e o 95% é fútbol, e dese 95% o 90% é Barça e Madrid. O 5% final é para o resto de modalidades deportivas onde primeiro irán os homes e despois irán as mulleres. Cambiar todo iso…eu non vexo outra forma que non sexa dende a base, onde realmente se vexa que os rapaces que veñen agora estean educados nunha igualdade que ata agora nunca houbo aquí en España.
Pero con todo o tirón que ten o fútbol, por que nos propios medios se lle dá máis importancia a outro tipo de deportes femininos?
Porque o fútbol é o deporte rei masculino. Iso é unha carga a maiores que nós temos. Outros deportes coma o baloncesto ou balonmán femininos están moito mellor vistos ca o fútbol, que ten o tópico de ser máis masculino. Este feito complícanos as cousas e pódese ver que as mellores ligas femininas, coma a sueca na que estou eu, atópanse en países onde a liga de fútbol masculino ten pouco nivel. Noutros sitios, coma os Estados Unidos, é todo o contrario, o fútbol é un deporte feminino. Os nenos apúntanse a fútbol americano e as nenas ao soccer. Alí as rapazas queren ser como Wanda, como Morgan ou como todas as xogadoras que poden ver, porque se potencia a imaxe do fútbol feminino.
Isto tamén se debe a que o modelo de negocio do deporte americano é máis atractivo.
Porque en Estados Unidos todo ten que ser máis atractivo, é o que lles gusta. Pero máis que o modelo, o que importa é a cultura deportiva. A cultura deportiva en España é ir os domingo ó bar a ver o fútbol, e a súa é distinta, porque ademais diso, senten orgullo polos seus deportistas. En Estados Unidos, un deportista é unha persoa importante.
De todas as ligas nas que estiveches fóra, cal foi a que máis che encheu como persoa e como profesional a tódolos niveis?
É difícil responder, porque cría que nada ía superar á liga americana, e a nivel de organización e de impacto segue sendo así, porque está todo máis mediatizado e atrae máis xente. A experiencia foi moi boa, xa que ademais as mellores xogadoras do mundo estaban alí, pero na liga sueca o plano deportivo foi moito máis gratificante, cunha tempada moito máis longa e unha liga regular disputada, mentres que nos Estados Unidos xógase un playoff. Outra diferenza é que quizais na liga americana prima máis o aspecto físico e, porén, en Suecia está todo máis equilibrado.
Foi gañar a liga co Tyresö o mellor momento da túa carreira ou quédaste co gol con España?
O gol con España foi o mellor momento puntual da miña carreira, pero como momento cume ata agora, quedaríame co final de 2012. Despois de varios anos perdendo ligas nos últimos instantes, tanto en España coma nos Estados Unidos, e de varias decepcións ca selección. Chegaba á fase de clasificación con España no miña peor etapa moralmente, e saín de alí co mellor momento da miña carreira.
Que se che pasa pola cabeza cando fallas o penalti?
O primeiro que pensei foi: “non, isto non pode estar pasando”. Despois pensas en todo o que xa perdiches, as outras finais, e pensas que iso non pode volver pasar. Doume a volta, vexo as compañeiras tiradas no chan, chorando, busco unha mirada no banco, ninguén mira, tamén chorando, e pensas no que acabas de provocar. Porén, había algo que me dicía que todo ía rematar cun bo final, xa o notara durante todo o partido. O que non me podería perdoar era non loitar ata o final ese minuto que quedaba. No momento en que vexo que o balón volve de novo cara a área, sei que vai acabar en min. Por sorte, acabou, e puido ser gol.
Estás dacordo entón con que o fútbol sempre devolve todo o que se inviste nel?
Unhas das frases que me gustan é: “non lle pidas recompensas ao fútbol, porque o fútbol é a recompensa”. Ás veces non valoras todo o que che dá e hai xente que deixa o deporte, xa non só o fútbol, porque pensa que está gastando nel máis do que recibe. Incluso cando es máis novo e ves que non podes ir de festa cos teus amigos porque tes partido ó día seguinte, eu penso que hai que ser conscientes de que en realidade, non es ti quen perde non saíndo de festa, senón eles que non poden aproveitar todo o que aporta o fútbol.
É unha mentalidade que comparten moitos equipos pequenos, que un pequeno logro ou vitoria compensa todo o demais.
Iso é algo que me quedou moi marcado da miña etapa no Espanyol, esa mentalidade, esa forma de ser da afección. Cando cheguei alí eu non era do Espanyol e iso fíxome ser unha seguidora máis do club agora. A todo o mundo lle gusta gañar e estar sempre no alto. Eu ademais, son unha persoa moi ambiciosa e, deportivamente, pretendo chegar ó máximo. Perdes moitas veces, pero segues intentándoo. Cando conseguimos a liga sueca na última xornada, non esqueces o outro, pero valoras o conseguido moito máis.
Que expectativas tes para esta tempada na Liga e na Copa de Europa?
A verdade é que comeza unha tempada cargada de ilusións. Temos tres títulos posibles: a Copa, que a perdemos o ano pasado na final co cal hai unha motivación maior, a Supercopa, que é un título máis, e tratar de repetir a Liga. Tamén competimos na Champions, na que xa competira en Rusia pero con expectativas menores, e veremos se cando remate en 2014 podemos estar na final. Ademais, con España temos a Eurocopa, que se xoga en Suecia, e a ver se isto é unha sinal de que as cousas van ir ben.
Que posibilidades lle ves a España nesa Eurocopa?
En primeiro lugar, o feito de ir, que xa é un mérito moi grande. Para nós, participar é un éxito despois de dezaseis anos sen ir. Loitar por gañala é moi difícil, xa que hai moitas seleccións por enriba do noso nivel, pero unha vez alí a un partido podemos gañarlle a calquera.
Compararías a rivalidade alí existente entre Tyresö e Malmö con algunha das de aquí?
Non se podería comparar coa que hai entre Madrid e Barça, porque alí é algo máis recente, non leva tantos anos instalada. Pero en canto a nivel de potencial deportivo, si que é comparable.
Ves a túa reconversión táctica en Suecia, na que pasaches de dianteira a medio centro como un aspecto positivo da túa carreira? Onde te atopas máis cómoda?
A miña posición natural, onde me atopo mellor é a de media punta. Coa selección, xogo habitualmente tamén de nove, con unha ou dúas puntas. No Tyresö teño un rol máis de creación, pero a todo o mundo lle gusta marcar goles, eu incluída. Porén, este ano disfrutei moito comezando xogadas e dando asistencias, aínda que me gustase poder rematar máis.
Foi difícil a adaptación en Suecia? Lembras algunha anécdota co idioma?
Por sorte, en Suecia son bilingües e podía empregar o inglés para defenderme, pero xa que estou alí, intento aprender o idioma.
De tódolos xeitos, o choque cultural é notable entre todos os países do mundo nos que estiveches, porque hai grandes diferenzas entre países como España, Estados Unidos e Rusia.
Si, eu pasei de Estados Unidos a Rusia e son culturas totalmente diferentes. Sempre valoro o que me ofrece o fútbol á marxe do deportivo, que me permite medrar como persoa e que outra xente non pode vivir. Intento integrarme na forma de vida e nas costumes dos países nos que estiven. Logo fas unha xuntanza de todos os lugares nos que estiveches e entendes cousas que antes non entendías.
Malia estar satisfeita nos países nos que estiveches, o teu obxectivo fundamental con proxectos como o do campus, pode ser traer esa filosofía de fútbol ata aquí?
A min sempre me gusta volver a casa e sempre digo que no fútbol feminino é moi importante o que poidamos facer nós. O que non fagamos nós, non o vai facer ninguén. Co cal, eu estou implicada no meu deporte como futbolista pero tamén pensando no futuro. E unha das razóns que buscamos era traer a igualdade e a normalidade neste campus xa que podería ser un campus feminino, pero non lle vexo a lóxica a iso, xa que eu vivín unha discriminación que non me gustaría que os nenos a vivan agora. Eu o que quero é que sexa totalmente igualitario. Con todo isto, intento que os rapaces vexan que hai mulleres que xogan ó fútbol e que as nenas vexan que poden chegar a ser profesionais e que se poden adicar a isto.
De tódolos xeitos, entendes a igualdade en termos relativos, xa que hai pouco tempo dixeches nunha entrevista na TVG que «as condicións físicas fan que nenos e nenas non poidan xogar xuntos» Ti non cres nun modelo de homes e mulleres xogando á vez no campo?
Eu creo nunha educación conxunta ata que as diferenzas físicas sexan insalvables, xa que non podemos negar que entre un home e unha muller hai unhas claras diferenzas físicas. Por exemplo, as probas para ser policía non son as mesmas para un home que para unha muller, aínda que ó final van a facer o mesmo traballo, pero un home sempre vai correr máis, sempre vai saltar máis e sempre vai ser máis forte. Hai excepcións, pero o que eu non quero dar a entender é que o noso obxectivo é igualarnos ós homes neste aspecto, senón que o noso deporte debe coller fama e forza por si mesmo. A xente debe vir a ver partidos femininos igual que vai a ver partidos masculinos, porque penso que hai outros aspectos como a calidade que si que poden ser similares.
Se ti traballas cunha nena ou cun neno, e aquí no campus hai moitos exemplos, van a ser iguais a nivel técnico, táctico ou de calidade. De feito, incluso as nenas poden chegar a ser mellores, pero fisicamente non podes competir e iso nun deporte como é o fútbol, que é de forza e de resistencia, nótase de forma moi marcada. Eu podo ser mellor ca un home pero si eu o vou regatear, e el vai chegar alí antes ca min, non vou poder facer nada. O mesmo ocorre cun centro onde el vai saltar tres metros e eu vou saltar un e medio. Nesas condicións, evidentemente, non podemos competir. Ata certa idade pódese, pero a partir dela xa non. O fútbol feminino debe de enganchar por ver fútbol e ver ás mulleres xogando ó fútbol.
Unha das principais críticas que lle fai a xente ó fútbol feminino é exactamente esa, que é menos forte, que ten menos potencia e que iso á hora de velo tira para atrás. Pensas que iso é unha escusa?
Hai que recoñecer que o fútbol masculino é un fútbol máis forte xa que hai intensidade, hai máis forza física, os xogadores corren máis pero tamén hai que dicir que hai partidos femininos moitísimo mellores que os partidos masculinos, o que pasa é que hai niveis e niveis.
Ti ves partidos na televisión, como por exemplo un Valladolid-Deportivo, que podes comer pipas todo o partido e ves o resultado e é exactamente o mesmo, non hai máis. Entón, eu entendo que si que bote para atrás o tema físico, e o que temos que tentar pola nosa parte é que cada día o noso fútbol sexa mellor co cal temos que adestrar máis, xogar máis rápido e traballar máis a forza, pero nunca chegaremos ós niveis físicos dos homes. O espectador ten que ser consciente de que temos esa limitación e non pode buscar ver un partido de homes xogado por mulleres, senón ver un partido de fútbol normal. Nós xogamos ó fútbol, non temos esas capacidades físicas, pero temos outras moitas capacidades para demostrar que xogamos ó fútbol igual que eles ou mellor.
Eu estou convencida e coñezo a moitos futbolistas que son peores que mulleres. Hai numerosas xogadoras de fútbol que por calidade estarían xogando en primeira e, no sentido contrario, hai moitos xogadores de primeira que non teñen a calidade de moitas rapazas, pero fisicamente como xa dixen non podemos competir. Xa bastante é para nós non poder competir, nin ser profesionais reais, nin gañar tantos cartos como eles ganan. A diferenza, é que a xente non enche os nosos estadios. Ó final se eles ganan tanto é porque o xeran.
Pero todo isto non deixa de ser unha utopía ou é un obxectivo real?
No que se refire a igualarnos a eles eu penso que o seu fútbol está moi desorbitado. A vida que eles teñen non é real. Estamos cansos de ver millóns de euros que se pagan por futbolistas ou que cobran eles por tempada por unha cousa como xogar ó fútbol, non por salvar vidas. Moitas veces dicimos que eles están endeusados, pero realmente é que nós os endeusamos e eles viven a realidade que nós creamos para eles. Polo tanto, creo que eles non deberían vivir onde viven, nin nós vivir onde vivimos. Non sei se igualarnos a eles nun punto intermedio sería posible, pero nós o que queremos é mellorar a nosa situación. Con respecto a deles, cada un que aproveite o que ten.
Un referente na túa carreira.
Por desgraza non tiven ningún referente feminino ata que xa me tomaba isto do fútbol realmente en serio. Dende entón, o meu referente foi a brasileira Marta, que agora é a miña compañeira de equipo. Eu o que quería era ser como ela porque estaba na cúspide e agora pois estou, non sei se ó seu nivel, pero si que estamos xogando xuntas e a verdade é que iso a nivel persoal é moi gratificante.
Despois, a nivel masculino actualmente creo que Messi é o xogador referente para calquera. Pero tamén tiven xogadores que me marcaron como foron Ronaldo na súa época boa, xa que foi o dianteiro que máis me impresionou, e Samuel Eto’o sobre todo polo seu carácter.
Un desexo para o futuro.
Pois que o fútbol feminino mellore a súa situación actual. E logo, xa persoalmente, o único que quero é evitar as lesións e poder seguir facendo o que me gusta. Moitas veces podes pedir gañar un título, pero creo que iso tampouco é o máis importante. Evidentemente, gustaríame participar nuns Xogos Olímpicos porque penso que como futbolista e, sobre todo, como deportista é o logro máximo para calquera, e senón pois un Mundial que non estaría nada mal.
E retornar?
Pois si, mellor que na casa en ningún sitio. Ademais, eu cando estou fóra teño moita morriña e encantaríame estar aquí na casa xogando en Galicia, pero sei que se retorno pronto a Galicia, ou incluso a España, é unha mala sinal para a miña carreira porque non creo que mude tan rápido a situación en xeral. O que si que espero é volver nun futuro e ver unha situación moi diferente.
Sería un soño para ti poñer o punto e final a túa carreira en Superliga Feminina nun equipo galego?
Si, sen dúbida que o sería. Hai xogadores que din que queren deixalo no alto da súa carreira, pero eu penso que o alto depende de como te atopes en cada momento. Eu o alto nivel o deixarei cando non poida competir a ese nivel, pero despois haberá outra categoría ou outra situación na que poida seguir desfrutando do fútbol mentres o corpo e a cabeza sigan ben. Ó final, o fútbol é a miña vida, e sei que o día que remate de xogar vou seguir ligada ó fútbol polo que todo vai ser un cambio progresivo.
Polo tanto, gustaríache adestrar?
Si, ademais estou convencida de que acabarei sendo iso porque é o que me gusta. De feito, xa teño o primeiro nivel de adestradora e agora estou sacando o segundo. Cando estaba aquí xa levaba as categorías inferiores do Amio e levaba sempre equipos de nenos e de nenas e, se xa era capaz de facer iso con quince anos, pois agora aínda mellor o poderei facer. Eu penso que se realmente che gusta isto tes moita máis facilidade, e eu creo que nisto do fútbol pois transmito bastante ben o que eu quero dicir. Ademais, teño moi bo feeling cos rapaces, o que sempre é moi importante.
Entrevista realizada por Gonzalo Da Cuña, Andrea Oca e Javi Ramos.