Un mundial anónimo

Este domingo acendín a televisión e dispúxenme a informarme sobre o horario dun partido. Tranquilamente, puxen un dos informativos deportivos con máis audiencia da televisión nacional. Despois de ver corenta minutos de vídeos adicados a dous equipos de fútbol, unhas referencias ó resto e uns vídeos das mellores canastras da liga americana, rematou o informativo. Tras probar en dúas canles máis, cun tempo de deportes máis reducido, tiven que levantarme do sofá e acender o ordenador. Accedín entón ós portais deportivos habituais, e nas súas páxinas de portada tampouco atopei nada. Resignado, tiven que acudir á páxina web oficial do torneo. A culpa é miña, por querer saber o horario dun partido dun Mundial que se disputa no meu país.

Aínda que moitos aínda non o saiban, estase disputando un Mundial de balonmán en España dende o venres pasado. Nese acontecemento, a nosa selección xa leva gañados tres partidos e de momento mantense invicta. Porén, a cobertura por parte dos medios de comunicación españois está sendo nula ou escasa, tanto na previa como no comezo do mundial, e simplemente parece que se sumarán ó carro se as cousas van ben para España. Imaxinan vostedes canto se falaría dun Mundial de fútbol en España? Ou cantas polémicas xeraría no xornalismo deportivo que un dos baluartes da selección se quedara fóra do equipo habitual? Pois as dúas cousas sucederon neste mundial hispano, que moitos están perdendo quizais pola falta de información, porque xa sabemos que o espectador moitas veces é moi cómodo.

Mención aparte, merece a cobertura que Televisión Española está ofrecendo  desta competición. O ente público está facendo as cousas ben por unha vez, e grazas a Teledeporte podemos seguir bastante ben esta competición, ofrecendo retransmisións en directo, programas resumo e análises da propia competición.  A súa web, tamén ofrece unha multipantalla moi interesante para todos os amantes do deporte, xa que poden elixir o partido que queren ver. Os profesionais están facendo un bo traballo e o esforzo para ter a produción propia do mundial tamén está sendo correcto, aínda que iso ás veces fai que outros eventos queden ó libre albedrío, como o baloncesto, onde o domingo cortaron a retransmisión a seis segundos exactos para decidirse que equipo se clasificaba para a Copa do Rei. A manta de recursos xornalísticos ás veces tamén é unha manta moi curta.

Polo tanto, estamos ante un mundial que se fai atípico, xa que os grandes medios non lle están dando a importancia que debería de ter e onde certos aspectos da organización tamén están fallando. O cambio de sede do Madrid Arena ata a Caja Mágica non foi positivo para o campionato, xa que nos primeiros partidos parecía que as cousas estaban a medio facer na nova sede. Outras decisións da organización, como colocar unha sede en Sevilla, lugar de escasa tradición deste deporte, tampouco foron moi acertadas e non están contribuíndo ó espectáculo, xa que o pavillón sevillano presentou un aspecto bastante pobre nas primeiras xornadas. Estas decisións, unidas á pouca importancia que esta collendo o acontecemento, non lle fan máis que un mal favor á candidatura olímpica de Madrid 2020.

Porén, no noso país temos a estrelas mundiais do calibre de Mikkel Hansen ou de Nikola Karabatic, e parece que sigue apetecendo máis falar dunha liga que hai tempo que está decidida. O mes parecía propicio, xa que xaneiro non era un mes de demasiada actividade futbolística. Pero parece que iso, por pouco que sexa, sempre está por diante de todo. Como consolo, só queda esperar unha boa actuación da nosa selección que enganche tanto a xente como os medios. Se iso acontecera, esperemos que desta vez o balonmán si que consiga aproveitar o tirón dun bo resultado, como non pasou noutras ocasións que todos coñecemos (triunfo no Mundial de 2005 ou bronce do balonmán feminino en Londres). Mentres tanto, uns poucos viviremos con emoción este mundial, aínda que para o ámbito dos medios e boa parte da sociedade sexa practicamente anónimo.