Valero Rivera, no centro da polémica

6 de febreiro do 2005. Tunisia. Juan Carlos Pastor. David Barrufet, José Javier Hombrados, Mateo Garralda, Juanín García, Rolando Uríos e compañía. España barre da pista á favorita Croacia e, na súa primeira final dun Mundial, acada o ouro. España demostra ao mundo que está entre os mellores. O que vai confirmar un ano despois en Suiza, nun Europeo no que cae na final mais por primeira vez na súa historia consegue disputar dúas grandes finais consecutivas. As dúas últimas. Oito anos despois daquela tarde en Rades, e sete da derrota en Zurich diante de Francia, España busca no “seu” Mundial voltar á loita pola medalla de ouro.

Juan Carlos Pastor deixa de comandar a nave española no 2008, despois de lograr en Pekín o terceiro bronce olímpico para a selección española e de que a Asobal e a Federación prohiban que os adestradores da Liga compaxinen o seu cargo co de seleccionador. Profundos cambios na Federación Española de Balonmán, Juan de Dios Román substituirá a Ricondo na Presidencia, e xunto a el chega coma seleccionador unha das grandes figuras, e das máis polémicas, do balonmán español. Valero Rivera arriba a finais do 2008 e fracasa estrepitosamente dous meses despois, clasificándose na decimo terceira posición no Mundial de Croacia, o peor resultado da selección española nun Campionato do Mundo dende 1974. Co comezo do ciclo olímpico o obxectivo non é outro que renovar un equipo excesivamente avellentado, en concreto na portería e nun lateral dereito que despois de Mateo Garralda e Mariano Ortega fica orfo.

Son moitos os que non entenden a incompatibilidade nos cargos de adestrador e seleccionador que provocaron a decisión de Juan Carlos Pastor de abandonar, mentres a Valero Rivera se lle permite conciliar a dirección deportiva de España coa dirección de Valero Rivera Asesoramiento Deportivo SL, unha empresa de representación de deportistas, xogadores de balonmán na súa maior parte. Os resultados seguen sen axudar ata o Mundial do 2011, xa que no Europeo do 2010 o equipo non consegue superar a Segunda Fase despois do serio correctivo diante de Polonia e a tensión vai en aumento. España acaba de ser designada organizadora do Mundial de 2013. Realizar un bo papel é unha obriga. No ano anterior aos Xogos Olímpicos as cousas semella que voltan ao camiño correcto, España acadará unha medalla de bronce no Mundial despois de realizar un bo torneo e atoparse en semifinais a unha inconmensurable Dinamarca.

2012, ano olímpico e, polo tanto, ano de Europeo coa clasificación directa para os Xogos Olímpicos en xogo. Mal comezo, España finaliza cuarta e debe lograr o billete no Preolímpico. As voces críticas con Valero, notables dende o comezo, incrementaranse no momento en que presenta a lista. Juanín García, o máximo goleador da historia da selección española e titular no FC Barcelona durante toda a tempada perde a súa praza en detrimento de Valero Rivera Folch (Valero Rivera Jr.) e de Cristian Ugalde. Os motivos non semellan ser estritamente deportivos, ben é certo que Valero Rivera Jr. foi elixido mellor xogador da Liga Francesa durante a pasada tempada, mais Cristian Ugalde non realizara máis méritos (suplente de Juanín no equipo blaugrana) que o de ser representado polo propio Valero. É, quizais, o caso máis destacado dunha lista formada por un total de 18 xogadores, dos cales oito están representados por Valero Rivera Asesoramiento Deportivo SL. A esixencia de medalla é case total, aínda que España non acabe de atopar (ou que Valero Rivera non convoque) a lanzadores exteriores que axuden a abrir as defensas e que se aproveiten de todo o que produce Julen Aginagalde nos seis metros, o demostrado no Mundial do ano anterior, máis a experiencia adquirida, debe ser suficiente.

España volve tropezar con Dinamarca. O sexto posto sabe mal e preocupa; segue sen entenderse a presencia de Mikel Aguirrezabalaga, entre outros, nesta competición e a presión sobre Valero é máxima, mais dende a Federación non se aposta por un cambio debido a proximidade do Mundial no que España será anfitrioa. A polémica acompaña, e acompañará, a Valero Rivera xa que volve a deixar fóra a Juanín García do Mundial en beneficio de Valero Rivera Jr. e Cristian Ugalde en primeira instancia. Mais cando este último cae lesionado, no lugar de reconsiderar a postura e contar co de León, chamará a Aitor Ariño, o enésimo xogador representado por Valero Rivera. Culpa a Juanín, directa ou indirectamente, de crear problemas no vestiario e non asumir as súas ideas, mais deixar fóra a un dos buques insignia do balonmán español por asuntos extradeportivos semella un risco totalmente innecesario. Fundamentalmente cando estamos diante dun equipo traballador, un bloque sen apenas fisuras, mais carente de maxia. Un equipo que prescinde do “Artista” cando calidade non é precisamente o que lle sobra, como recoñecía Vujovic a El País. O certo é que serán os resultados os que diten sentenza. Uns resultados que dende que chegou ao posto non lle dan a razón.

Foto de portada: Eurosport